Sonic the Hedgehog 2 (16-bit)

Sonic the Hedgehog 2, ou simplemente Sonic 2, é un xogo de plataformas desenvolvido polo Sonic Team en colaboración co Sega Technical Institute, e editado por Sega para a Mega Drive/Genesis. Trátase da secuela de Sonic the Hedgehog, e saíu ao mercado inicialmente en novembro de 1992. O xogo inclúe a Miles "Tails" Prower por primeira vez como personaxe xogábel. O 11 de xuño de 2007, este xogo saíu á venda para a Virtual Console da Wii de Nintendo, e anunciouse tamén o seu lanzamento para Xbox Live Arcade o 12 de xullo de 2007.

Sonic the Hedgehog 2 (16-bit)
Desenvolvedor(es)Sonic Team
Distribuidora(s)Sega
Compositor(es)Masato Nakamura
Lanzamento21 de novembro de 1992, 24 de novembro de 1992, 11 de xuño de 2007, 19 de xuño de 2007, 6 de xullo de 2007, 12 de setembro de 2007, 20 de abril de 2010, 12 de decembro de 2013 e 18 de decembro de 2013
Xénerovideoxogo de plataformas e aventura
Modos de xogovideoxogo para un xogador e modo cooperativo
Clasificación PEGI
CERO
USK
Plataforma(s)Android, Microsoft Windows, Mega Drive, PlayStation 2, GameCube, Nintendo DS, Xbox, teléfono móbil, Virtual Console, iOS, Windows Phone, Nintendo 3DS, macOS, Linux, Xbox 360, Nintendo Switch e máquina recreativa
Na rede
IMDB: tt0291491 Youtube: UC-beRAUSyFt6VyXOD_Z-I2A Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Argumento editar

Ao final de Sonic the Hedgehog, as instalacións Scrap Brain do Dr. Robotnik quedaran destruídas, mais o malvado científico escapara por pouco.

 
As sete esmeraldas

Agora Robotnik volveu e pretende conquistar o mundo unha vez máis. Para iso, segue en segredo o biplano de Sonic, o Tornado, até o seu lugar de vacacións, Westside Island, onde, segundo contan as lendas, unha antiga civilización abusara do poder das sete "pedras de poder". Alí Sonic coñece un peculiar raposo de dúas colas chamado Miles Prower, máis coñecido como "Tails", e ambos fanse bos amigos. Entrementres, Robotnik comeza a súa procura das Esmeraldas do Caos para propulsar con elas a súa nova nave de guerra, o Death Egg. Unha tarde lanza o seu ataque a grande escala sobre a illa, encerra todos os animais e convérteos en descerebrados autómatas traballadores. Por sorte, Sonic está decidido a frustrar os planos do Doutor custe o que custar. Desta volta non está só, xa que Tails decide axudalo. Xuntos deben atopar as Esmeraldas antes que Robotnik e detelo antes de que o Death Egg estea completo.

Modo de xogo editar

Un xogador editar

 
Os icónicos aneis

O modo de xogo de Sonic the Hedgehog 2 baséase na configuración do xogo orixinal Sonic the Hedgehog. O xogador completa cada nivel, polo xeral desprazándose de esquerda a dereita, nun tempo máximo de dez minutos. Polo camiño recolle aneis e derrota robots (chamados "Badniks"). Os postes de estrela serven de puntos de control: no caso de o xogador perder unha vida, volta a un deles. Unha vez o xogador reuniu ao menos 50 aneis, pode "entrar" polos postes de estrela para acceder a unha Fase Especial opcional. Polo xeral, á fin de cada Acto 2, Sonic enfróntase ao Dr. Robotnik.

Aínda que a lonxitude das zonas medrou considerabelmente a respecto de Sonic the Hedgehog, agora están compostas por só dous actos no canto de tres (agás Metropolis Zone, que ten tres actos, e as tres zonas fnais, que teñen un), e faise máis fincapé na variedade entre niveis. Ademais o modo de xogo fíxose aínda máis rápido; para iso, Sonic pode realizar un novo movemento especial chamado Spin Dash Attack (Ataque de Turrada Xiratoria), que permite a Sonic xirar mentres está detido, ao xeito das revolucións dun motor, para despois saír disparado a grande velocidade desde a súa posición estática.

Nas fases especiais, a "cámara" segue a Sonic desde detrás mentres corre a través dunha pista semitubular "cuasi-tridimensional" ateigada de aneis e bombas. O xogador debe recoller unha cantidade fixa de aneis para superar os tres puntos de control e así obter ao final a esmeralda. A orde das fases é fixa e por dificultade ascendente, e Sonic non pode acceder á seguinte sen pasar a anterior (á diferenza do que acontecía en Sonic 1). Independentemente de se o xogador é quen de obter a esmeralda ou non, unha vez rematada a fase especial Sonic é transportado ao último poste de estrela tocado nesa zona e queda con cero aneis.

No menú de opcións, os xogadores poden seleccionar xogar con Sonic só, Tails só ou Sonic e Tails. Por defecto, os xogadores controlan a Sonic mentres Tails o segue libremente. Porén, un segundo xogador pode controlar a Tails independentemente. Se Tails sae da pantalla, acabará por volver voando.

Se se completan todas as fases especiais e se obteñen as sete Esmeraldas do Caos, desbloquéase unha nova opción: a capacidade de Sonic para se converter en Super Sonic. Sonic transfórmase no seu Super alter-ego cando reúne ao menos 50 aneis e salta no ar. Nese momento, vólvese de cor amarela brillante e virtualmente invencíbel (aínda que pode morrer se afoga, se é esmagado, se cae polo fondo da pantalla ou se se esgota o tempo). Ademais, tamén aumentan a súa velocidade, aceleración e altura de salto. Isto supón que sexa moito máis difícil controlar a Sonic neste estado, sobre todo cando o xogador debe efectuar saltos precisos. Porén, a eficiencia do seu Spin Dash Attack vese reducida, xa que a velocidade inicial diminúe rapidamente. Super Sonic consome un anel por segundo, e cando non lle resta ningún ou cando chega ao final do acto, volta ao seu estado normal. Nas dúas primeiras versións do xogo había un erro: cando Sonic volvía ao seu estado normal após pasar o sinal ou premer o interruptor da cápsula ao final da fase, se volvía saltar (tendo 50 aneis ou máis) antes da mensaxe de "Sonic has Passed Act #", transformábase brevemente en Super Sonic e volvía inmediatamente ao seu estado "normal", mais ficaba pendurado no ar, camiñando ou correndo no sitio. Non se podía mover, co cal o acto non remataba nunca.[1]. As versións posteriores do xogo contidas en recompilacións dos títulos de Sonic ou de xogos de Sega teñen este erro arranxado.[2]

Dous xogadores editar

No modo de enfrontamento, os dous xogadores compiten entre si - manexando a Tails e a Sonic - nunha carreira con pantalla partida ao longo de tres zonas normais e unha fase especial. As zonas normais son Emerald Hill Zone, Casino Night Zone e Mystic Cave Zone, e contan cunha música diferente da do modo dun xogador; en troques, a Fase Especial aseméllase á Emerald Stage dun xogador. Nos niveis normais, avalíase aos xogadores canto a cinco aspectos (puntuación, tempo, aneis recollidos ao final do nivel, cantidade total de aneis e número de caixas rotas); o xogador coa maior puntuación na maioría de niveis gaña o asalto. En troques, na Fase Especial, os xogadores compiten para obter o maior número de aneis. Cando un xogador remata, o outro debe completar a zona en 60 segundos para non perder unha vida.

En caso de empate, debe completarse unha Fase Especial adicional. Amais, para acrecentar o nivel de competición, só hai dous tipos de caixas no modo de enfrontamento: un obxecto de teletransporte que troca inmediatamente as posicións dos xogadores na zona, e o obxecto Robotnik, que dana o xogador desafortunado. Máis aínda: pódese elixir que todas as caixas do modo de dous xogadores conteñan só obxectos de teletransporte.

Desenvolvemento e lanzamento editar

Mentres que Sonic the Hedgehog fora deseñado polo Sonic Team no Xapón, as tarefas de desenvolvemento de Sonic 2 foron traspasadas ao Sega Technical Institute dos Estados Unidos. Porén, membros con experiencia de Sega Xapón, como Yuji Naka e Hirokazu Yasuhara (o programador principal da primeira entrega e o planificador do xogo, respectivamente) viaxaron tamén para traballar ao lado dos desenvolvedores americanos.

Versións prototipo editar

Nunha páxina web de GeoCities descubriuse un prototipo do xogo que databa de antes do propio Sonic 2 e que foi distribuído amplamente en Internet como Sonic 2 Beta. Só se poden xogar catro niveis "normalmente"; ao resto (incluíndo varias fases incompletas) debe accederse mediante o código de selección de nivel. A primeira zona, Emerald Hill recibía o nome de Green Hill, como en Sonic the Hedgehog, e Aquatic Ruin chamábase Neo Green Hill. Tamén estaban Winter Hill, coa música de Marble Zone de Sonic the Hedgehog modificada, e Wood Zone. Moitas zonas non se poden xogar por completo, mais poden explorarse co código debug. O prototipo é a miúdo obxecto de exame por parte de hackers para descubrir como se desenvolveu Sonic the Hedgehog 2. Recentemente, nunha entrevista con Yuji Naka afirmouse que un cartucho do prototipo fora roubado nunha exposición de xoguetes en Nova York en 1992.[3] Akinori Nishiyama tamén afirmou que a filtración foi debida á falla de seguridade da época.[4]

En Asia e o Brasil, a versión prototipo foi distribuída en cartuchos facéndoa pasar pola versión orixinal por parte de piratas informáticos, que a alteraron lixeiramente para impedir que o logo de Sega aparecese ao arrincar o xogo, como era habitual.

Lanzamentos editar

O xogo lanzouse no Xapón para Sega Mega Drive o 21 de novembro de 1992. Os lanzamentos para Sega Genesis nos Estados Unidos e para a Mega Drive europea producíronse tres días máis tarde, o 24 de novembro, un martes, polo que o día recibiu o sobrenome de Sonic 2s day (xogo de palabras fonético consistente na semellanza da pronuncia de Sonic two's day e Sonic Tuesday en inglés americano). Sega asegura que vendeu 400.000 copias de Sonic 2 nos primeiros cinco días após o lanzamento. Desde entón, reeditouse como parte das seguintes recompilacións:

O xogo tamén foi editado para a Virtual Console de Wii o 11 de xuño de 2007,[5] e sairá para Xbox 360 por medio da Xbox Live Arcade.[6]

Sonic 2 con Sonic & Knuckles editar

Knuckles the Echidna in Sonic the Hedgehog 2 é un xogo que funciona acoplando Sonic the Hedgehog 2 ao cartucho intermedio de Sonic & Knuckles, lanzado por Sega con posterioridade. O xogo resultante é case que idéntico a Sonic the Hedgehog 2, coa diferenza de que se xoga con Knuckles the Echidna. Como Knuckles ten habilidades e feblezas diferentes das de Sonic e Tails, en xeral o xogo acaba sendo unha experiencia distinta. Knuckles pode planear e rubir paredes, o cal lle permite chegar a certas zonas inaccesíbeis para Sonic e Tails (a habilidade de voar deste último non pode ser usada polos xogadores), mentres que as súas reducidas habilidades de salto fan que algunhas situacións sexan máis difíciles, como certas pelexas contra xefes. Alén disto desapareceron o modo de dous xogadores e a pantalla de opcións. Os xogadores máis familiarizados coa disposición dos niveis de Sonic 2 notarán algunhas pequenas diferenzas. Ao contrario do que acontece no xogo normal, cando un xogador activa un poste de estrela e entra na fase especial, o número de aneis recollidos permanece igual ao volver á fase normal.

Aínda que algúns fans cren que Sonic 2 se creou sabendo de antemán que se faría un engadido así máis tarde, isto é falso. Basicamente, o cartucho de Sonic & Knuckles parchea novos datos sobre a ROM de Sonic 2, e tal e como teñen demostrado moitos hackers, para pór isto en práctica non se precisa ningún coñecemento previo acerca do parche.

Créditos editar

Notas editar

  1. http://www.youtube.com/watch?v=b6ggFhjMG-k
  2. "Sonic 2 Glitch". 
  3. "GameSpy: Sega's Yuji Naka Talks!". Gamespy. Consultado o 2007-02-27. 
  4. "Kikizo Games: Features: Sonic Team Interview November 2005 (Page 2)". Kikizo Ltd. Consultado o 2007-02-27. 
  5. "Virtual Console Releases, June 11 2007". Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2007. Consultado o 19 de outubro de 2007. 
  6. "Sonic 2 speeding to XBLA says ESRB". Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2007. Consultado o 19 de outubro de 2007. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar