Operación Pokémon

pescuda xudicial desenvolvida en Galicia

A Operación Pokémon é unha pescuda xudicial desenvolvida en Galicia desde setembro de 2012 en relación con distintos episodios de suposta corrupción, e onde se viron envoltos algúns políticos galegos, como o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez, o alcalde de Boqueixón, Adolfo Gacio, ou o ex concelleiro de Urbanismo de Lugo, Francisco Fernández Liñares.

Edificio no que se atopa a sede coruñesa de Véndex.

Foron imputadas preto dun centenar de persoas entre directivos empresariais, políticos e funcionarios, convertendo a Pokémon na maior trama de corrupción destapada en Galicia.

A xuíza instrutora do caso é Pilar de Lara Cifuentes, titular do xulgado número 1 de Lugo. Esta xuíza fora a responsable da investigación da Operación Carioca, outra pescuda xudicial de suposta corrupción empresarial e política. A xuíza requiriu información sobre sospeitosos dese caso Carioca á Axencia Tributaria, o organismo de fiscalización das taxas e impostos de España, e os resultados da Axencia levaron á conexión cun novo abano de implicados. Segundo a hipótese inicial, un grupo empresarial con sede en Madrid, Véndex, houbo de recibir contratos por parte de distintas administracións públicas en Galicia en troques de pagamentos ou subornos a cargos directivos, entre eles dous alcaldes. Véndex é un grupo formado por unha trintena de firmas que se dedican a distintos labores de asistencia ás administracións públicas, como á limpeza, ao mantemento de colexios, á asistencia social ou ao cobro de aparcadoiros públicos.

O nome da operación venlle do costume dos pokémon de alcumárense entre eles, como os membros da trama[1].

Detencións e implicacións políticas

editar

A pescuda levou aparellada a detención de diversos cargos directivos do grupo Véndex, o rexistro das súas sedes en Asturias, Madrid e Galicia, e a posterior detención de persoas que ostentaban responsabilidades de contratación en catro concellos de Galicia: Ourense, Santiago de Compostela, Lugo e Boqueixón. En Boqueixón foi detido o alcalde Adolfo Gacio (Partido Popular), que quedou en liberdade logo de aboar unha fianza de 10.000€. En Ourense foi detido o alcalde, Francisco Rodríguez (PSdeG), que permaneceu detido e incomunicado durante dous días antes de prestar declaración e quen despois foi liberado cunha fianza de 6.000€ á espera de xuízo. En Santiago o detido foi o xefe do servizo de contratación do concello, mentres que en Lugo foi detido o antigo concelleiro de Urbanismo, Francisco Fernández Liñares (PSdeG), que posteriormente fora director da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil[2]. Liñares recoñeceu a súa implicación na trama logo dun interrogatorio de dez horas. Liñares foi enviado á prisión incomunicada de Monterroso á espera de xuízo, mentres Gervasio Ronaldo Rodríguez, o dono dunha das empresas (Véndex), foi ingresado no cárcere de Bonxe, tamén incomunicado.

O luns 24 de setembro o alcalde de Boqueixón, Adolfo Gacio, dimitiu do seu posto. Ao día seguinte o BNG rompía o acordo de goberno en Ourense e deixaba o alcalde Rodríguez en minoría, ao tempo que o PSdeG o apartaba da militancia. Rodríguez, que non dimitiu nun primeiro momento, fíxoo ao longo da semana seguinte.

As detencións continuaron nos días seguintes, derivadas dos interrogatorios aos primeiros detidos. Por exemplo, as declaracións de Liñares permitiron descubrir que ata cincuenta empresas estaban implicadas na trama. Entre as detencións da segunda quenda estivo a do xefe da policía local de Ourense, que quedou en liberdade baixo fianza, a do concelleiro do BNG en Ourense, Fernando Varela, tamén en liberdade baixo fianza, a do concelleiro do PSdeG en Cospeito, Manuel Pico, así como as de diversos empresarios, ou a do anterior coordinador da policía local de Lugo, xa xubilado[3].

Resultado

editar

Polo momento, a pescuda xudicial atópase en proceso de instrución. A xuíza levantou o segredo de sumario en xaneiro de 2014.

Outros artigos

editar