Pío XII, papa
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2017.) |
Pío XII (en latín, Pius PP. XII), nado Eugenio María Giuseppe Giovanni Pacelli en Roma o 2 de marzo de 1876 e finado en Castelgandolfo o 9 de outubro de 1958, foi o 260º papa da Igrexa católica e soberano do Estado da Cidade do Vaticano entre o 2 de marzo de 1939 e a súa morte. Foi declarado Venerable o 19 de decembro de 2009 por Bieito XVI.
Anteriormente á súa elección como Papa, Pacelli desempeñou as funcións de Secretario da Congregación de Asuntos Eclesiásticos Extraordinarios, nuncio papal en diferentes países de Europa, e Cardeal Secretario de Estado, cargo no que culminou varios concordatos internacionais con estados europeos e americanos, como o Concordato Imperial (en alemán, Reichskonkordat) coa Alemaña nazi. O seu pontificado durante a segunda guerra mundial é un dos máis controvertidos da época contemporánea, principalmente no referido ao coñecemento e encubrimento dos crimes e o antisemitismo do réxime nazi.
Traxectoria
editarTerceiro dos catro fillos de Filippo Pacelli, príncipe de Acquapendente e de Sant'Angelo in Vado, e Virginia Graziosi, naceu nunha familia aristocrática dedicada durante xeracións ao servizo papal. Disciplinado e capacitado para o estudo, Eugenio Pacelli realizou os seus estudos secundarios clásicos no liceo «Ennio Quirino Visconti», de Roma, escola con tendencias anticlericais e anticatólicas.
En 1894, con dezaoito anos, ingresou no seminario de Capranica, e por motivos de saúde, ao ano seguinte no Instituto Apollinare. Entre 1895 e 1896, estudou Filosofía na Universidade romana de La Sapienza.
Ordenado sacerdote o 2 de abril de 1899, Domingo de Pascoa de Resurrección, Pacelli matriculouse na Pontificia Universidade Gregoriana e no Instituto Apollinare da Pontificia Universidade Lateranense, doutorándose en Teoloxía e In utroque iure (dereitos civil e canónico).
Carreira eclesiástica
editarComo sacerdote, foi asignado a Chiesa Nuova, onde servira como acólito, pero en 1901 ingresou na Congregación de Asuntos Eclesiásticos Extraordinarios, dependente da Secrearía de Estado vaticana, como minutante grazas á recomendación do cardeal Vannutelli.
En 1904, Pacelli foi nomeado chambelán e en 1905 prelado doméstico da Súa Santidade; entre 1904 e 1916, asistiu ao cardeal Gasparri na codificación do Dereito Canónico no Departamento de Asuntos Eclesiásticos Extraordinarios. En 1908, representou a Santa Sé no Congreso Internacional Eucarístico en Londres, e posteriormente, en 1911, na coroación de Xurxo V de Inglaterra.
Adscrito xa á diplomacia vaticana, foi nomeado subsecretario de Estado en 1911, e secretario adxunto en 1912 (cargo para o que foi designado por Pío X e confirmou Bieito XV); en 1914, secretario de Asuntos Eclesiásticos Extraordinarios en substitución de Gasparri, promovido a Cardeal Secretario de Estado.
Como secretario, Pacelli concluíu un concordato con Serbia, días antes do asasinato do arquiduque Francisco Fernando, e durante a primeira guerra mundial, levou o rexistro vaticano dos prisioneiros de guerra. En 1915 viaxou a Viena para asistir ao nuncio Scapinelli nas negociacións co Imperador Francisco Xosé I.
Arcebispo e nuncio
editarBieito XV designou a Pacelli nuncio apostólico en Baviera o 23 de abril de 1917, consagrándoo bispo titular de Sardes, e inmediatamente elevándoo ao arcebispado na Capela Sistina o 3 de maio seguinte, antes de partir para presentarse perante o rei Luís III, primeiro, e o káiser Guillerme II despois. Ao estar vacante a nunciatura de Berlín, na práctica Pacelli exerceu as funcións de nuncio en todo o Imperio Alemán nos últimos meses da guerra e durante a posguerra.
Cardeal
editarEn 1929 Pío XI créao cardeal presbítero de San Xoán e San Paulo, e após a dimisión de Gasparri, Secretario de Estado debido ao seu satisfactorio labor no dicasterio alemán pero fundamentalmente polo seu coñecemento da política alemá nuns tempos especialmente complicados, en pleno ascenso do partido nacional-socialista.
Pacelli negoció e asinou os concordatos entre a Santa Sé e o ducado de Baden (1932), a república de Austria (1933), o reino de Iugoslavia (1935), e moi destacadamente con Alemaña, tratado este último que segue vixente na actualidade.
Como Secretario de Estado unha das súas máis significativas actuacións foi a participación na elaboración, a instancias dos bispos alemáns, da encíclica Mit brennender Sorge, que supuxo unha dura condena por parte do Papado das políticas do réxime nazi. O texto inicial correu a cargo de Michael von Faulhaber, cardeal arcebispo de Múnic e Freising, e ao parecer a versión definitiva debeuse a Pacelli. Con data de 14 de marzo de 1937, o documento foi lido en todas as igrexas de Alemaña o Domingo de Ramos, provocando as iras de Hitler e do aparato de propaganda ideolóxica de Goebbels.
No desempeño das súas funcións, Pacelli realizou numerosas viaxes aos Estados Unidos, Arxentina, Hungría e Francia, tendo acceso aos mandatarios destes países, o que lle outorgou prestixio internacional.
Simultaneamente ao cargo de secretario de Estado, que mantivo mesmo tras a súa designación como Papa, o cardeal Pacelli desempeñou neste período os de arcipreste da Patriarcal Basílica Vaticana (1930), gran chanceler do Pontificio Instituto de Arqueoloxía Cristiá (1932) e Camarlengo da Santa Igrexa Romana (1935).
Papa
editarÁ morte de Pío XI, a xestión da sede vacante correspondeu a Pacelli pola súa condición de camarlengo, cargo que o convertía ademais en candidato favorito. O conclave durou apenas dous días, e á terceira votación, o 2 de marzo de 1939, Pacelli resultou elixido Papa, sendo o primeiro que carecía de calquera experiencia pastoral, fose en parroquias ou en dioceses, dado que desenvolvera toda a súa carreira na administración vaticana. Talvez isto explique a orientación eminentemente política do seu pontificado, moi condicionado por acontecementos históricos tan decisivos como a segunda guerra mundial e a posterior guerra fría. Algúns historiadores criticaron o silencio do Papa diante do holocausto, acusándoo de antisemitismo; tamén as súas actitudes anticomunistas o levaron a lexitimar a ditadura de Franco en España coa sinatura do concordato de 1953, a cambio de importantes privilexios e vantaxes para a Igrexa, e a condenar as ideoloxías marxistas e comunistas, ameazando coa excomuñón a todos os católicos que as apoiasen.
Promulgou a doutrina da Asunción da Virxe como dogma de fe en 1950 mediante a constitución apostólica Munificentissimus Deus; a través da encíclica Fidei donum (1957), invitaba a toda a Igrexa a reactivar o espírito misioneiro, especialmente no continente africano.
Morte
editarPío XII faleceu o 9 de outubro de 1958 dunha insuficiencia cardíaca aguda provocada por un infarto de miocardio súbito en Castelgandolfo, residencia estival dos Pontífices, sendo sepultado nas grutas vaticanas.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Critical Online Edition of the Nuncial Reports of Eugenio Pacelli (1917–1929) Arquivado 20 de xuño de 2019 en Wayback Machine.
Este artigo sobre Papas é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |