Portal:Música clásica/Biografía destacada/13

José Ventura Eduardo Gregorio Valdomir (sic) ou Xosé Baldomir Rodríguez, máis coñecido como Xosé Baldomir, nado na Coruña o 26 de novembro de 1865 e finado na mesma cidade o 1 de febreiro de 1947, foi un compositor, pianista, director coral e profesor que desenvolveu case todo o seu labor na súa cidade natal. Entre a súa obra, cunha importante influencia da música popular, salientan as súas melodías galegas, xénero iniciado por un dos seus mestres, Marcial del Adalid, e que Baldomir levou ao máximo nivel artístico, acadando no seu tempo difusión universal con obras que permaneceron na memoria colectiva.

Ademais de como compositor, Baldomir destacou tamén como director de corais, estando á fronte de agrupacións como o Orfeón Brigantino ou a Coral Polifónica El Eco, tendo realizado con esta última numerosas e exitosas xiras por España e o resto do mundo.

Foi nomeado académico da Real Academia Provincial Coruñesa de Belas Artes (1905), da Real Academia de Belas Artes de San Fernando en Madrid (1922) e numerario da Real Academia Galega (1941), na que permaneceu ata a súa morte en 1947. Tamén participou en institucións galeguistas como as Irmandades da Fala, nas que ingresou no seu inicio en 1916. Baldomir colaborou tamén na recompilación dos Cantos y Bailes Populares de España e de El Cancionero Musical Popular Español de José Inzenga e Felip Pedrell, respectivamente.

Interveu en varios tribunais de oposicións e presidiu o xurado de certames musicais para orfeóns, bandas e coros galegos. Foi director das orquestras do "Liceo del Brigantino", da orquestra da sociedade "Bretón de los Herreros" e dos coros e orquestra das Fillas de María. En 1906 foi invitado a dar un recital no Ateneo de Madrid e tamén realizou unha xira por España, Francia e Portugal.