Voivodina
A Provincia autónoma de Voivodina (en serbio: Аутономна Покрајина Војводина ou Autonomna Pokrajina Vojvodina, en húngaro: Vajdaság Autonóm Tartomány, en eslovaco: Autonómna Pokrajina Vojvodina, en romanés: Provincia Autonomă Voivodina, en croata: Autonomna Pokrajina Vojvodina) é unha das provincias coas que conta Serbia, ao norte do país. A capital e principal cidade é Novi Sad, e Subotica é a segunda cidade en importancia.
Vajdaság Autonóm Tartomány (hu) | |||||
Epónimo | Voivodía | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Estado | Serbia | ||||
Capital | Novi Sad | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 1.740.230 (2022) (80,91 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua serbia lingua húngara lingua eslovaca lingua romanesa lingua croata Lingua rutena | ||||
Xeografía | |||||
Situado na entidade territorial estatística | Q96484431 (2010–) | ||||
Superficie | 21.507,3 km² | ||||
Altitude | 99 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 28 de setembro de 1990 | ||||
Moeda | Dinar serbio | ||||
Identificador descritivo | |||||
Dominio de primeiro nivel | .срб (mul) e .rs | ||||
ISO 3166-2 | RS-VO, YU-VO e CS-VO | ||||
Voivodina é diversa canto a etnias. Habitan a rexión máis de 26 grupos distintos e ten 6 idiomas oficiais.
Etimoloxía
editarO nome Voivodina en serbio significa voivodato (territorio gobernado por un voivoda, equivalente a un duque). O nome histórico era Provincia Serbia do Voivoda, pero cando pasou a depender de Serbia o epíteto "serbio" foi eliminado. En serbio a voz Vojvodina presenta unha variante, Vojvodstvo, que é o equivalente á palabra polaca województwo que significa provincia.
Historia
editarO territorio que ocupa a provincia de Voivodina foi un territorio moi disputado ao longo do tempo. Formou parte de diferentes países, o que explica a enorme diversidade étnica do país.
Durante a dominación romana, Sirmium (actual Sremska Mitrovica) foi unha das catro capitais do Imperio romano e seis emperadores romanos naceron na cidade ou nos seus arredores. A cidade era capital de varias unidades administrativas romanas, como por exemplo, a Baixa Pannonia, a Pannonia secunda e a prefectura pretoriana de Iliria. O dominio romano mantívose ata o século IV, cando a rexión comezou a ser ocupada polos pobos veciños.
Os eslavos, incluídos os serbios, asentáronse na rexión nos séculos VI e VII. No s. IX os duques búlgaros Salan e Glad mantiveron o control sobre a rexión. A sede de Salan estaba en Titel. Tras a derrota dos nobres búlgaros algunhas partes da rexión (Bačka e o Banato) foron incluídos no reino de Hungría. Pola súa parte, Syrmia pasou á administración do Imperio bizantino ata o s. XII, cando tamén foi incluída no reino de Hungría.
Entre 1282 e 1316 o rei serbio Stefan Dragutin gobernou o reino de Syrmia, que consistía nas partes setentrionais de Serbia, Mačva, Usora e Soli, e a sede foi fixada na cidade de Debrc. O seu reino atopábase na Baixa Syrmia (actual Mačva), mentres que outro líder local, Ugrin Čak, rexeu a Alta Syrmia (actual Syrmia), Eslavonia e Bačka, con capital en Ilok. En principio Stefan Dragutin era vasalo do rei húngaro, pero desde a caída do poder central dese reino, produciuse a independencia de facto dos dous reinos de Syrmia. Stefan Dragutin morreu en 1316 e sucedeuno o seu fillo Vladislav II entre os anos 1316 e 1325, mentres que Ugrin Čak morreu en 1311. Vladislav II foi vencido polo rei de Serbia Stefan Dečanski en 1324. Tras isto a Baixa Syrmia pasou a ser disputada entre o reino serbio e o húngaro.
Despois da conquista de Serbia polos otománs en 1459, déspotas serbios rexeron zonas da Voivodina como vasalos dos reis húngaros. A sede estaba fixada en Kupinik (hoxe en día Kupinovo) en Syrmia.
Tras a batalla de Mohács e a caída do reino de Hungría en mans otomás, a rexión caeu nun período de anarquía e guerras civís. En 1526 o emperador Jovan Nenad, líder dos mercenarios serbios, estableceu o seu poder en Bačka, o norte do Banato e unha pequena parte de Syrmia. Creou un estado independente efémero, con capital en Subotica. Jovan Nenad aproveitou a situación para proclamarse emperador serbio, coa vantaxe da confusión política e militar que había daquela. A nobeza húngara uniuse ás forzas contrarias ao emperador e venceron ás tropas serbias no verán de 1527. O emperador foi asasinado e o estado desapareceu. Unhas décadas máis tarde a rexión pasou a formar parte do Imperio Otomán. Gobernou a zona ata fins do s. XVII e primeiros do s. XVIII, cando pasou a depender da dinastía Habsburgo.
Na asemblea celebrada en Sremski Karlovci en maio de 1848 os serbios declararon a creación da provincia-ducado serbia de Voivoda, unha rexión autónoma dentro do Imperio austríaco. Estaba composta por Syrmia, Bačka, o Banato e Baranja. O metropolitano de Sramski Karlovici, Josif Rajačić, foi elixido patriarca mentres que Stevan Šupljikac foi o primeiro duque.
En novembro de 1849, por decisión do emperador autríaco, esta rexión converteuse nun novo territorio real austríaco coñecido como Voivodato de Serbia e Banato Tamiš. Estaba composto polo Banato, Bačka e Syrmia. Un gobernador austríaco con sede en Temesvár encargaríase de dirixir a área e o título sobre o voivodato era propiedade do emperador. O título completo era "Gran Voivoda do Voivodato de Serbia" (alemán: Großwoiwode der Woiwodschaft Serbien). A provincia quedou abolida en 1860 e sete anos máis tarde pasou a ser parte do reino de Hungría.
Tras a primeira guerra mundial e a caída do Imperio austro-húngaro a rexión pasou a formar parte do estado dos eslovenos, croatas e serbios. En 1918 creouse a república do Banato, recoñecida por Hungría.
O 25 de novembro de 1918 proclamouse a unión da rexión ao reino de Serbia. A decisión tomouna unha asemblea de representantes das distintas nacionalidades. Un día máis tarde a asemblea de Syrmia tamén proclamou a súa unión con Serbia.
Entre 1929 e 1941 a rexión foi coñecida como a Banovina do Danubio, unha provinca do reino de Iugoslavia. A capital era Novi Sad. Estaba composta de Syrmia, Bačka, o Banato, Baranja e Šumadija.
Na segunda guerra mundial o Eixe ocupou a rexión entre 1941 e 1944. Bačka e Baranja foron unidas a Hungría mentres que Syrmia pasou a formar parte de Croacia. As outras dúas zonas seguiron formando parte de Serbia. Porén, o Banato tiña un réxime de autonomía controlado pola minoría alemá.
Tras a fin da ocupación do Eixe a rexión volveuse converter nunha provincia autónoma de Serbia e pasou a ter a denominación actual coa mesma capital.
En principio, a provincia tiña un baixo nivel de autonomia dentro de Serbia, pero foi gañando dereitos sobre todo baixo a constitución de 1974. Esta defininía Voivodina como integrante da Federación Iugoslava, co mesmo dereito de voto cá propia Serbia dentro da Federación.
Baixo o goberno de Slobodan Milošević, a Voivodina e Kosovo perderon a maior parte da súa autonomía en setembro de 1990. Despois disto, a Voivodina deixou de ser unha parte da federación iugoslava e mantivo unha pequena autonomía.
A caída de Milošević en 2000 creou un novo clima reformista na rexión e o nivel de autonomía da provincia medrou en 2002.
Xeografía
editarA rexión está dividida polo río Danubio e o río Tisa en Bačka ao noroeste, o Banato ao leste e Syrmia ao suroeste. Unha pequena parte de Mačva está tamén na Voivodina. Hoxe en día a parte occidental de Syrmia pertence a Croacia, a parte norte de Bačka a Hungría e a parte oriental do Banato a Romanía. A área total da Voivodina é de 21.500 km².