Píseň bohatýrská

Píseň bohatýrská (traducible ao galego como O canto do heroe), Op. 111, B. 199, tamén chamada Canción heroica para orquestra,[1] é un poema sinfónico para orquestra composto por Antonín Dvořák entre o 4 de agosto e 25 de outubro de 1897. Foi estreado en Viena o 4 de decembro de 1898, coa Orquestra Filharmónica de Viena baixo a dirección de Gustav Mahler, e a súa publicación tivo lugar en Berlín en 1899. A diferenza doutros poemas sinfónicos de Dvořák, esta obra non está baseada nun texto específico, e puido ter sido composta coa intención de ser autobiográfica. A peza é na súa maior parte enerxética e triunfante, mais inclúe unha sección lenta que contén unha marcha fúnebre. Unha interpretación típica dura aproximadamente vinte e dous minutos.

Píseň bohatýrská
de Antonín Dvořák
Portada da primeira edición de Píseň bohatýrská, publicada en 1899.
GalegoO canto do heroe
CatálogoB
OpusOp. 111
XéneroSinfónico
FormaPoema sinfónico
Composición4 de agosto a 25 de outubro de 1897
Duraciónaprox. 22 minutos
Estrea
Data4 de decembro de 1898
LugarViena
DirectorGustav Mahler
IntérpretesOrquestra Filharmónica de Viena

Instrumentación

editar

O poema sinfónico está orquestrado para:[2]

Instrumentación de Píseň bohatýrská
Madeiras
2 frautas, 2 óboes, 2 clarinetes, 2 fagots.
Metais
4 trompas, 2 trompetas, 3 trombóns, tuba.
Percusión
Timbais, bombo, ferriños, pratos.
Cordas
Violíns (I e II), violas, violonchelos e contrabaixos

A instrumentación da obra é significativa, xa que carece de arpa, percusión infrecuente e instrumentos de vento distintos dos habituais,[3] unha orquestra máis simple en comparación coa maioría das outras obras orquestrais de Dvořák. Isto débese a que a peza non tenta transmitir unha historia, senón que simplemente retrata o contraste de dous estados de ánimo: a desesperación (durante a sección lacrimosa) e o triunfo.[4]

Historia

editar
 
Antonín Dvořák (á dereita) cos seus amigos e familia en Nova York en 1893, catro anos antes de que compuxera Píseň bohatýrská.

Píseň bohatýrská foi a última obra orquestral de Dvořák e o último dos seus cinco poemas sinfónicos, sendo os outros Vodník, Polednice, Zlatý kolovrat, e Holoubek (Opp. 107–110).[4] Constitúe tamén o último exemplo de composición puramente instrumental, xa que se adicou ás obras vocais e líricas logo da súa finalización.[3] Comezou a traballar na obra o 4 de agosto de 1897, inmediatamente despois de revisar o terceiro acto da súa ópera Jakobín.[3] Dvořák finalizou a obra en tres meses, tempo durante o cal viviu na súa residencia de verán na cidade de Příbram, e tamén pasou un tempo no castelo do seu mecenas Josef Hlávka en Lužany.[3] Terminou de compoñer Píseň bohatýrská o 25 de outubro do mesmo ano, e publicouse en 1899 por Fritz Simrock en Berlín.[5] O poema sinfónico, coincidentemente, anticípase a un poema sinfónico similar de Richard Strauss, Ein Heldenleben (Vida de heroe), que foi composto un ano máis tarde.[6] De feito, Dvořák tiña previsto poñer á súa peza o título que finalmente tería a de Strauss, un nome que lle suxeriu o seu alumno Vítězslav Novák.[7]

A estrea da obra tivo lugar o 4 de decembro de 1898 da man da Orquestra Filharmónica de Viena[3] baixo a dirección de Gustav Mahler, un amigo e defensor de Dvořák.[7] Mahler escribiu a Dvořák antes da estrea, «acabo de recibir a túa segunda obra Píseň bohatýrskáey, ao igual que a primeira [referíndose a Holoubek], estou encantado con ela».[8] Dvořák estivo presente na estrea e planeara dirixila coa Orquestra Filharmónica de Berlín, o 14 de novembro de 1899, mais cancelou os seus plans debido a unha repentina crise nerviosa. En palabras de Dvořák, «estaba tan indisposto que tiven que marchar de Berlín coa miña esposa sen sequera ver a Simrock».[9] A peza interpretárase o día anterior, baixo a batuta de Arthur Nikisch. A obra foi un éxito considerable tanto por parte do público como da crítica. A primeira interpretación en terras checas tivo lugar en Praga da man da Orquestra Filharmónica Checa o 28 de xaneiro de 1899, baixo a dirección de Oskar Nedbal. Tamén interpretouse en Londres, Hamburgo, Boston e Leipzig, en outubro e novembro de 1899.[3] Dvořák puido finalmente dirixir persoalmente a obra en Budapest en decembro dese mesmo ano.[9] Posteriormente escribiulle sobre o concerto ao seu amigo Alois Gobl:

Aledoume tanto que o público e os críticos de Budapest me recibiran con tanto fervor. Logo do primeiro tema do programa, Píseň bohatýrská, os aplausos continuaron durante tanto tempo que tiven que ir saudar varias veces, e logo regaláronme unha gran coroa de flores húngaras coas súas cores nacionais.

A pesar das súas incuestionables cualidades e do tremendo éxito da súa estrea, Píseň bohatýrská nunca chegou formar parte do repertorio e, contando algunhas excepcións, segue a ser unha das grandes esquecidas por parte das compañías discográficas.[3]

Contido

editar

Dvořák frecuentemente adaptaba o folclore bohemio para as súas composicións, e os seus catro poemas sinfónicos anteriores estaban baseados en poemas do poeta checo Karel Jaromír Erben, especialmente a súa colección de baladas Kytice.[10] Píseň bohatýrská separouse deste patrón de obras sinfónicas programáticas, xa que Dvořák non especificou un texto que o acompañase,[11] e apenas esbozou a súa trama nunha carta posterior.[5] Propúxose que a falta dun programa fixo foi causa do seu relativo abandono en comparación con outras das súas obras sinfónicas.[11] Tamén suxeriuse que a obra estaba destinada a ser autobiográfica,[6] un enfoque infrecuente en Dvořák.[3] Trátase do único poema sinfónico que persegue a visión idealizada do xénero de Franz Liszt, xa que as outras catro obras están baseadas en temas misteriosos non apropiados segundo a concepción de Liszt.[5]

Píseň bohatýrská estrutúrase musicalmente como unha sinfonía en catro movementos. Os movementos individuais non están separados, senón que flúen un detrás doutro. Comeza cun allegro con fuoco, pasando a un lento poco adagio lacrimosa, a continuación, incluíndo un scherzo e concluíndo cunha coda.[3] A obra está baseada nun curto pero enérxico tema en si bemol menor tocado polas violas, violonchelos e contrabaixos ao inicio da peza.

 

Este tema aparece baixo diversas formas ao longo da primeira sección. Despois disto, unha sección lenta presenta unha música tranquila que simboliza a pena do heroe.[11] Inclúese unha marcha fúnebre, unha forma musical que Dvořák tamén emprega no seu Réquiem, no seu Stabat Mater e no Quinteto con piano n.º 2.[12] O heroe recupérase da súa dor e o estado de ánimo da música pouco a pouco ilumínase e modula a si bemol maior, dando paso a un scherzo con toques de danza. Finalmente, o triunfo do heroe está representado por unha coda vitoriosa.[11] A obra ten un tempo de execución de aproximadamente 22 minutos.[3]

Aínda que é moito menos popular que outros poemas sinfónicos de Dvořák, Píseň bohatýrská ten sido descrito como unha «desinhibida efusión de enerxía alegre»[4] e «musicalmente tan rico como os seus irmáns escritos un ano antes», mentres que a súa sección lacrimosa está «chea de tristeza e nostalxia».[11] O seu carácter ten sido descrito como «unha variación do estilo de Beethoven»[7] e apréciase unha lixeira influencia de Mahler na marcha fúnebre,[4] e o final ten sido comparado coa música patriótica de Edward Elgar.[13]

  1. "Dvorák: Symphonic Poems, Overtures / Kuchar" (en inglés). ArkivMusic. Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2017. Consultado o 31 de xullo de 2017. 
  2. Daniels, David (2005). Orchestral Music: A Handbook (en inglés). Scarecrow Press. p. 123. ISBN 978-0-8108-5674-5. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 Šupka, Ondřej. "A Hero's Song". www.antonin-dvorak.cz (en inglés). WebArchiv. Consultado o 31 de xullo de 2017. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Hurwitz, David (2005). Dvořák: Romantic Music's Most Versatile Genius (en inglés). Pompton Plains, NJ: Amadeus Press. p. 170. ISBN 1574671073. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Döge, Klaus. "Dvořák, Antonín". Grove Music Online. Oxford Music Online (en inglés). Oxford University Press. Consultado o 31 de xullo de 2017.  (require subscrición)
  6. 6,0 6,1 Rothstein, Edward (24 de marzo de 1992). "Review/Music; The American Symphony Takes On a New Role". The New York Times (en inglés). Consultado o 31 de xullo de 2017. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Honolka, Kur (2004). Dvořák (en inglés). Londres: Haus Publishing. p. 97. ISBN 1904341527. 
  8. Sourek 1954, p. 209.
  9. 9,0 9,1 Sourek 1954, p. 210-211.
  10. Haase, Donald (2008). The Greenwood Encyclopedia of Folktales and Fairy Tales (en inglés). Westport: Greenwood Press. p. 285. ISBN 9780313334412. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Bellman, Hector. "A Hero's Song (Písen bohatyrská), B.199, Op.111" (en inglés). All Music Guide. Consultado o 31 de xullo de 2017. 
  12. Beckerman, Michael B. (2003). New worlds of Dvořák: Searching in America for the Composer's Inner Life (en inglés) (1.ª ed.). Nova York: Norton. p. 201. ISBN 0393047067. 
  13. Beveridge, David R. (1996). Rethinking Dvořák: Views from Five Countries (en inglés). Oxford: Clarendon Press. p. 230. ISBN 0198164114. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar