Mensajes de Poesía

Mensajes de Poesía foi unha publicación mensual que apareceu en Vigo entre setembro de 1948 e xaneiro de 1952. Fundada, dirixida, redactada, editada e distribuída por Eduardo Moreiras, non tivo periodicidade fixa e a difusión realizouna o propio autor a 300 amigos.

Mensajes de Poesía
PaísEspaña
editar datos en Wikidata ]

De edición modesta e coidada, incluíu poemas en galego, castelán, francés, inglés e portugués.[1] Entre os seus colaboradores figuraban Vicente Aleixandre, impulsor da revista, Luis Cernuda, Blas de Otero, Rafael Alberti ou Juan Ramón Jiménez, e os autores galegos Álvaro Cunqueiro, Luz Pozo Garza, Luis Pimentel, e de xeito ocasional, Ricardo Carballo Calero, Ánxel Fole, Ramón Otero Pedrayo ou Celso Emilio Ferreiro. A revista publicou catro monográficos, dedicados a Rafael Morales, Álvaro Cunqueiro, Carmen Conde e Blas de Otero; este último provocou problemas coa censura e o seu peche definitivo.

Historia

editar

Mensajes de poesía é unha antoloxía de cartas con poemas impresos que remesaba a trescentos amigos cada mes. Levaba por subtítulo «Revista de poesía» e non tiña licitación para a venda en librerías nin consta rexistro dela.

Tratábase dunha mensaxe privada cuxa condición periférica explica que ninguén se ocupara desta antoloxía, exceptuando as liñas de Fanny Rubio na súa tese doutoral Las Revistas Poéticas Españolas.

Non se sabe con precisión cantas entregas apareceron nin se ten noticia de que se conserve unha colección completa de Mensajes. Existe constancia de que saíron polo menos corenta entregas e catro monográficos sobre lírica galega e castelá contemporánea.

Posúen un valor especial as páxinas galegas nun tempo de escasa actividade literaria na lingua vernácula: aí están os poemas de Emilio Álvarez Blázquez (que se estrea como poeta en galego mediante Mensajes de Poesía), Ricardo Carballo Calero, Aquilino Iglesia Alvariño, Celso Emilio Ferreiro, Julio Singüenza, Pura Vázquez, Luz Pozo Garza, porén, a achega máis cuantiosa e a de Cunqueiro. Cabe mencionar a poesía de Ánxel Fole, nunha faceta súa pouco coñecida, e a de Luis Pimentel, en castelán.

Ocasionalmente publicáronse versos noutras linguas, como “Poèmes de Buchenwald”, de Richard, ou “Ballade” de Paul Chandel.

Monográficos

editar

O primeiro número monográfico viu a luz en setembro de 1948 e o último, sobre Blas de Otero, poeta cuxas opinións inquietaban os gardiáns da orde intelectual, a comezos de 1952.

Trinta anos despois do seu cesamento, o seu director relataba con precisión o episodio final: un policía comunicaralle que chegara a fin da súa empresa, alegando como argumentos principais os poemas “A la inmensa mayoría” e “Plañid así”. Pese a que Carmen Conde, daquela moi relacionada co alto cargo do Ministerio de Información Juan Aparicio, lle garantiu a continuidade da revista se cubría certo cuestionario oficial, declinou a proposta.

Gardou Moreiras deses anos un extenso e rico epistolario firmado por Vicente Aleixandre, animador constante de Mensajes de Poesía e persoa clave na realización de bastantes números, xa que foi el quen o puxo en contacto con poetas non galegos. Nas súas cartas hai xuízos moi eloxiosos, incluso sobre a dimensión material daqueles fermosos e coidados cadernos; recoñeceu Moreiras que neste aspecto se inspirou en Sucesión, de Juan Ramón Jiménez, se ben este só editaba textos da súa autoría.

Compútanse ata catro números monográficos, adicados a Carmen Conde, Rafael Morales, Álvaro Cunqueiro e Blas de Otero, compilados en 1952 nun só cartapacio. Cada cartapacio ía precedido dunha biografía breve e unha autopoética; o de Carmen Conde contiña ademais unha gran cantidade de textos en verso e en prosa sobre a poestisa, asinados por Ramón Otero Pedrayo, Vicente Alexandre, Leopoldo de Luis, Gerardo Diego, Ángela Figuera, José Luis Cano, Blas de Otero, Eduardo Moreiras, Luis Pimentel e Celso Emilio Ferreiro, e estaba ilustrado cun retrato seu realizado por José Antonio Molina Sánchez (tamén o de Cunqueiro presentaba un retrato, feito por Laxeiro, e máis un autorretrato). Quedaron inéditos os exemplares centrados en Pura Vázquez e en Luz Pozo Garza.

  1. Alonso Montero, Xesús (1992). "A fermosa empresa de "Mensajes de poesía": Homenaxe a Eduardo Moreiras. Nordés". Nordés (17-18): 139–140. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar