Luís Porteiro Garea
Luís Porteiro Garea, nado en Lugo o 16 de novembro de 1889 e finado en Frades o 27 de outubro de 1918, foi un avogado e político galego, fundador das Irmandades da Fala[1].
Luís Porteiro Garea | |
---|---|
![]() | |
Nacemento | 16 de novembro de 1889 |
Lugar de nacemento | Lugo |
Falecemento | 27 de outubro de 1918 |
Lugar de falecemento | Frades |
Causa | Gripe |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Santiago de Compostela |
Ocupación | avogado e político |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Traxectoria editar
Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, doutorouse en Madrid en 1914 coa tese El sistema parlamentario en España y sus relaciones con el caciquismo. Foi catedrático na USC, concelleiro agrarista e presidente das Irmandades da Fala en Santiago de Compostela. En febreiro de 1918 presentouse como candidato rexionalista a deputado en Cortes polo distrito de Celanova, pero foi derrotado polo candidato conservador Senén Canido Pardo. Colaborou en diversas publicacións como El Radical, Gaceta de Madrid, Estudios Gallegos e A Nosa Terra.
Morreu prematuramente en 1918, vítima da pandemia de influenza coñecida como gripe española. Os seus restos descansan en Gafoi, no concello de Frades.
Pensamento editar
Foi un dos creadores do nacionalismo na súa vertente política, pois apostou por superar as reivindicacións puramente lingüísticas e culturais e avanzar cara á creación dunha organización política. Tamén foi un acérrimo defensor da lingua galega, sen esquecer a europeización da cultura, e rexeitou o separatismo. Considerou a Galicia e a España como dous entes diferenciados pero cunha estreita interrelación.
Os seus escritos atenderon a un dobre núcleo temático: definiu España como unha organización defectuosa que se fundou na oligarquía e o caciquismo e responsabilizou os galegos e os factores endóxenos de Galicia dos seus propios problemas. Defendeu o establecemento dunha república presidencialista e progresista.
Recoñecemento editar
A Universidade de Santiago de Compostela convocou o Premio Luís Porteiro Garea a prol da normalización lingüística.[2]
Obras editar
- A los gallegos emigrados, 1918.
- Un mensaxe a García, 1919.
- A fala galega, 1936.
Notas editar
- ↑ Beramendi, Xusto G. (28 de maio de 2017). "Lois Porteiro Garea". Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega).
- ↑ "II Premio “Luís Porteiro Garea” á promoción e uso do galego na USC". USC. Consultado o 9 de outubro de 2018.
Véxase tamén editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Luís Porteiro Garea |
Bibliografía editar
- "Porteiro Garea, Lois". Dicionario biográfico de Galicia 3. Ir Indo Edicións. 2010-2011. p. 125.
- Castro, Xavier (2005). "Porteiro Garea, Lois". Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada (DVD). El Progreso. ISBN 84-87804-88-8.
- Cores Trasmonte, Baldomero (2005). Luís Porteiro Garea. Santiago de Compostela: tresCtres. ISBN 84-934335-5-1.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1951-53). Diccionario bio-bibliográfico de escritores (en castelán) III. Bibliófilos Gallegos. p. 114.
- Fernández del Riego, F. (1992) [1990]. Diccionario de escritores en lingua galega (2ª ed.). Do Castro. p. 345. ISBN 84-7492-465-0.