Vicente Llópiz Méndez

militar e filólogo galego

Vicente Llópiz Méndez-Esperante, nado en Olavarría (Arxentina) o 19 de abril de 1896 e finado en Barcelona o 22 de xullo de 1965, foi un militar e filólogo galego.

Infotaula de personaVicente Llópiz Méndez
Biografía
Nacemento19 de abril de 1896 Editar o valor em Wikidata
Provincia de Buenos Aires, Arxentina Editar o valor em Wikidata
Morte22 de xullo de 1965 Editar o valor em Wikidata (69 anos)
Barcelona, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmilitar , filólogo Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

A súa familia era ferrolá pero oriúnda de Manises e regresou a Ferrol en 1906. Destacou por unha especial habilidade para o debuxo. Foi amigo de Francisco Franco na adolescencia.

Fíxose militar en Zaragoza, optando polo corpo de Intendencia. Destinado en Ferrol, dedicouse a coleccionar refráns e palabras galegas que recollía dos seus soldados e dos seus amigos, sacerdotes e avogados. Trasladado a León, casou con María González Laurín e, posteriormente, residiu en Madrid.

Na guerra foi director dos Hospitais Militares da zona de Valladolid. Finalizada a guerra, deixou o exército e marchou a vivir en Zaragoza e, xa os derradeiros anos, en Barcelona, onde seguiu recompilando voces e refráns galegos ata a súa morte.

Foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega[1] en 1957, por proposta de Leandro Carré, Bouza Brey e Vales Villamarín.

Obras editar

Vivindo en Madrid, empezou a publicar un Diccionario Castellano - Gallego que aspiraba a chegar ás 40.000 entradas e que quedou interrompido na voz "agarraderas" pola sublevación do 18 de xullo de 1936. Este dicionario frustrado publicouse por fascículos na revista Galicia en Madrid durante os anos 1935 e 1936, nos números 37 a 42. O resto do material lexicográfico que pudiera ter feito Llópiz, perdeuse.

Pero a súa obra fundamental é un Refraneiro que presentou en 1955 nun Concurso de Refraneiros Galegos convocado pola editorial Biblióficos Gallegos [2], concurso que ganou con este traballo. Ferro Ruibal considérao "o maior tesouro paremiolóxico galego" [3], o que non impide que se conserve inédito -e incompleto- nos arquivos do Museo de Pontevedra, salvo o primeiro fascículo, sobre a apicultura e baixo o título "La abeja en la paremiología", que foi publicado no Boletín de la Real Academia Gallega [4] Neste Boletín o autor aparece erroneamente baixo o nome de L. V. López M. Esperante.

O devandito manuscrito inédito consta de 2.000 folios a dobre columna e recolle máis de 40.000 refráns.

Notas editar

  1. Membros da Academia: correspondentes.
  2. Creada en Santiago en 1948 por Filgueira Valverde e Sánchez Cantón. A editorial xa convocara este concurso en 1952, ó que se presentara Llópiz e outros tres traballos, pero o premio foi declarado deserto por falta de sistema na recollida dos materiais.
  3. Xesús Ferro Ruibal, Cadernos de Fraseoloxía Galega 8, 272.
  4. Ano 49, tomo 26, números 305-308, decembro de 1955, px. 107-130.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar