Sigurd Ragnarsson

Lendario rei de Dinamarca

Sigurd Ragnarsson ou tamén Sigurðr ormr í auga, en nórdico antigo (en galego, Sigurd "Ollo de serpe", ou "Serpe no ollo"), foi un semi-lendario guerreiro viquingo e un rei danés dende mediados do século IX. O seu prototipo histórico podería se-lo rei danés Sigfred que gobernou brevemente na década do 870.[1].A partir do século XII, aparece en múltiples sagas e lendas escandinavas como un dos fillos do viquingo lendario Ragnar Lodbrok e Aslaug[2] (ou quizais Þóra, filla de Heroth, rei de Gothia).

Sigurd Ragnarsson
Nacementoséculo VIIIxuliano
Lugar de nacementoDinamarca
Falecemento891
Lugar de falecementoDinamarca
PaiRagnar Lodbrok
NaiAslaug
FillosCanuto I da Dinamarca
IrmánsUbba Ragnarsson, Ivar o Desosado, Halfdan Ragnarsson, Biorno Ragnarsson e Hvitserk
editar datos en Wikidata ]

Vida temperá editar

O alcume de Sigurd, "Serpe dentro do ollo" denotaba unha característica física, pois nacera cunha marca no seu ollo, descrita como a imaxe do Ouroboros (unha serpe ou dragón mordendo a súa propia cola, rodeando a pupila do seu ollo esquerdo). Esa marca da serpe fora profetizada pola súa nai Áslaug, a filla da valquiria Brynhildr.[3]

Segundo a Saga de Ragnar Lodbrok, mentres Sigurd era só un mozo, os seus medio irmáns Eric e Agnar foran asasinados polo rei sueco Eysteinn Beli (tamén coñecido como Östen). Cando Áslaug ouviu a noticia da morte de Eric e Agnar, aínda que non era a súa nai, chorou sangue e encirrou os outros fillos de Ragnar para vinga-los seus irmáns mortos. Como o rei sueco controlaba Uppsala e tiña unha vaca sagrada llamada Sibilja, Ivar Ragnarson cría que os deuses protexían a Eysteinn e temía a maxia que alí reinaba. Porén, o seu meido irmán, Sigurd, de só tres anos, quixo atacar a Eysteinn polo que os irmáns cambiaron de opinión. O pai adoptivo de Sigurd reuniu cinco barcos, Hvitsek e Björn Ragnarson xuntaron catorce e Aslaug máis Ivar, outros dez. Con toda esa forza, atacaron e conseguiron vingarse de Eysteinn.[4]

O historiador danés Saxo Grammaticus relatou que Sigurd, cando era de mozo, residiu durante un tempo en Escocia e as Illas escocesas. Posteriormente, Ragnar e mailo exército viquingo asasinaron os condes locais, e Sigurd e o seu irmán Radbard foron nomeados como gobernantes destes territorios. Máis tarde, Sigurd e os seus irmáns acompañaron a Ragnar nunha expedición perigosa até o Helesponto a través do Rus de Kíiv.[5]

A morte de Ragnar e o Grande Exército Pagán editar

A maioría das fontes lendarias coinciden en que o rei Ælla de Northumbria matou Ragnar Lothbrok, contra o 865, botándooo nun pozo con serpes. Segundo os contos tradicionais, Ragnar exclamou no momento da morte morría, "Como se moverían os porcos novos se soubesen o que sofre o vello xabaril!" Sigurd e mailos seus irmáns foron informados da sorte de seu pai por un enviado do rei Ælla. Cando ouviu a noticia, Sigurd sentiuse tan afectado que se fixo un corte cun coitelo que tiña na man; seu irmán prendeu unha lanza tan fortemente que, supostamente, quedaron na madeira impresas as pegadas dos dedos.[6] Sigurd e os seus irmáns xuraron que vingarían a morte de Ragnar.

No 865-866 os xefes viquingos Ivar o Desosado e Ubba, cruzaron o Mar do Norte cun "Grande Exército". As lendas tradicionais afirman que tódolos fillos sobreviventes de Ragnar, ademais de Ivar, lanzaron un primeiro ataque contra o reino de Ælla, mais foi un fracaso. Nese momento, un irmán de Sigurd, Ivar o Desosado, deseñou unha estratexia que conseguiu que o Grande Exército Pagán conquistara York para provocar a Ælla. Segundo o plan de Ivar, os viquingos finxiron a retirada o que provocou que Ælla os subestimara e os cercara. Finalmente, segundo Ragnarssona þáttr (A Lenda dos fillos de Ragnar, que forma parte das Sagas de Ragnar Lothbrok), Ælla foi capturado vivo e foi executado despois mediante a aguia de sangue.[7][8][9]

Descendentes de Sigurd editar

O Ragnarssona þáttr expón que cando o seu pai morrera, Sigurd herdara Selandia, Escania, Halland, as illas danesas, e Viken. Tamén é posible que fose co-gobernante de Dinamarca co seu irmán Halfdan, porque as fontes francas mencionan a certos Sigfred e Halfdan como gobernantes no 873 (os nomes Sigurd e Sigfred adoitan mesturarse na literatura nórdica).[1] Puido ter sucedido ao seu irmán Halfdan Ragnarsson como único rei de Dinamarca ao redor do 877, cando Halfdan caeu nunha batalla no mar de Irlanda. Un rei viquingo danés chamado Sigfred, que por esta época quedou sen terra, foi asasinado no oeste de Francia no 887 e resulta posible que fosen a mesma persoa.[10] Sigurd casou con Blaeja (tamén chamada Heluna), a filla do rei Ælla de Northumbria e tiveron tres fillos, Harthacnut, Áslaug Sigurðardóttir (nada polo 800), quen casou con Helgi da liñaxe de Dagling[11] e Thora (nada pollo 796). Helgi puido suceder, brevemente, ao seu suposto sogro como rei de Dinamarca antes de ser derrocado por Olof, un xefe viquingo que chegou cara o 900, e proviña de Suecia.[12]

Harthacnut I e seu fillo Gorm editar

O Ragnarssona þáttr, tamén afirma que o rei danés Harthacnut I era fillo de Sigurd. Con todo, o cronista do século XI, Adam de Bremen, menciona a Hardegon (probabelmente Harthacnut I) como fillo dun tal Sven. Hardegon ou Harthacnut sucedeu, polo 916 aproximadamente, a Sigtrygg Gnupasson como rei dunha parte de Dinamarca (probablemente Xutlandia; aínda que segundo a tradición posterior, sería Selandia, Escania e Halland). No entanto, segundo o Ragnarssona þáttr, perdeu Viken (Fiorde de Oslo) que fora parte do Reino de Dinamarca no século IX.[13] Foi pai de Gorm o Vello, rei de Dinamarca. Gorm sucedeu ao seu pai como rei e casou con Thyra Danebod, filla do caudillo de Xutlandia, Harald Klak. Despois da morte de Harald, Gorm tomou o seu territorio e unificou o reino.

O fillo de Gorm, Harald Bluetooth, sucedeu o seu pai como rei e casou posibelmente tres veces: con Gunhild, Tove e Gyrid. Harald tivo un fillo chamado Svend Tveskæg que se sublevou contra el e o sucedeu como rei. Sven, casou con Świętosława de Polonia (que ao casar trocou o nome a Gunhilda) e tiveron varios fillos, sendo un deles Canuto o Grande. Svend gobernou Inglaterra e chegou a establece-lo Imperio danés. Ao morrer, seu fillo Harald Svendsen converteuse en rei de Dinamarca, mentres que o ex rei de Inglaterra, Ethelred, reuperou o trono.

Trala morte de Harald Svendsen, o seu irmán, Canuto o Grande, converteuse en rei, restablecendo o Imperio danés do Mar do Norte. Este casou con Emma de Normandía coa que tivo un fillo chamado Canuto Hardeknut. Cando morreu Canuto e, posteriormente, os seus irmáns, se converteu en rei de Dinamarca e Inglaterra. Á súa morte, Eduardo o Confesor converteuse en gobernador de Inglaterra en 1042.

Por outra banda, Svend Tveskæg tamén tivo unha filla, Estrid, da que descenderon, a partir de 1047, tódolos reis e raíñas de Dinamarca.

Aslaug e seu fillo Sigurd Hart editar

Como se mencionou anteriormente, a filla de Sigurd, Áslaug, casara con Helgi o Afilado da dinastía Dagling. Tiveron un fillo chamado Sigurd Hart, que casou cunha muller chamada Ingeborg. Sigurd Hart e Ingeborg tiveron 2 fillos: Guttorm Sigurdsson e Ragnhild Sigurdsdotter. Cando o tío de Sigurd Hart, o rei Fróði de Ringerike, morreu, Sigurd Hart foi a Noruega para sucedelo como rei de Ringerike.[11]

As sagas Ragnarssona þáttr e Heimskringla[14][15] relatan que un berserker de Hadeland llamado Haki asesinou a Sigurd Hart perdendo unha man na loita. Daquela, Haki, marchou cara redidencia de Sigurd en Stein e capturou a seus fillos Ragnhild e Guttorm. A seguir, co botín e cos rapaces, retronou a Hadeland. Antes de que Haki se recuperase das feridas e casara con Ragnhild (que tiña 15 anos), esta, foi capturada por segunda ve por Halfdan o Negro. Halfdan e Ragnhild foron os pais de Harald I de Noruega.

Thora e seu fillo Ingjald Helgasson editar

Thora casou con Helgi Olafsson (n. 795), fillo de Olaf Geirstad-Alf, e emigrou a Irlanda. Froito desa relación nanaceu Ingjald Helgasson, un poderoso caudillo do reino de Dublín, pai de Olaf o Branco.

Na cultura popular editar

Sigurd "serpe no ollo" tivo un papel relevante na serie televisiva Vikings, na que foi interpretado polo actor David Lindström.[16]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 McTurk, Rory (26-9-2008). "Kings and kingship in Viking Northumbria". dur.ac.uk (en inglés). Archived from the original on 26-09-2008. Consultado o 7-8-2020. 
  2. "ÞÁTTR AF RAGNARS SONUM". snerpa.is (en islandés) (publicado o Marzo 1998). March 1998. Consultado o 7-8-2020. 
  3. Jurich (1998), p. 160
  4. "The Saga of Ragnar Lodrok and his Sons / Ragnars Saga Loðbrókar ok sona hans". germanicmythology.com (en inglés / islandés). Consultado o 7-8-2020. 
  5. The Danish History of Saxo Grammaticus, Book 9
  6. "The Saga of Ragnar Lodrok and his Sons / Ragnars Saga Loðbrókar ok sona hans". germanicmythology.com (en inglés / islandés). Consultado o 8-8-2020. Capítulo XVI
  7. McGuigan, Neil (21-3-2015). "Ælla and the Descendants of Ivar: Politics and Legend in the Viking Age". Northern History 52 (1): 20–34. doi:10.1179/0078172X14Z.00000000075. 
  8. "Den store hær 865-878". danmarkshistorien.dk (en dinamarqués). 13-12-2016. Consultado o 8-8-2020. 
  9. "The Kings of Northumbria". historyfiles.co.uk (en inglés). 1-4-1999. Consultado o 8-8-2020. 
  10. Munch, P.A. (1852). Det norske Folks Historie (en dinamarqués) I. Christiania: Tonsberg. pp. p. 642–8. 
  11. 11,0 11,1 "The Saga of Ragnar Lodrok and his Sons / Ragnars Saga Loðbrókar ok sona hans". germanicmythology.com (en inglés / islandés). Consultado o 8-8-2020. Capítulo 5.
  12. Bent Østergaard (1994), "Sven Estridsens danmarkshistorie. Danmarks politiske historie ca. 890-965", Jyske samlinger
  13. "The Saga of Ragnar Lodrok and his Sons / Ragnars Saga Loðbrókar ok sona hans". germanicmythology.com (en inglés / islandés). Consultado o 8-8-2020. Capítulo 3
  14. Lind, Idar. "Norrøn mytologi frå A til Å (Det Norske Samlaget). Heimskringla.". lind.no (en noruegués e inglés). Consultado o 9-8-2020. 
  15. Sturluson, Snorri (6-4-2011). "Heimskringla or The Chronicle of the Kings of Norway". omacl.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06-04-2011. Consultado o 9-8-2020. 
  16. "Sigurd Snake in the Eye/David Lindström". wattpad.com. 21-12-2018. Consultado o 8-8-2020. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar