Abrir o menú principal
A cidade de Vigo, con Guixar no centro.

O caso Reace é o escándalo que salpicou a empresa Reace (Refinería del Noroeste de Aceites y Grasas, SA) en marzo de 1972 en Guixar (Vigo) após da desaparición de 4 036 052 kg de aceite de oliva, propiedade da Comisaría de Abastecimientos y Transportes (CAT) e valorado en 167 615 172 pesetas. Arredor do caso producíronse diversas mortes en estrañas circunstancias por parte de persoas implicadas no caso. A empresa Reace foi fundada na localidade pontevedresa de Redondela, polo que popularmente o caso se coñece tamén como o caso do aceite de Redondela.

TramaEditar

Reace foi fundada en 1956 por Rodrigo Alfonso Fariña. En 1968 o presidente era Isidro Suárez, aínda que Rodrigo Alonso seguía a formar parte do consello de administración. Outros membros do consello de administración eran Rodrigo Alonso Seoane, Nicolás Franco Baamonde (irmán do ditador Francisco Franco), Jorge Alonso de la Rosa, e Alfredo Román Pérez.

A empresa adicábase a almacenar produtos oleicos nos seus silos de Guixar dende que se erixiron en 1964. Entre 1966 e 1972, a Comisaría de Abastecimientos y Transportes (CAT), dependente do goberno franquista, alugaba as súas instalacións para gardar a subministración de aceite de oliva nos seus silos, e así poder especular cos produtos básicos e intervir nos prezos do mercado.[1]

Malia que a CAT alugaba mensualmente os silos de Reace para gardar alí o aceite, a empresa viguesa negociaba e comerciaba co aceite ás costas da administración. Así, o 25 de marzo de 1972 a CAT decidiu dispor do aceite que Reace custodiaba. Ao non atoparse este nos seus tanques, José María Romero González denunciou nos xulgados de Vigo a fraude, coñecida posteriormente co sumario 43/1972. Días despois, un dos socios maioritarios de Reace, Isidro Suárez, foi detido nun tren rumbo a Bilbao.

O 30 de setembro de 1972, José María Romero apareceu morto no seu domicilio de Sevilla, no que se instalara días antes, xunto coa súa muller e unha das súas fillas. O xuíz do caso recibiu días despois unha carta, presuntamente escrita por José María Romero, na que declaraba que a súa morte e a da súa familia se trataba dun suicidio. Os expertos, porén, puxeron en dúbida a dita hipótese.[2]

A carta non semella, nin por extensión nin polo ton, a dun suicida...
Expertos no caso; Faro de Vigo

O 21 de outubro de 1974 comezou o xuízo na Audiencia de Pontevedra, nun tribunal presidido por Mariano Rajoy Sobredo (pai de Mariano Rajoy Brey). Un dos avogados do caso foi José María Gil Robles.

No ano 2011, os tanques da empresa foron demolidos e reconvertidos en chatarra.[3]

O caso Reace no cineEditar

En 1987 o caso Reace foi levado ao cine no filme Redondela da man do director catalán Pedro Costa Musté.[4]

NotasEditar

  1. "El aceite se enfría lentamente". El País. Consultado o 11 de novembro de 2014. 
  2. "Os derradeiros vestixios do caso Reace.". Faro de Vigo. Consultado o 11 de novembro de 2014. 
  3. "Vigo desguaza el caso Reace.". La Voz de Galicia. Consultado o 11 de novembro de 2014. 
  4. IMDB (ed.). "Redondela". Consultado o 11 de novembro de 2014. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar