O sievert (símbolo Sv) é unha unidade derivada do SI que mide a dose de radiación absorbida pola materia viva, corrixida polos posibles efectos biolóxicos producidos. 1 Sv é equivalente a un joule entre quilogramo, (1 J/kg). Esta unidade dá un valor numérico co que se poden cuantificar os efectos estocásticos producidos polas radiacións ionizantes.

Medidor de radiación.

Utilizouse este nome en honra ao físico sueco Rolf Sievert.

O organismo encargado das definicións de todas as unidades de medida utilizadas para as radiacións ionizantes e a radioactividade é a ICRU (International Commission on Radiation Units and measurements). As súas recomendacións son adoptadas polo BIPM (Bureau International des Poids et Mesures) co que se incorporan ao Sistema Internacional de Unidades.

A súa diferenza co gray (unidade da dose absorbida) é que o sievert está corrixido polo dano biolóxico que producen as radiacións, mentres que o gray mide a enerxía absorbida por un material.

Cúmprese a equivalencia 1 Sv = 1 Gy para as radiacións electromagnéticas (raios X e gamma) e os electróns, pero para outras radiacións debe utilizarse un factor corrector: 20 para a radiación alfa, de 1 a 20 para neutróns libres.

Esta unidade é utilizada para medir diferentes magnitudes usadas en protección radiolóxica, como a dose equivalente, a dose colectiva, a dose ambiental ou a dose efectiva entre outras, cada unha delas corrixida ou "ponderada" por distintos factores que reflicten distintos aspectos, como a Eficiencia Biolóxica Relativa (RBE en inglés).

Síntomas inmediatos na saúde

editar

Síntomas nos humanos por mor da radiación acumulada durante un mesmo día (os efectos redúcense se o mesmo número de Sieverts se acumula nun período máis longo):

Dose Efecto
0 - 0,25 Sv Ningún
0,25 - 1 Sv Algunhas persoas senten náuseas e perda de apetito, e poden sufrir danos na medula ósea, ganglios linfáticos ou no bazo.
1 - 3 Sv Náuseas entre leves e agudas, perda de apetito, infección, perda de medula ósea máis severa, así como danos en ganglios linfáticos, bazo, con recuperación só probable.
3 - 6 Sv Náusea severa, perda de apetito, hemorraxias, infección[nota 1], diarrea, descamación e morte se non se trata.
6 - 10 Sv Mesmos síntomas, máis deterioración do sistema nervioso central. Morte probable.
Máis de 10 Sv parálise e morte.

Síntomas en humanos por radiación acumulada durante un ano, en milisieverts (1 Sv=1000 mSv):

Dose Radiación
2.5 mSv Radiación media anual global.
5.5 - 10.2 mSv Valores naturais medios en Guarapari (Brasil) e en Ramsar (Irán). Sen efectos nocivos.
6.9 mSv Escáner CT ou TAC.
50 - 250 mSv Límite para traballadores de prevención e emerxencia, respectivamente.

Dose máxima de radiación dos astronautas

editar

Nas viaxes espaciais, e debido a que no espazo existe radiación a causa do vento solar e dos raios cósmicos, a NASA ten a norma pola cal en 10 anos de servizo, un astronauta non debería recibir maior radiación que a que incrementaría nun 3 % a probabilidade de sufrir nun futuro un cancro mortal.

Usando esta norma, a NASA calcula a cantidade de radiación máxima que un astronauta debería recibir en 10 anos de servizo (baseados en cálculos aproximados, sen moita estatística dispoñible):

Sv Referencias
25 anos Homes 0,7
Mulleres 0,4
35 anos Homes 0,9
Mulleres 0,6
45 anos Homes 1,5
Mulleres 0,9
55 anos Homes 2,9
Mulleres 1,6

Conversión a outras unidades

editar

1 Sv = 100 rem

Nas aplicacións que poden atoparse comunmente adoitan ser utilizados os seus submúltiplos mSv e μSv. A partir de 1 Sv os efectos máis importantes son os deterministas, polo que se utiliza a dose absorbida (por tanto os gray).

  1. A radiación reduce o número de glóbulos brancos, polo que o organismo é máis vulnerable ás infeccións

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar