Dinar serbio
Dinar serbio | |
---|---|
српски динар en serbio | |
Código: | RSD |
Ámbito: | Serbia |
Símbolo: | дин. |
Fracción: | 100 para |
Moedas: | 50 para 1, 2, 5, 10, 20 RSD |
Billetes: | 10, 20, 50, 100, 200, 500, 1.000, 5.000 RSD |
Emisor: | Banco Nacional de Serbia |
Taxa de troco: 13-02-2009 | 1 EUR = 93,92 RSD 1 USD = 75,42 RSD |
O dinar serbio (en serbio: српски динар/srpski dinar) é a moeda oficial de Serbia. Na provincia de Kosovo e Metohija usan o euro dende o 2002, antes compartían o dinar iugoslavo con Serbia. O código internacional monetario ISO 4217 para o dinar serbio é RSD, un dinar equivale a 100 para (пара).
Historia
editarA primeira mención que se ten dun "dinar serbio" data do reino de Stefan Nemanjic en 1214. Até a caída do déspota Stefan Lazarević en 1459, a maioría de gobernantes serbios emitiron dinars. A moeda foi un símbolo importante da nacionalidade serbia durante a Idade Media. Estes dinares medievais cuñáronse exclusivamente en prata por mor das restricións que tiña o ouro na Europa medieval.
Despois da conquista otomá até mediados do século XIX usáronse diferentes moedas estranxeiras. Os otománs estableceron diversas casas emisoras en territorio de Serbia: en Novo Brdo, Kucajna e Belgrado. A moeda fraccionaria actual do dinar serbio é o para, que é como se chamaban as antigas moedas de prata turcas que circularon en Serbia (nome derivado do árabe bara, prata).
No século XIX, os gobernos de Karađorđe e do príncipe Miloš Obrenović tamén viron circular un bo número de moedas de todas partes de Europa, en concreto de corenta e tres tipos diferentes: dez de ouro, vinte e oito de prata e 5 de cobre. Despois da independencia da dominación turca, comezáronse a tomar medidas para establecer un sistema monetario independente.
Despois da circulación de tantas moedas no seu territorio, o príncipe Mihailo Obrenović fixo cuñar unha moeda nacional serbia. As novas moedas, dunha aliaxe de cobre, foron as de 1, 5 e 10 para. Os anversos levaban o retrato do príncipe e o ano de emisión, 1868. O dinar de prata non se cuñou até 1875. Nel figuraba o príncipe Milan Obrenović, e habíaos de 50 para e de 1 e 2 dinares. As primeiras moedas de ouro emitíronse en 1879, cun valor de 20 dinares. Para a coroación do rei Milán en 1882 emitíronse moedas de ouro de 10 e 20 dinares, chamadas popularmente milandor (do francés Milan d'Or).
Moedas
editarAs moedas que circulan en 2009 son as seguintes:
- 1 dinar.
- 2 dinares.
- 5 dinares.
- 10 dinares.
- 20 dinares.
Billetes
editarOs billetes que circulan oficialmente son os das denominacións que a continuación se describen:
- 10 dinares
- 62 x 131 mm
- Tonalidade: dourado e ocre
- Anverso: o filólogo Vuk Stefanović Karadžić e un libro aberto adicado a el
- Reverso: os membros do Primeiro Congreso Eslavo celebrado en Praga en 1848
- 20 dinares
- 64 x 135 mm
- Tonalidade: verde
- Anverso: o poeta e bispo Petar Petrović Njegoš
- Reverso: detalle do mausoleo onde xacen os restos do bispo
- 50 dinares
- 66 x 139 mm
- Tonalidade: violeta
- Anverso: o compositor Stevan Stojanović Mokranjac e un violín
- Reverso: unha fotografía do compositor sobre unha partitura
- 100 dinares
- 68 x 143 mm
- Tonalidade: azul
- Anverso: o físico e enxeñeiro Nikola Tesla
- Reverso: fotografía do físico e detalle da súa máquina de indución electromagnética
- 200 dinares
- 70 x 147 mm
- Tonalidade: marrón
- Anverso: a pintora Nadežda Petrović e unha escultura que representa á artista
- Reverso: silueta do mosteiro de Gračanica
- 500 dinares
- 70 x 147 mm
- Tonalidade: verde, azul e laranxa
- Anverso: o xeógrafo Jovan Cvijić, de fondo representación polar da terra
- Reverso: fotografía do xeógrafo e motivos folclóricos serbios
- 1000 dinares
- 72 x 151 mm
- Tonalidade: vermello
- Anverso: o primeiro gobernador do banco nacional Dorde Vajfert, de fondo a súa cervexaría
- Reverso: unha fotografía do produtor e detalle do interior do Banco Nacional de Serbia
- 5000 dinares
- 76 x 159 mm
- Tonalidade: gris e púrpura
- Anverso: o político e historiador Slobodan Jovanović e unha estatua dunha muller cunha pomba na man e dous nenos ao seu arredor
- Reverso: fotografía do político e silueta do Parlamento de Serbia
Hiperinflación
editarA hiperinflación tivo lugar en Serbia en 1993 por mor da política continua do goberno de emitir moeda para financiar o déficit público, con tal que o goberno de Slobodan Milošević asegurase que era debida ás sancións internacionais. O billete de máis valor que se puxo en circulación foi o de 500.000 millóns de dinares. A hiperinflación disparouse máis dun 300.000% e, despois de numerosas desvalorizacións, estableceuse un cambio de 700.000 novos dinares por dólar estadounidense. Xeneralizouse o desemprego e moitas industrias case crebaron pola carencia de materias primas. Empezouse a controlar a hiperinflación coa introdución dunha nova moeda coñecida como o "super dinar", equivalente a 1.000 millóns dos antigos dinares, e vinculado ao valor do marco alemán. Con todo, o grao de recuperación vese obstaculizado pola cantidade de recursos económicos do país utilizados nas campañas militares e a perda de moitos homes e profesionais en idade de recrutamento que fuxiron do país desde 1991. O desemprego mantívose desde 1993 por encima do 50%.