Richard B. Whitehead

numismático inglés


Richard Bertram Whitehead, nado o 6 de novembro de 1879 en Liverpool e finado o 4 de marzo de 1967 en Cambridge, foi un numismático inglés e unha autoridade en numismática da India.[1]

Infotaula de personaRichard Bertram Whitehead
R. B. Whitehead
Biografía
Nacemento6 de novembro de 1879.
Liverpool, Reino Unido Editar o valor em Wikidata
Morte4 de marzo de 1967. (87 anos)
Cambridge.
Inglaterra.
Datos persoais
País de nacionalidadeReino Unido Reino Unido.
Educación Exeter College.
Universidade de Oxford.
Coñecido porEstudos de numismática da India.
Actividade
Campo de traballoNumismática.
Ocupaciónnumismático Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeMargaret Elizabeth Whitehead (1928).
Premios
- (1922): Medalla especial (NSI).
- (1934): Medalla de bronce (NSI).
- (1940): Medalla da RNS.
- (1947): Medalla Huntington (ANS).
- (1962): Medalla Campbell (ASB).

Foi un dos fundadores da Sociedade Numismática da India e posteriormente o primeiro dos seus membros honoríficos.[2]

Traxectoria editar

Whitehead naceu en Liverpool en 1879, fillo máis vello do reverendo Robert Whitehead, e estudou o ensino primario e secundario no Liverpool College, vinculado á Igrexa de Inglaterra. Posteriormente fixo estudos de Matemáticas no Exeter College, da Universidade de Oxford, onde se graduou en 1901.[1]

En 1902 foi elixido para realizar o Servizo Civil Indio, a función pública máis alta do Imperio Británico na India colonial, en 1903 fíxose cargo do seu posto no Punjab, concretamente en asuntos de Facenda pública.[1] Alí comezou a ter coñecemento dos importantes achados monetarios que se estaban a suceder na zona do Punjab, de grande interese histórico. O seu interese por estes asuntos levouno a ser nomeado, en 1907, avaliador oficial dos tesouros do Goberno de Punjab.[3]

Coa finalidade de reunir e pór en común resultados de investigacións que se achaban dispersos, Whitehead e outras seis persoas xuntáronse en 1910 en Allahabad, e aquela reunión foi o xermolo da Sociedade Numismática da India (NSI), fundada nese mesmo ano. Whitehead foi elixido secretario honorífico e tesoureiro da Sociedade.[2][3]

Logo da súa xubilación en Punjab en 1922, regresou a Inglaterra e instalouse en Cambridge, onde seis anos despois casou con Margaret Elizabeth, viúva de James Hector Barnes (tamén membro do Servizo Civil Indio) e filla do coronel F. T. Ebden, do exército do Raj Británico. Alí foi elixido membro do St John's College, da Universidade de Cambridge, e durante varios anos exerceu como asesor dos estudantes da India nesa institución académica.[4]

Whitehead foi tamén un membro moi activo da Royal Numismatic Society, de Londres, en cuxo comité de dirección ocupou os postos de secretario de asuntos exteriores e de vicepresidente. Así mesmo, presidiu a sección oriental do Congreso Internacional de Numismática celebrado en Londres en 1936.[5]

As moedas da colección particular de Whitehead consérvanse no Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico, logo de seren adquiridas en 1922.[6][7] Os seus traballos, cartas e outra documentación atópanse no Museo Fitzwilliam, da Universidade de Cambridge.[8]

Recoñecementos editar

Whitehead foi elixido membro correspondente da American Numismatic Society en 1921, membro honorífico do Consello Internacional de Numismática en 1953 e vicepresidente honorífico da Royal Numismatic Society nese mesmo ano. En 1966 foi nomeado como o primeiro membro honorífico da Sociedade Numismática da India.[5]

Premios editar

Publicacións editar

 
Whitehead, R. B. (1922). The pre-Mohammedan coinage of Northwestern India. ANS, Nova York

Whitehead publicou numerosos artigos, fundamentalmente en Journal of the Asiatic Society of Bengal (JASB), en Journal of the Numismatic Society of India (JNSI), en Journal of the Panjab Historical Society (JPHS), en Journal of the Royal Asiatic Society (JRAS), en Numismatic Chronicle (NC) e en Numismatic Supplement to the Journal of the Asiatic Society of Bengal (NS), así como algúns traballos de carácter monográfico:[5][11][12]

Escolma de monografías editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Bivar, A. D. H. (1967). Páxina 279.
  2. 2,0 2,1 "History". Sitio web da NSI.
  3. 3,0 3,1 Bivar, A. D. H. (1967). Páxina 280.
  4. Bivar, A. D. H. (1967). Páxina 281.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 5,7 Bivar, A. D. H. (1967). Páxina 282.
  6. "R B Whitehead". The British Museum.
  7. Allan, J. (1934). Guide to the department of coins and medals. British Museum, Londres.
  8. "The Papers of Dr R. B. Whitehead (1879-1967)". The Fitzwilliam Museum.
  9. "The Society’s Medal". Royal Numismatic Society.
  10. "Recipients of the Huntington Medal Award". American Numismatic Society.
  11. "Whitehead, R. B. (Richard Bertram)". WorldCat Identities.
  12. "Whitehead, Richard Bertram 1879-1967 Arquivado 28 de xullo de 2021 en Wayback Machine.". Digital Library Numis.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar