Un melanocito é unha célula da epiderme que se encarga de producir melanina, un pigmento da pel, ollos (iris[1], coroide [2]) e pelo, que ten a misión de bloquear os raios ultravioleta do sol, evitando que danen o ADN das células destas partes tan expostas á luz. Tamén hai melanocitos no oído interno,[3] meninxes,[4] ósos,[5] e corazón.[6]

Situación dos melanocitos na pel.

É unha célula dendrítica (con prolongacións) que na súa orixe deriva da crista neural e que migra cara á epiderme e o folículo piloso durante a embrioxénese.

Caracterízanse polo seu núcleo ovoide. En condicións normais os melanocitos sitúanse na capa basal epidérmica e contactan cos queratinocitos por medio das súas dendritas (prolongacións). A densidade de melanocitos é variable dependendo da rexión anatómica, pero é moi constante entre os individuos de diferentes etnias. A cor da pel depende da actividade destas células. A melanina pode ser eumelanina (de cor cartaña parda) ou feomelanina (vermella amarelada). Ambas as formas prodúcense a partir da tirosina do retículo endoplasmático rugoso e o aparato de Golgi ao chegar á célula a hormona estimulante dos melanocitos (MSH) que se fixa ao receptor da membrana destes (MCR).

Os melanocitos están relacionados con algunhas enfermidades como a vitilixe ou os melanomas.

Cor da pel humana

editar
Artigo principal: Cor da pel.

Na pel humana hai normalmente entre 1000 e 2000 melanocitos por mm2. Os melanocitos supoñen do 5% ao 10% das células da capa basal da epiderme. O seu tamaño é xeralmente de 7 micrómetros de lonxitude. Non todas as zonas da pel están igual de pigmentadas, os melanocitos están normalmente na proporción de 1 a 36 con respecto aos queratinocitos, pero nas zonas máis pigmentadas (nas mamilas ou no escroto) están na proporción de 1 a 4.

A diferenza na cor da pel nos humanos de pouco pigmentada a moi pigmentada non se debe á cantidade de melanocitos presentes na súa pel, senón ao grao de actividade dos melanocitos, é dicir, á cantidade e proporcións relativas de eumelanina e feomelanina producidas. Este proceso está baixo control hormonal, e nel interveñen hormonas como a MSH e a ACTH, que son péptidos producidos a partir do precursor proopiomelanocortina.

Os albinos non producen melanina por un defecto xenético que afecta aos encimas que sintetizan a melanina.

Melanoxénese

editar

A melanoxénese é o proceso bioquímico, levado a cabo polos melanocitos, que produce a melanina.

Os melanocitos sintetizan un encima chamado tirosinase ou DOPAoxidase contido nos premelanosomas (orgánulos con forma de vesículas ovoides nos loiros ou morenos e esféricos nos roxos).

A tirosinase converte o aminoácido tirosina en melanina, e a tirosina exposta aos raios ultravioleta oxídase transformándose en dihidroxifenilalanina ou DOPA que pode ser tamén ela substrato da tirosinase. A tirosinase trasforma a tirosina en melanina moi lentamente, mentres que a formación da melanina a partir da DOPA é moito máis rápida. Unha vez que se sintetizou a melanina, os melanocitos poden transferila aos queratinocitos e parece que tamén a outras células como os macrófagos.

Estimulación da melanoxénese

editar

Numerosos estímulos poden alterar a melanoxénese ou a produción de melanina nos melanocitos en cultivo, aínda que o mecanismo polo cal funciona non se comprende totalmente. Suxeriuse que as melanocortinas teñen efecto sobre o apetito sexual e actividade sexual nos ratos.[7] Os metabolitos da vitamina D, os retinoides, hormona estimulante do melanocito, forskolina, toxina colérica, isobutilmetilxantina, análogos de diglicéridos, e luz UV desencadean a melanoxénese e, á súa vez, a pigmentación e o bronceado [8]. Tamén producen doenzas crónicas cando a luz ultravioleta dá nas feridas abertas.[9] A produción de melanina iníciase tamén por estímulo da ACTH (hormona adrenocorticotropa) [10].

Cesión da melanina aos queratinocitos

editar
Artigo principal: Melanosoma.

Unha vez fabricada, a melanina móvese ao longo das prolongacións celulares chamadas dendritas non neuronais dentro dunha especie de vesícula chamada melanosoma; os melanosomas son despois traspasados aos queratinocitos. Por tanto, a pigmentación dos queratinocitos procede dos melanocitos. Os melanosomas sitúanse na célula protexendo o núcleo do queratinocito.

Cando os raios ultravioleta penetran na pel e danan o ADN [11], fragmentos formados por dinucleótidos de timidina (pTpT) procedentes do ADN danado inician o proceso de estimulación da melanoxénese [12], que acaba por facer que o melanocito produza melanosomas, os cales serán despois trspasados aos queratinocitos.

Enfermidades

editar

Os melanocitos están relacionados con algunhas enfermidades como a vitilixe ou os melanomas. A vitilixe caracterízase pola formación dunhas placas brancas na pel como resultado da falta de pigmentación desta. Non se sabe ben por que ocorre o proceso pero algunhas das hipótese implican a destrución dos melanocitos polo propio sistema inmunitario, ou polo funcionamento anormal dalgunhas células nerviosas que producirán substancias tóxicas provocando o dano dos mesmos.

O melanoma é un tipo de cáncer de pel. Orixínase por unha concentración de melanocitos malignos. Cando a concentración é de melanocitos benignos aparecen as pencas, lunares e nevos. Nos nevos aparecen uns melanocitos especiais chamados células do nevo.

  1. Craig L. Wilkerson, Nasreen A. Syed, Marian R. Fisher, Nancy L. Robinson, In golf H. L. Wallow, Daniel M. Albert. Melanocytes and Iris Color. Light Microscopic Findings. Archives of Ophthalmology. Vol 144. No. 4. April 1996. [1]
  2. Barden H and Levine S (1983). "Histochemical observations on rodent brain melanin". Brain Research Bulletin 10 (6): 847–851. PMID 6616275. doi:10.1016/0361-9230(83)90218-6. 
  3. Markert CL and Silvers WK (1956). "The effects of genotype and cell environment on melanoblast differentiation in the house mouse". Genetics 41 (3): 429–450. PMC 1209793. PMID 17247639. 
  4. Mintz B (1971). "Clonal basis of mammalian differentiation". Symposia of the Society for Experimental Biology 25: 345–370. PMID 4940552. 
  5. Nichols SE and Reams WM (1969). "The occurrence and morphogenesis of melanocytes in the connective tissues of the PET/MCV mouse strain". Journal of Embryology and Experimental Morphology 8: 24–32. PMID 14426921. 
  6. Theriault LL and Hurley LS (1970). "Ultrastructure of developing melanosomes in C57 black and pallid mice". Developmental Biology 23 (2): 261–275. PMID 5476812. doi:10.1016/0012-1606(70)90098-9. 
  7. Thompson C and Berger A (2000). "Agent provocateur pursues happiness". BMJ 321 (7252): 12. PMC 1127681. PMID 10875824. doi:10.1136/bmj.321.7252.12. 
  8. Parrish JA, Jaenicke KF and Anderson RR (1982). "Erythema And Melanogenesis Action Spectra Of Normal Human Skin". Photochemistry and Photobiology 36 (2): 187–191. PMID 7122713. doi:10.1111/j.1751-1097.1982.tb04362.x. 
  9. Roméro-Graillet C, Aberdam E, Biagoli N, Massabni W, Ortonne JP and Ballotti R (1996). "Ultraviolet B radiation acts through the nitric oxide and cGMP signal transduction pathway to stimulate melanogenesis in human melanocytes". Journal of Biological Chemistry 271 (45): 28052–6. PMID 8910416. doi:10.1074/jbc.271.45.28052. 
  10. F. A. Whitlock. ACTH and melanin pigmentation. [2] DOI: 10.1111/j.1365-2133.1954.tb12567.x
  11. Agar N and Young AR (2005). "Melanogenesis: a photoprotective response to DNA damage?". Mutation Research 571 (1–2): 121–32. PMID 15748643. doi:10.1016/j.mrfmmm.2004.11.016. 
  12. Eller MS, Maeda T, Magnoni C, Atwal D and Gilchrest BA (1997). "Enhancement of DNA repair in human skin cells by thymidine dinucleotides: evidence for a p53-mediated mammalian SOS response". Proceedings of the National Academy of Sciences of the United States of America 94 (23): 12627–32. PMC 25061. PMID 9356500. doi:10.1073/pnas.94.23.12627. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar