Sitta yunnanensis

Sitta yunnanensis (xeralmente chamado gabeador de Yunnan) é unha especie de ave da familia dos Sittidae, os gabeadores. É un gabeador pequeno, que mide uns 12 cm de lonxitude. Non presenta un dimorfismo sexual pronunciado. As partes superiores son grises azuladas, que contrastan coas partes inferiores claras e uniformes, de cor rebezo. Ten un fino sobrecello branco, ben distingible cando a plumaxe é fresca, coroado por un trazo ocular negro pronunciado. É un paxaro ruidoso, que produce sons simples e nasais, ás veces en series repetitivas. A súa ecoloxía coñécese pouco: aliméntase de insectos e a reprodución ten lugar contra o mes de marzo.

Sitta yunnanensis
Estado de conservación
Case ameazada (NT)
Case ameazada[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Sittidae
Xénero: Sitta
Especie: S. yunnanensis
Nome binomial
Sitta yunnanensis
(Ogilvie-Grant, 1900)
Distribución aproximada da especie segundo Simon Harrap.[2]
Distribución aproximada da especie segundo Simon Harrap.[2]

Distribución aproximada da especie segundo Simon Harrap.[2]

É unha especie endémica do suroeste da China, achegándose á fronteira con Birmania, onde vive en bosques de piñeiros vellos ata os 4 000 m de altura. É a especie máis basal do "grupo canadensis", no que están incluídos tamén S. canadensis), S. villosa, S. whiteheadi, S. ledanti e S. krueperi. Os efectivos da especie non se coñecen, mais probablemente están decrecendo debido á destrución do hábitat onde vive. Por estas razóns, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza considera este paxaro como "case ameazado".

Descrición editar

As partes superiores son grises azuladas e comprenden o píleo aínda que esta está separada da parte alta do manto por unha zona máis pálida. O paxaro ten un fino sobrecello abrancazado, que se estende ata a fronte e que está sobre o trazo ocular negro, que se alonga notablemente cara a atrás sobre os flancos do manto. O ollo está finamente circundado de branco. A meixela e a gorxa son brancos. As partes inferiores son uniformes e claras, de cor rebezo rosa. O peteiro é fino e bicudo e o culme case recto e pode dar a impresión de que a punta do peteiro está dirixida cara a arriba.[3] O iris é castaño escuro, o peteiro gris-negro coa base da mandíbula inferior de cor corno ou amarelada. As patas e dedas son grises-negras.[4] A especie é un gabeador pequeno, que mide 12 cm de longo.[3] A á pregada mide de 69,5 a 74 mm no macho e de 67 a 74 mm na femia, a cola de 35 a 41 mm no macho e de 36 a 38 mm na femia. O peteiro mide de 16,8 a 19,5 mm e o tarso de 14,8 a 19 mm. Pesa entre 7,5 e 13 g.[4]

A especie presenta pouco dimorfismo sexual, pero a cor negra do trazo ocular da femia é como media menos intenso e as súas partes inferiores son máis claras e máis grises. A plumaxe é fresca aproximadamente a partir de agosto (despois da muda), e desgástase progresivamente ata a primavera seguinte. Con plumaxe gastada, as extremidades abrancazadas das plumas que forman o sobrecello están especialmente gastadas, e o trazo do sobrecello faise descontinuo ou moi pouco aparente. As partes superiores son máis pálidas, menos azuis. As plumas da cola e das ás desgástanse tamén pero as puntas azuis-grises das rectrices persisten polo menos ata maio. As partes inferiores perden cor e fanse cada vez máis «sucias», e tenden ao branco agrisado.[4] Os individuos novos son máis claros que os adultos, teñen o sobrecello menos marcado e este non se estende ata a fronte, ás veces está case ausente e consiste simplemente nunha beira do píleo máis claro. O trazo ocular é igualmente menos longo, a meixela é gris sucia e non branca. A gorxa é máis branca, pero o resto das partes inferiores son máis pálidas, de cor canela agrisada, aínda que menos pálidas que nun adulto con plumaxe gastada.[3] As partes superiores son máis claras e máis grises.[4] O peteiro dos xoves que abandonan o niño é máis curto e coa base clara.[3] Os adultos efectúan unha muda posnupcial completa (entre xullo e setembro) e ás veces unha muda parcial antes da estación reprodutora (xaneiro-febreiro), que afecta principalmente ao peito.[4]

A especie S. magna pode encontrarse no mesmo tipo de hábitats que S. yunnanensis, mais é bastante máis grande e non ten sobrecello branco. S. nagaensis ten un tamaño máis similar ao gabeador de Yunnan, pero ten vermello nos flancos e carece de sobrecello branco.[3]

Ecoloxía e comportamento editar

Voz editar

Pode escoitarse o canto de S. yunnanensis en xeno-canto.

É unha ave bastante ruidosa. Emite xeralmente pequenos gritos simples, que soan como un nit ou kni, ou produce un tit máis abrupto, un pit baixo e estridente ou un toik baixo e nasal. Un grito nit ás veces repetido, en series de catro a dez segundos a un ritmo de cinco a seis notas por segundo, producindo un kni-kni-kni…, un kit-kit-kit… máis fino, un pi-pi-pi… máis sibilante ou un niew-niew-niew… máis nasal, pero tamén agudo e feble. Produce tamén un grito áspero en schri-schri-schri… ou szi-szi-szi… que lembra o do gaio (Garrulus glandarius) compartido polos outros pequenos gabeadores do Paleártico. Ás veces, este grito convértese nun ziew-ziew-ziew…, emitido en series calmadas de tres notas por segundo. Emite tamén gritos explosivos en series curtas de dúas ou tres notas nasais, que soan quit-quit-quit, schu-schu-schu ou un tui-tui-tui máis fino.[4]

Alimentación e reprodución editar

O réxime alimenticio desta especie non se coñece ben, pero sábese que come insectos que atrapa buscándoos polas ramas dos piñeiros igual que fan os páridos. A reprodución de S. yunnanensis tampouco se coñece. Unha femia recollida o 9 de marzo en Guizhou estaba próxima a poñer ovos e as crías foron recollidas a partir do 21 de maio.[3][5]

Distribución e hábitat editar

 
Distribución aproximada da especie segundo Simon Harrap.[2]

Esta especie é endémica do suroeste da China. Vive no centro e oeste de Yunnan, no xian de Lushui (xian ~condado, distrito), en Baoshan, no xian autónomo dai et yi de Jinggu, no xian de Shiping e Kunming, ata preto da fronteira de Birmania. Encóntrase tamén no suroeste de Sichuan, no xian de Huidong, en Xichang e no val do Yalong, ata o xian de Yajiang ao norte. Vive tamén no extremo sueste do Tíbet (xian de Zayü, fundamentalmente) e no oeste de Guizhou (xian de Shuicheng).[3] Un estudo publicado en 2003 sobre a distribución das especies endémicas da China puxo en evidencia tres centros de endemismos principais, entre eles os montes Hengduan que albergan a S. yunnanensis e outras especies.[6]

 
Vista do monte nevado de Yulong, con piñeiros Pinus yunnanensis no primeiro plano.

O gabeador de Yunnan é unha especie sedentaria. Habita nos bosques vellos de piñeiros (Pinus) con sotobosque pouco denso e evita os bosque se píceas (Picea) e abetos (Abies) demasiado densos. Ocasionalemente, pode prospectar en pequenos piñeiros de dous ou tres metros de alto, en bosques abertos ou entre árbores dispersos. En verán vive entre os 2 440 e os 3 960 metros de altura, pero descende xeralmente aos vales en inverno, ata os 1 200 metros, aínda que pode permanecer en altitudes máis altas, e foi observada mesmo entre os 2 600 e os 4 000 metros entre novembro e xaneiro no xian de Shuangbai.[3]

Taxonomía e sistemática editar

 
Protólogo de Sitta yunnanensis, de William Robert Ogilvie-Grant.

S. yunnanensis foi descrita en 1900 co seu nome actual polo ornitólogo escocés William Robert Ogilvie-Grant, a partir dun holotipo macho enviado desde o sur de Yunnan polo coronel escocés Alfred Woodrow Stanley Wingate.[7] Na subdivisión en subxéneros do xénero Sitta, pouco utilizada, esta especie está situada no subxénero Sitta (Micrositta) Buturlin, 1916.[8] Segundo o Congreso Ornitolóxico Internacional e Alan P. Peterson, non se distingue ningunha subespecie dentro desta especie.[9][10]

O grupo de especies canadensis comprende seis especies, que son tamén tratadas ás veces como o subxénero Sitta (Micrositta) Buturlin, 1916, que son:[8] S. yunnanensis, S. canadensis, S. villosa, S. whiteheadi, S. krueperi e S. ledanti. En 1953, o ornitólogo holandés Karel Voous e John G. van Marle estimou que o gabeador de Yunnan ocupaba un lugar entre os grupos canadensis e europaea, e ao mesmo tempo que parecía próximo ao grupo canadensis, no cal era un membro próximo ao estado ancestral, tanto en canto á súa distribución coma á súa plumaxe.[4][11] En 1957, Charles Vaurie propuxo aproximar a especie Sitta himalayensis.[12] En 1998, Éric Pasquet estudou o xene do citocromo b do ADN mitocondrial dunha decena de especies de gabeadores, entre elas as diferentes especies do grupo de Sitta canadensis, pero S. yunnanensis non foi incluído no estudo.[13] En 2014, Éric Pasquet et al. publicaron unha filoxenia baseada no ADN nuclear e mitocondrial de 21 especies de gabeadores e confirmaron as relacións do estudo de 1998 no seo do "grupo canadensis", engadindo S. yunnanensis, que se encontra na parte máis basal da árbore filoxenética do grupo.[14]

Na cultura editar

Na China emitiuse unha serie de selos postais que representa a especie entre 2002 e 2006 dedicada aos paxaros endémicos do país.[15][16].

Ameazas e protección editar

En 1987, o ornitólogo chinés Zheng Zuoxin describiu S. yunnanensis como especie rara na China,[17] mais é localmente común nos bosques de piñeiros que subsisten en Lijiang. A súa área de distribución é relativamente restrinxida, e comprende uns 170 000 km2,[18] e a ave desapareceu de varias localidades onde estaba presente ao inicio do século XX.[5] A especie está ameazada pola destrución do seu hábitat e podería ser moi dependente dos bosques vellos de piñeiros, pero parece que tamén pode vivir nos hábitats degradados.[3] Un estudo realizado en 2009 que trataba de predicir o impacto que poderían ter os cambios climáticos na área de distribución de varias especies de gabeadores asiáticos, modelizou dous escenarios; o gabeador de Yunnan podería ver reducida a súa distribución dun 43,6% ao 47,7% desde agora aos anos 2040 e 2069.[19]. Os efectivos da especie non se coñecen, pero parecen en declive, e a especie é considerada pola IUCN como «case ameazada».[20]

Notas editar

  1. BirdLife International (2012). "{{{taxon}}}". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 30 de xaneiro de 2015. 
  2. 2,0 2,1 Harrap 1995, p. 46
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Harrap 1995, p. 143
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Harrap 1995, p. 144
  5. 5,0 5,1 del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Christie, David A. (2008). Lynx Edicions, ed. Handbook of the Birds of the World (volume: Penduline-tits to Shrikes; capítulo: Sittidae (Nuthatches): Systematics) (en inglés) 13. p. 136. 
  6. Lei, Fu-Min; Qu, Yan-Hua; Lu, Jian-Li; Liu, Yao; Yin, Zuo-Hua (2003). "Conservation on diversity and distribution patterns of endemic birds in China". Biodiversity & Conservation (en inglés) 12 (2): 239–254. doi:10.1023/A:1021928801558. 
  7. Ogilvie-Grant 1900
  8. 8,0 8,1 Matthysen, Erik (2010). A & C Black, ed. The Nuthatches (capítulo: Appendix I. Scientific and Common Names of Nuthatches) (en inglés). David Quinn (ilustrador). pp. 269–270. ISBN 9781408128701. 
  9. COI
  10. Zoonomen
  11. Voous, Karel; van Marle, John G. (1953). "The distributional history of the Nuthatch Sitta europaea L.". Ardea (en inglés). 41 (extra): 1–68. 
  12. Vaurie, Charles (1957). American Museum of Natural History, ed. "Systematic notes on Palearctic birds. No. 29, The subfamilies Tichodromadinae and Sittinae" (PDF). American Museum novitates (en inglés) (Nova York) (1854). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 14 de outubro de 2013. Consultado o 22 de decembro de 2017. 
  13. Pasquet, Éric (1998). "Phylogeny of the nuthatches of the Sitta canadensis group and its evolutionary and biogeographic implications". Ibis (en inglés) 140 (1): 150–156. doi:10.1111/j.1474-919X.1998.tb04553.x. 
  14. Pasquet, Éric; Barker, F. Keith; Martens, Jochen; Tillier, Annie; Cruaud, Corinne; Cibois, Alice (2014). "Evolution within the nuthatches (Sittidae: Aves, Passeriformes): molecular phylogeny, biogeography, and ecological perspectives". Journal of Ornithology (en inglés). doi:10.1007/s10336-014-1063-7. 
  15. "Yunnan Nuthatch Sitta yunnanensis". Theme Birds on Stamps (en inglés). Consultado o 15 de decembro de 2014. 
  16. "China 2002-2006 R31 Bird Stamps Set of 9v fauna birds magpie pheasant". Delcampe.net (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 31 de xaneiro de 2015. Consultado o 15 de decembro de 2014. 
  17. Zuoxin, Zheng (1987). Science Press, ed. A synopsis of the avifauna of China (en inglés). Pequín. 
  18. BirdLife International (ed.). "Yunnan Nuthatch - BirdLife Species Factsheet" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de xullo de 2014. Consultado o 15 de xullo de 2014. 
  19. Menon, Shaily; Islam, M. Zafar-ul; Peterson, A. Townsend (2003). "Projected climate change effects on nuthatch distribution and diversity across Asia". The Raffles Bulletin of Zoology (en inglés) 57 (2): 569–575. 
  20. UICN

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Referencias taxonómicas editar

Ligazóns externas editar