Sitta victoriae é unha especie de ave da familia dos Sittidae, os gabeadores. É un pequeno gabeador, que mide uns 11,5 cm de lonxitude, e sen dimorfismo sexual. Igual que moitos gabeadores, as partes superiores son grises azuladas, que contrastan coas partes inferiores brancas da gorxa, cara e peito e as laranxas dos flancos, o ventre e o baixo ventre. O seu sobrecello branco permite, xunto con outros criterios, distinguilo doadamente de S. himalayensis que é unha especie próxima tanto xeograficamente coma sistematicametne. A súa ecoloxía coñécese pouco, pero sábese que se alimenta de pequenos insectos que encontra entre as codias de árbores e liques e a reprodución ten lugar polo mes de abril.

Sitta victoriae
Estado de conservación
En perigo
En perigo[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Sittidae
Xénero: 'Sitta'
Especie: S. victoriae
Nome binomial
'Sitta victoriae'
Rippon, 1904
Distribución aproximada de S. victoriae, endémico dunha pequena zona de Birmania.
Distribución aproximada de S. victoriae, endémico dunha pequena zona de Birmania.

Distribución aproximada de S. victoriae, endémico dunha pequena zona de Birmania.
Sinonimia

Sitta himalayensis victoriae (Rippon, 1904)

S. victoriae é endémica da zona do monte Nat Ma Taung, tamén chamado monte Victoria (de onde lle vén o nome), que se atopa no sur das montañas Chin, en Birmania. Vive en carballeiras vellas de cotas altas, xeralmente por riba de 2 600 m. Os efectivos da especie coñécense mal pero estímanse nuns poucos milleiros de individuos, están ameazados pola destrución do hábitat polos incendios e a presión antrópica. Por estas razóns, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza considera este paxaro como especie en perigo.

Descrición

editar
 
S. victoriae adulto.

As súas partes superiores son grises azuladas apagadas. As súas partes inferiores son brancas desde a gorxa á parte inferior do peito, mais o ventre é laranxa, e o baixo ventre e as subcaudais vermellos claros e os flancos máis escuros. Ten unha fronte, sobrecello e loro brancos, e un trazo negro por detrás do ollo, que aumenta cara á parte de atrás, na caluga.[2] As meixelas son tan brancas coma a gorxa pero a parte posterior das meixelas é laranxa, cunha mancha branca nas coberteiras parótides. Non hai dimorfismo sexual, pero os xuvenís poden distinguirse dos adultos pola cor laranxa-vermella máis clara dos flancos.[3] O iris é marrón avermellado ou marrón escuro ; o peteiro é negro na punta, e gris lousa no resto, o culme e a mandíbula inferior son máis claros. As coxas son grises e as patas apagadas de cor marrón amarelento ou marrón oliva.[4].

S. victoriae é un gabeador pequeno, duns 11,5 cm de longo.[3] A á pregada mide de 68 a 73 mm no macho, e de 67 a 69&nsbp;mm na femia. A cola mide de 36 a 37,5 mm, o peteiro de 15 a 16,1 mm e o tarso de 14,5 a 16,5 mm. O peso non se coñece,[4] pero S. villosa e S. canadensis, que miden tamén 11,5 cm, pesan, respectivamente, de media 11,3 g e de 8 a 12,7 g.[5][6]

S. victoriae pode confundirse con Sitta himalayensis, que pode habitar nas mesmas zonas pero que é rara alí onde vive S. victoriae.[7] As plumas centrais da cola de S. victoriae son grises claras no seu extremo e brancas na maior parte da base, o que é unha característica distintiva respecto a S. himalayensis na cal o branco está relativamente restrinxido.[2] S. victoriae recoñécese igualmente polo seu sobrecello e fronte brancos, e o forte contraste entre o branco do peito e os flancos vermellos escuros. Finalmente, o peteiro é máis curto e máis fino.[3]

Ecoloxía e comportamento

editar

A chamada desta ave prodúcese a intervalos irregulares, e consiste nun simple pit ou plit. Emite tamén un pii, pii, pii… insistente, producindo de 2,5 a 3,5 notas por segundo máis ou menos regularmente. O ornitólogo británico Simon Harrap informou dun posible canto, constituído por de 9 a 12 unidades emitidas en 9 notas por segundo, consistentes nun crescendo que soa como un whi-whi-whi….[3] O canto clásico é un trilo lento e suave composto de coplas de tuwi emitidas a razón de 4 coplas por segundo, e producidas nunha estrofa de 1,5 segundos que sobe en intensidade e soa tuwi-tuwi-tuwi-tuwi-tuwi-tuwit.[8]

Pode escoitarse o seu canto en xeno-canto.

Alimentación

editar
 
Rhododendron arboreum na India, unha árbore que pode ser visitada por S. victoriae para procurar alimento e aniñar.

S. victoriae obsérvase xeralmente en parellas ou soa, por veces en pequenos grupos. Nútrese de pequenos insectos que atopa xeralmente nas epífitas que crecen sobre os carballos, ou entre os ocos na codia das árbores. Explora xeralmente as pólas externas, mais pode tamén examinar as máis internas da árbore ou o tronco. As especies vexetais nas que busca son principalmente Quercus semecarpifolia e Rhododendron arboreum, e en menor medida Lyonia ovalifolia, Lithocarpus dealbatus, Pinus kesiya e Alnus nepalensis.[7]

Reprodución

editar

Sábese pouco da reprodución desta especie. O ornitólogo birmano Thet Zaw Naing informou en 2003 da observación o ano anterior de tres niños entre mediados de marzo e inicio de abril. Dous dos niños estaban situados na cavidade dunha póla interna dun Quercus semecarpifolia, a catro e dez metros de altura; o terceiro estaba situado no tronco dun Rhododendron arboreum, a seis metros de altura. O primeiro niño citado fora escavado só pola femia, que non tapou parcialmente a entrada con barro, ao contrario do que adoitan facer algunhas outras especies de gabeadores. Só as femias parecen alimentar as crías. En abril, observáronse tres grupos de crías, e en cada un chegaron á madureza dúas crías.[7]

Distribución e hábitat

editar

Esta especie é endémica do oeste de Birmania.[9] Na parte das montañas Chin, vive unicamente no monte Nat Ma Taung (ou Victoria) que ten 3 070 m de altura, pero foi atopada tamén a 22 km máis ao noroeste na primavera de 1995 preto de Mindat (21°24′N 93°47′L / 21.400, -93.783) con densidades posiblemente menores.[4][10]

S. victoriae evita os piñeirais puros de Pinus kesiya (entre 2 285 e 2 800 m), e encóntrase sobre todo en carballeiras con árbores vellas cubertas de liques no nivel alpino. Así, foi observada a máis de 2 600 m de altitude en 1940 e a máis de 2 700 m en primavera en 1995.[4] Porén, desde a descrición da especie en 1904, George Rippon sinalou que capturara seis paxaros entre os 2 285 m e 2 745 m de altitude do 22 de marzo ao 30 de abril;[11] do que se podería deducir que hai unha dispersión altitudinal estacional, os paxaros abandonan as altitudes máis altas durante o inverno.[4]

O seu hábitat son principalmente carballeiras de Quercus semecarpifolia, cubertas de plantas epífitas, liques, musgos, orquídeas e fentos.[7]

Taxonomía

editar
 
S. himalayensis é unha especie irmá de S. victoriae.

S. victoriae foi descrita en 1904 polo ornitólogo británico e militar George Rippon[12], e o holotipo está depositado no Museo Británico.[13] Probablemente a especie é filoxeneticamente próxima a S. himalayensis, o que levou a Richard Meinertzhagen (en 1927), e despois de maneira menos peremptoria a Ernst Mayr (en 1941) e Charles Vaurie (en 1957), a tratar S. victoriae como unha subespecie de S. himalayensis.[11][14] Vaurie salientou, porén, o feito de que non había ningún trazo de intergradación entre a S. victoriae e a S. himalayensis das montañas Mizo, a 180 km ao nordeste do monte Victoria.[4][14] Simon Harrap indicou que o pequeno tamaño, as coberteiras subcaudais unidas e o sobrecello branco marcado poderían indicar un parentesco próximo con Sitta yunnanensis.[4] Na subdivisión en subxéneros do xénero Sitta, pouco utilizada, S. victoriae está situada no subxénero Sitta (Mesositta) Buturlin, 1916.[15] Segundo o Congreso Ornitolóxico Internacional e Alan P. Peterson, non se distingue ningunha subespecie dentro desta especie.[9][16]

Ameazas e protección

editar

S. victoriae é unha das catro especies de paxaros endémicos de Birmania.[7] As contaxes das poboacións da especie mencionadas na literatura son moi parciais: observáronse 14 paxaros en 1995, despois cinco en dúas semanas en abril de 2000, e 45 durante catro meses de traballo de campo en 2001-2003, o que indica a súa escaseza. En 2007, nas prospeccións realizadas nas montañas Chin non se atoparon ningúns destes gabeadores, o que suxire que é un endemismo moi forte dos relevos do monte Victoria. Estas observacións, combinadas aos datos de densidades e de distribución, indican unha poboación que comprende de 2 500 a 10 000 individuos maduros, e os individuos totais deben estar entre 3 500 e 15 000 individuos.[17]

No monte Victoria, o bosque foi completamente cortado ata os 2 000 m de altura e os hábitats restantes, entre 2 000 e 2 500 m están fortemente degradados. Unhas 12 000 persoas viven no Parque Nacional de Nat Ma Taung e as trampas para paxaros e os incendios agravan as ameazas para esta especie. A poboación, estimada nalgúns milleiros de individuos, está en declive. A especie está protexida legalmente por unha lei birmana de 1994, pero non se puxo en práctica ningunha medida de protección, especialmente para desanimar a destrución do seu hábitat.[7][17] O BirdLife International estimou a súa área de distribución en 820 km2.[18] Por estas razóns, a especie é considerada como «especie en perigo» pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza.[17]

  1. BirdLife International. "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2014.3 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. 2,0 2,1 Harrap 1996, p. 40-41
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Harrap 1996, p. 125
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Harrap 1996, p. 126
  5. Harrap 1996, p. 142
  6. Harrap 1996, p. 147
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Naing 2003
  8. HBWonline, « Voice ».
  9. 9,0 9,1 COI
  10. Robson, C.R.; Buck, H.; Farrow; Fisher, T.; King, B.F. (1998). "A birdwatching visit to the Chin Hills, West Burma (Myanmar) with notes from nearby areas" (PDF). Forktail (en inglés) 13: 109–120. 
  11. 11,0 11,1 Ludlow, Frank; Kinnear, Norman Boyd (1944). "The Birds of South-eastern Tibet". Ibis (en inglés) 86: 43–86, 176–208, 348–389. 
  12. Rippon 1904
  13. Warren, Rachel L. M.; Harrison, Colin James Oliver (1971). Natural History Museum Library of London, ed. Type-specimens of birds in the British Museum (en inglés). 2 (Passerines). p. 582. 
  14. 14,0 14,1 Vaurie, Charles (1957). American Museum of Natural History, ed. "Systematic notes on Palearctic birds. No. 29, The subfamilies Tichodromadinae and Sittinae" (PDF). American Museum novitates (en inglés) (Nova York) (1854). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de outubro de 2013. Consultado o 21 de decembro de 2017. 
  15. Matthysen, Erik (2010). "Appendix I (Scientific and Common Names of Nuthatches)". En A & C Black. The Nuthatches (en inglés). David Quinn (ilustrador). pp. 269–270. ISBN 9781408128701. 
  16. Zoonomen
  17. 17,0 17,1 17,2 UICN
  18. BirdLife International (ed.). "White-browed Nuthatch - BirdLife Species Factsheet" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de xullo de 2014. Consultado o 3 de marzo de 2014. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Referencias taxonómicas

editar

Ligazóns externas

editar