Turín

comuna italiana
(Redirección desde «Torino»)

Coordenadas: 45°4′0″N 7°42′0″L / 45.06667, -7.70000

Turín[1][2] (en italiano: Torino, en piemontés: Turin) é unha cidade do norte de Italia, capital da rexión do Piemonte, situada na beira do río Po e rodeada polos Alpes. Como residencia oficial da Casa de Savoia, foi a antiga capital do Ducado de Savoia entre 1562 e 1718, posteriormente capital de facto do Reino de Sardeña entre 1720 e 1861, finalmente foi a primeira capital de Italia entre 1861 e 1865. Cunha poboación de 909.205 habitantes (2009), na actualidade Turín é un importante centro cultural, industrial e comercial.

Turín
Torino
Turin
Flag of Turin.svg
Stemma di Torino (CoA of Turin).svg
Turin Montage.png
Panorámica da cidade
Localización
Turín en Italia
Turín
Turín
PaísItalia Italia
RexiónPiemonte
ProvinciaProvincia de Turín
Xeografía
Altitude239 msnm
Superficie130.17 km²
Demografía
Poboación911.823 hab. (2012)
Densidade9.000 hab/km²
XentilicioTurinés/esa[1]
Outros datos
Código postal10100, 10121-10156
AlcaldePiero Fassino (PD)
Páxina oficial de Turín

HistoriaEditar

Artigo principal: Historia urbana de Turín.

Na antigüidade a zona estivo habitada polo pobo dos Taurinos, unha tribo celta-ligur que ocupaba o val superior do río Po. Segundo Polibio a súa capital recibía o nome de Taurasia. A orixe etimolóxica dese nome provén da raíz indíxena Tauro (outeiro). Polibio escribiu que no ano 218 a.C. os taurinos foron atacados por Aníbal, que conquistou Taurasia tras 3 días de asedio.

No ano 27 a.C. estableceuse un campamento romano chamado Castra Taurinorum, que máis adiante sería a colonia de Iulia Augusta Taurinorum. Os romanos identificaron o nome orixinal do pobo coa palabra latina Tauro (boi), animal que pasou a ser o símbolo da localidade até hoxe. O trazado urbano do antigo campamento romano aínda se conserva no centro da actual cidade de Turín. No ano 69 a cidade quedou destruída polo lume durante as loitas entre os exércitos do emperador Otón e os de Vitelio.

Trala caída do Imperio Romano, a cidade pasou polas mans dos ostrogodos e dos longobardos. En 773 foi conquistada por Carlomagno e pasou a ser un condado franco. En 941 creouse a Marca de Turín, un feudo baixo a administración conxunta do Sacro Imperio Romano Xermánico e do antigo Reino de Italia. Durante os séculos XII e XIII foi unha cidade libre, até que en 1280 pasou ás mans de Savoia.

En 1559, trala Paz de Cateau-Cambrésis, Francia renunciou ás súas aspiracións de facerse con territorios italianos, devolveu Savoia e Piemonte á Casa de Savoia, e a capital do Ducado de Savoia pasou de Chambéry a Turín. Dende entón comezou a medrar na cidade unha arquitectura monumental composta por residencias reais e grandes templos relixiosos. A comezos do século XVIII a cidade foi asediada polo exército francés durante a Guerra de Sucesión española. O asedio rematou coa vitoria local sobre os atacantes. Non obstante, entre 1798 e 1814 os Duques de Savoia estiveron expulsados de Turín polos franceses post revolucionarios, e recluidos no seu Reino de Sardeña.

No século XIX Turín converteuse no motor que impulsou a unidade italiana, e máis adiante foi a primeira capital de Italia baixo o reinado de Vítor Manuel II, precisamente membro da Casa de Savoia. A capitalidade italiana de Turín durou entre 1861 e 1865, pasando despois a Florencia (1865-1871), e finalmente a Roma (1871-hoxe).

MonumentosEditar

 
Mole Antonelliana.

EconomíaEditar

Turín é un centro industrial de primeira orde dentro de Italia. Varias das empresas máis grandes e salientables do país naceron nesta cidade, comezando por Fiat, e seguindo por Lancia, Kappa, Martini & Rossi, Olivetti, Telecom Italia, RAI, Iveco etc. Alfa Romeo tamén ten a súa sede en Turín. A cidade tamén acolle ó grupo bancario Intesa Sanpaolo, considerado o segundo do país en termos de capitalización bolsista.

A industria turística tamén é moi salientable na cidade. O número de turistas que visitan Turín cada ano achégase ós 5'3 millóns (2008). Algúns dos atractivos da cidade para os visitantes son os museos, como o Museo Nacional do Cinema que está na Mole Antonelliana, ou o importante Museo Exipcio de Turín.

 
Factoría de Fiat en 1928, edificio Lingotto.

FiatEditar

A empresa FIAT (acrónimo de Fabbrica Italiana Automobili Torino) foi fundada o 11 de xullo de 1899 para producir vehículos, e actualmente é o grupo industrial máis grande e importante do país.

O Lingotto, situado na propia cidade de Turín, foi no seu día a maior fábrica de coches do mundo. A fábrica tiña 5 andares. As pezas entraban por abaixo, e a medida que se ían transformando nun coche, avanzaban en espiral polo interior do edificio cara arriba, rematando no último andar cando xa estaba rematado. No canto dun tellado, na súa parte máis alta o edificio ten un circuíto oval de probas con curvas peraltadas, de xeito que no seu día os coches rematados xa eran postos a proba no propio edificio. Nos anos 80 o edificio deixou de traballar como fábrica e foi reformado. Actualmente acolle salas de concertos, salas de cinema, tendas, un hotel e un centro de exposicións. O circuíto aínda existe no tellado do edificio.

DemografíaEditar

Turín ten unha poboación aproximada de 909.000 habitantes (2009), o que significa que medrou dende o censo de 2001 (865.263 hab). A razón deste crecemento é a inmigración. Turín acolle a uns 128.000 inmigrantes estranxeiros, dos cales uns 52.000 son romaneses e 20.000 son marroquís. Este recente crecemento na poboación da cidade freou a caída que se levaba producindo dende 1971, cando a poboación de Turín acadou a súa máxima cantidade, 1.167.968 habitantes.

Calcúlase que a poboación da Área metropolitana de Turín é duns 2'2 millóns de habitantes.

DeportesEditar

FútbolEditar

O 15 de marzo de 1898 fundouse en Turín a actual Federación Italiana de Fútbol. A cidade ten dous clubs de fútbol de gran tradición:

En 1933 inaugurouse en Turín o Stadio Comunale (co nome Stadio Benito Mussolini) por mor da celebración do Mundial de Fútbol Italia 1934, cunha capacidade para 40.000 persoas. O estadio acolleu un encontro de oitavos de final e un máis de cuartos de final. Ámbolos dous equipos fixeron dese novo e moderno recinto o seu fogar durante décadas, até que en 1990 foi inaugurado o novo Stadio delle Alpi con motivo do Mundial de Fútbol Italia 1990, cunha capacidade para 67.411 persoas. Nesa ocasión a cidade acolleu tres encontros da fase de grupos, un máis de oitavos de final e outro de semifinais. Tanto Juventus FC como Torino FC mudáronse ó novo coliseo turinés, pero por pouco tempo. Co gallo da celebración dos Xogos Olímpicos de Inverno de 2006 foi remodelado o Stadio Comunale, de xeito que ámbolos dous equipos volveron ó seu antigo fogar. Non obstante, a Juventus FC chegou a un acordo para derrubar o Stadio delle Alpi e construír no seu sitio un novo estadio de fútbol, que foi estreado en 2011 co nome Juventus Stadium, de xeito que dende ese ano cada club ten o seu propio fogar por separado.

 
Torino 2006.

Xogos Olímpicos de InvernoEditar

Os Xogos Olímpicos de Inverno do ano 2006 tiveron lugar en Turín entre o 10 e o 26 de febreiro, despois de ser elixida en 1999 polo COI. Este evento no que participaron 2633 deportistas supuxo a remodelación das infraextructuras da cidade (metro, estradas, recintos deportivos, instalacións hoteleiras etc). O Stadio Comunale foi remodelado e modernizado, e mesmo rebautizado como Stadio Olimpico de Torino. Ademais foi construído o Palasport Olimpico, un gran pavillón con capacidade para 18.000 persoas deseñado para acoller as probas de hóckey sobre xeo.

CiclismoEditar

A celebración de probas ciclistas ten moita tradición en Turín. Entre 1876 e 2007 disputábase cada ano a clásica Milano-Torino. Dende 1906 vense disputando tamén o Giro do Piemonte polo mes de outubro, proba dun día e 199 quilómetros. É moi habitual que Turín acolla algunha das chegadas ou saídas do Giro de Italia, sendo 2005, 2009 e 2011 os últimos anos nos que houbo unha chegada de etapa na cidade.

Galería de imaxesEditar

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para turinés.
  2. López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1446. ISBN 9788482893419. 

Véxase taménEditar

Ligazóns externasEditar