Pazo do Faramello

construción civil no lugar do Faramello, en Ribasar, no concello de Rois

O pazo do Faramello é un pazo barroco (século XVIII)[1] situado na parroquia de Ribasar no concello de Rois, moi preto do Camiño portugués de Santiago e a 12 quilómetros de Padrón e Santiago de Compostela. Conta cun eido de 12,6 hectáreas onde salientan os xardíns franceses deseñados no século XIX. Está arrodeado por unha carballeira de gran biodiversidade e do lendario castro da Raíña Lupa.

Pazo do Faramello
ConcelloRois
ProvinciaA Coruña
ComunidadeGalicia
Coordenadas42°48′34″N 8°37′52″O / 42.80944444, -8.63111111Coordenadas: 42°48′34″N 8°37′52″O / 42.80944444, -8.63111111
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(Barroco, século XVIII)
Estilo actual(barroco e posteriores estilos/reformas)
Estado actualen bo estado
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Emprégase actualmente como lugar de celebracións, xuntanzas, vodas etc. O seu actual propietario, Gonzalo Rivero de Aguilar, vive no pazo e acostuma servir de guía aos visitantes.

Historia e arquitectura editar

Trátase dun edificio de estilo barroco civil compostelán con influencias italianas que delatan a orixe xenovesa do seu fundador, o Marqués de Piombino. Construíuse para servir de vivenda familiar e ergueito nuns socalcos sobre o canón do río Sar a comezos do século XVIII de estilo barroco compostelán civil. É o último pazo do Camiño Portugués a Compostela. O edificio principal supera os 2100 m² e a súa orixe é industrial, xa que se fundou a partir da Real Fábrica de Papel do Faramello, 1710, pioneira e abandeirada da industria galega por máis de dous séculos. Nas súas cabalarizas albergouse o arsenal contra as tropas francesas nas revoltas do 2 de xuño de 1808. O pazo foi ademais residencia de verán do rei Afonso XIII e do Infante Lois de Baviera nas súas viaxes a Galiza, polo que tamén se coñece co nome local de Balmoral do Sar. A Presidencia da Xunta de Galicia solicitouno en varias ocasións para dar o discurso de Nadal do Presidente Manuel Fraga Iribarne.

A capela das Neves[2] data do ano 1727 e acolle un retablo de madeira realizado polo mestre Xosé Gambino, nado no pazo, e un dos escultores barrocos principais da catedral de Santiago de Compostela.[3] No pazo hai dous cruceiros, un no xardín[4] e outro a carón da capela[5]

O pazo e a literatura editar

Varios autores galegos víronse fascinados polo pazo. Emilia Pardo Bazán dixo: Hai moitos pazos, mais Faramello é único; Rosalía de Castro confesou que a beleza do Faramello conxeláralle a alma; Cela dixo que o pazo é o segredo mellor gardado do Camiño que din do Apóstolo. É ademais unha das contornas principais da novela de Alejandro Pérez Lugín La casa de la Troya, de 1915.

Xardíns editar

O eido mide unhas 12,6 hectáreas; nel aparecen os xardíns franceses deseñados no século XIX. Ademais posúe regueiros con fervenzas, arboredos e unha carballeira de gran biodiversidade con especies salientábeis como lontras, grúas e garzas.

Disque nunha poza vive unha ninfa que por veces sae da auga para contemplar a paisaxe deitada nun penedo (típica lenda galega de mouras)[3].

Notas editar

  1. Pazo do Faramello na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  2. Capela das Neves na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  3. 3,0 3,1 Rivera de la Cruz, Marta: "Pazo a pazo" El País, 21/2/2014.
  4. Cruceiro do Pazo do Faramello na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
  5. Cruceiro da Capela do Pazo do Faramello na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar