Organoloxía (novela)

obra literaria de Eva Moreda

Organoloxía é unha novela erótica de Eva Moreda, publicada en 2010 por Edicións Positivas, logo de gañar o Premio Narrativas Quentes.

Organoloxía
Autor/aEva Moreda
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)novela erótica
EditorialEdicións Positivas
Data de pub.Maio de 2010
FormatoTapa branda
Páxinas100
ISBNISBN 978-84-921162-0-1
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

Lucía (a narradora), Carolina, Alicia, Xandra, Vic, Enma e Carmela son sete profesoras de música do conservatorio, que quedan pechadas de noite na sala para o profesorado. Para facer máis levadía a espera até que as veñan rescatar, comezan a contar cada unha un relato erótico da súa experiencia relacionado co mundo da música. Con todo, o grupo desconfía de que foi Benigno, outro profesor do conservatorio, quen as pechou para escoitalas. Entre relato e relato, a propia Lucía fala da situación no momento e da súa relación co resto das mulleres, especialmente con Xandra, da que fora moi amiga, pero coa que agora non se leva demasiado.

Comeza Caro, a profesora de piano, falando das súas preferencias á hora de escoitar a Johann Sebastian Bach, e di que o seu mito erótico fora sempre deitarse cun home con uniforme fascista, ben das SS (especialmente Goebbels), da Falange Española ou da garda de Mussolini. Tras contactar con varios neofascistas da cidade onde estudaba, chegou á conclusión de que era imposible atopar a alguén que conxugase as ideas totalitarias co gusto por Bach, e decide disfrazarse ela mesma de fascista para poder cumprir a súa fantasía.

Alicia, a profesora de música antiga, fálalles dunha viola que acadou moita sona en Italia a mediados do século XVII. Fora construída por un luthier para que un músico conquistase unha muller, e o feito é que o instrumento espertaba o desexo sexual de todas as persoas que o escoitaban, polo que foi prohibido polo Papa.

Lucía, profesora de guitarra, lembra unha viaxe a Grecia xunto a Xandra, onde coñeceron a un rapaz que tocaba o bouzouki nun grupo. Viven en pisos enfrontados, e despois dun concerto do grupo del, a través da ventá ela mastúrbase mentres el debulla unha mazaroca.

Carmela, profesora de gaita, fala dun encontro tras un congreso sobre ese instrumento, no que coñece a Radomir, un gaiteiro balcánico co que se deita, se ben o encontro sexual non vai ben porque o gaiteiro recorda a cabra coa que se fixo o fol da súa gaita.

Enma, profesora de canto, fala dunha ocasión en que é chamada para ir cantar nun coro nunha voda. Alí coincide cun rapaz que canta con voz de contratenor. Logo de mirarse con desexo durante o enlace, van a un bar e finalmente a casa del. Alí teñen uns preliminares que ela considera marabillosos, pero non pasan ao coito porque el non ten pene, pois é un castratto accidental.

Vic, que ensina música de cámara, conta un encontro con dous rapaces homosexuais. Eles só a deixan entrar ao seu piso a condición de que ela estea queda mentres mira o encontro sexual. Porén, ela fantasea escoitando un disco de Brahms que puxera un deles, considerando que a música é o mellor excitante.

Xandra, que toca o saxofón, conta como foi o seu primeiro orgasmo. De nova, decidira xunto a Lu competiren por ver quen acadaba antes un orgasmo. Para logralo, mercan por catálogo uns xoguetes sexuais. Nun principio, con música de Charlie Parker, non logra chegar ao orgasmo porque mete o xoguete na vaxina, sen saber aínda que necesita estimular o clítoris para ter unha resposta sexual. Logo de varios intentos, non é ata unha noite en que está medio bébeda, que comeza a experimentar co seu sexo e acada o clímax.

Finalmente, chega Benigno para abrirlles a porta, e despois dos relatos, Xandra e Lu deciden retomar a súa amizade.

Narración editar

A obra utiliza un narrador múltiple en primeira persoa, pois á parte da narradora principal, son as seis protagonistas as que contan cadansúa historia. Este formato é utilizado xa en obras como Decamerón ou Á lus do candil.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar