Cenurose

(Redirección desde «Teo (enfermidade)»)

A cenurose ou, comunmente, teo é unha enfermidade parasitaria do gando ovino, producida polo Coenurus cerebralis, fase larvaria de tenias propias do can: Taenia multiceps, T. serialis e T. brauni.

Trátase dunha enfermidade propia do gando ovino, preferentemente dos animais máis novos; enfermando rara vez as ovellas adultas. Ocasionalmente, cabras, vacas e outros ruminantes silvestres tamén poden sufrir a enfermidade.

  • castelán: torneo, modorra; tecnicamente, cenurosis.
  • alemán: Drehsucht, Kopfdrehe.
  • francés: Tournis.
  • inglés: Gid, Staggers, Turnisk, Waterbrain.
  • italiano: Vertigine idiatigena, Storno.

Etioloxía

editar
 
Cenurose: lesión no cerebro, cenuro e verme adulto

A causa da enfermidade é a presenza da larva da tenia no encéfalo do animal. A larva ten forma dunha vesícula máis ou menos ovoide, chea dun líquido desde incoloro a amarelo pálido. Cando se localiza na canal medular, adopta unha forma tubular.

A tenia, Taenia multiceps, Leske 1780, (antes T. coenurus), é un cestodo da familia Taeniidae, cun ciclo biolóxico mixto: o hospedador definitivo é o can mentres que o hospedador intermediario é a ovella. A sintomatoloxía que produce é distinta nun caso ou noutro, ata o punto de que se consideraron enfermidades diferentes durante séculos, provocadas por parasitos diferentes.

A tenia adulta é un parasito intestinal do can, gato e outros carnívoros silvestres, coma o raposo, que se infestan ó comer as cabezas das ovellas enfermas que o pastoreo desbotaba, xunto coas outras vísceras, despois de sacrificalas para aproveitar a súa carne e que comía o seu can. Os ovos da tenia expúlsanse coas feces do can e quedan sobre a herba ou na auga, para ser inxeridos polas ovellas ó pastaren ou beber.

Patoxenia

editar

Unha vez inxeridos os ovos do parasito, eclosionan no intestino da ovella e libérase a larva I. Esta perfora a parede intestinal e, a través da corrente sanguínea, chega ós diferentes órganos. No caso de invadir o cranio, evoluciona e muda a larva II; excepcionalmente tamén pode aloxarse no canal raquídeo.

Segundo vai medrando a larva, que chega a ter o tamaño dun ovo de galiña ó cabo de 2-3 meses (ou dunha laranxa de tamaño medio nos becerros), vai presionando a masa encefálica, con atrofia do tecido cerebral inmediato á larva, e provoca un aumento da presión intracranial. Todo isto causa os síntomas nerviosos característicos da enfermidade.

Cadro clínico

editar

Os primeiros síntomas aparecen coa chegada das larvas ó cranio, ós 10-14 días da infestación, pero son pouco significativos e adoitan pasar desapercibidos.

Os síntomas característicos aparecen ós 3-6 meses da infestación. Os animais enfermos afástanse do rabaño e avanzan torpemente, coa cabeza baixa, a rentes do chan, e torta. Ás veces pode vérselles apoiando a cabeza no chan ou contra as pedras ou paredes, como facendo forza. Deixan de comer e poden mostrar espasmos musculares, a modo de ataques epilépticos, caendo e tropezando con frecuencia. O andar irregular, a tombos, con rumbo variable, é común. Ás veces presentan marcha lateral, con caída cara a un lado.

Pronto aparecen movementos involuntarios sistematizados, entre os que destaca o andar en círculo: o animal enfermo non deixa de dar voltas e voltas sobre si mesmo, en círculos cada vez menores. Estes movementos diríxense sempre en sentido contrario ó hemiencéfalo lesionado.

Prognóstico

editar

En ocasións, o animal morre por encefalite, pero o normal é un curso crónico. O máis frecuente é que o pastor, ante a perda de comida e a deterioración do estado do animal, prefira sacrificalo. No faenado que realiza para aproveitar a carne, despreza a cabeza, que bota ós seus cans, pechándose así o ciclo.

Tratamento

editar

A enfermidade non ten tratamento na práctica. Algún pastor intenta rebaixar a inflamación do cranio con compresas de auga fría na cabeza, que non serven para nada. A intervención cirúrxica, con trepanación e extirpación da vesícula parasitaria, é difícil, cara e adoita deixar secuelas, polo que nin se intenta.

Profilaxe

editar

As medidas preventivas contra a difusión da enfermidade consisten na destrución das cabezas dos animais enfermos, sen aproveitalas nunca para os cans, e na desparasitación dos cans dos pastores.

editar

O gando ovino ten unha reducida presenza en Galicia, e o censo cada ano é menor. Só representa unha gandería relativamente significativa en Ourense.

Segundo os datos do MAPA (Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación), referidos a novembro de 2023 [1], dos 13 millóns e medio de ovinos censados en España, só posuímos en Galicia 149.779 cabezas, un escaso 1,09%. Por tal razón esta enfermidade non formaba parte da realidade diaria do labrego e deixou pouca pegada na cultura popular galega, pero aínda así está presente, como podemos ver.

Coñecemos os seguintes sinónimos do teo en Galicia: lolo, modorra, rebullón, tortón, tortullón, turtullón e verme canteiro. Dicionarios modernos recollen tamén cenurose, que é a denominación técnica.

O nome de verme canteiro que se lle dá nalgures á vesícula no cerebro aplícase con máis frecuencia ó vagalume. Aínda así, cabe sinalar que outro nome do vagalume que nos fai lembrar o noso teo é o de verme carpinteiro. Franco Grande recolle o dito "ter o verme carpinteiro" co significado de haber perdido un tornillo [1].

Crenzas

editar

Crese que as ovellas contraen o teo por comer no mexacán, herba na que un can fora mexar antes.

Conta Sarmiento (Catálogo VF 1745-1755) que cara ao Seixo (Conxo, Santiago) saben que o teo non ten cura e, para librarse del e que non enfermen outras ovellas, cortan a cabeza da res enferma e vana botar fóra da parroquia. Noutras ocasións ceiban a ovella enferma nun monte lonxe da parroquia [2].

Aníbal Otero recolleu en Piquín (Lugo) estoutra práctica para librarse da enfermidade: córtanlle a cabeza á ovella enferma e bótana ó outro lado do río, sen mirar onde cae [3].

Locucións

editar

O comportamento das ovellas enfermas, ese o seu deambular e andar sen rumbo, trasladouse metaforicamente a expresións como:

  • andar ó lolo: andar cambaleándose (Xerais).
  • cavar ós tortullós: cavar cambiando de dirección continuamente, non en liña recta senón xirando (Cerdedelo, Laza; Elixio Rivas Quintas).
  • marchar ós tortullois: andar ás voltas unha persoas ou animal, atordoado por un golpe ou ferida (Aníbal Otero).
  • parecer a cabra do teo: dise de alguén que non para quieto (Rivas Quintas).

Refraneiro

editar
  • Cando co fato anda o dono, nin dá o teo nin vén o lobo.
    • Llópiz explica que teo e lobo son as dúas razóns que o pegureiro dá para explicar que regrese con menos gando que tiña ó saír [4].

Cantigueiro

editar
  • Meniña, ti te-lo teo: / dormes moitas noites fóra, / por causa do parrafeo (cant. pop. citada por Valladares, 1884).
  1. En Dicionario de dicionarios, s.v. verme.
  2. En Dicionario de Dicionarios, s.v. teo.
  3. En Dicionario de dicionarios, s.v. tortón.
  4. Nótese que lobo tamén é unha das denominacións populares do carbúnculo, outra enfermidade mortal do gando.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • MARTÍNEZ MORENO e outros (1999): Patología de los pequeños rumiantes en imágenes (IV). Enfermedades de los adultos (enfermedades parasitarias), en Información Veterinaria, decembro 1999.

Ligazóns externas

editar