Cor do pelo
A cor do pelo ou cabelo é o resultado da pigmentación debida á presenza nel das substancias químicas eumelanina e feomelanina. En xeral, canto máis melanina presenta, máis escura é a cor do pelo; canto menos melanina, máis claro. A cor dos cabelos dunha persoa pode tamén cambiar co tempo e pode presentar pelo de distinta cor á vez (isto independentemente do pelo cano que se forma ao envellecermos). Existen considerables diferenzas en cor e textura entre individuos da mesma etnia. Coa mestizaxe e emigración, as características do pelo en moitos países cambiaron porcentualmente.
Bioquímica da cor do pelo
editarHai dous tipos (con tres subtipos) de pigmentos que dan ao pelo a súa cor: eumelanina e feomelanina. A eumelanina é negra e castaña e a feomelanina é vermella. O aumento de eumelanina no pelo determina a súa escuridade. Unha baixa concentración de eumelanina castaña no pelo orixina pelo louro ou loiro, entanto que máis cantidade de eumelanina castaña orixina pelo castaño. Moita maior cantidade de eumelanina negra causará pelo negro, e unha baixa concentración de eumelanina negra no pelo convérteo en gris. Todos os humanos teñen feomelanina no seu pelo. A feomelanina é máis estable quimicamente que a eumelanina negra, pero menos estable ca eumelanina castaña, que se degrada máis lentamente cando se oxida. Esta é a razón de que a lixivia cause que o pelo escuro se volva castaño avermellado durante o proceso de tinguido artificial. Mentres a feomelanina continúa degradándose, o pelo tórnase gradualmente cor laranxa, despois amarelo e por último branco.
Xenética da cor do pelo
editarA xenética da cor do pelo aínda non se estableceu con total seguranza. De acordo coa teoría máis estendida e aceptada, polo menos dous pares de xenes controlan a cor do pelo humano. Un xene, que determina "castaño/louro", ten un alelo castaño dominante e un alelo louro recesivo. Unha persoa cun alelo castaño terá pelo castaño; unha persoa sen alelos castaños será loira. Isto explica por que dous pais, ambos os dous de pelo castaño, poden ter un fillo louro.
O outro xene determina "non vermello/vermello", cun alelo non vermello dominante que suprime a produción de feomelanina, e un alelo vermello recesivo.
Como os dous pares de xenes determinan a cor do pelo, unha persoa con dúas copias do alelo vermello será rubio (avermellado), pero poderá ser ou castaño avermellado ou dunha cor vermella alaranxada brillante, dependendo de se o primeiro par de xenes tende a facelo castaño ou louro, respectivamente.
O modelo de dous xenes non serve para explicar todas as posibles gamas de castaño, louro ou rubio (por exemplo, o louro platino fronte ao louro escuro ou castaño claro), nin explica por que a cor nalgúns casos se escurece coa idade. Algúns pares de xenes controlan a cor escura fronte á clara nun efecto acumulativo. Xa que logo, canto máis dominantes sexan estes, máis escuro será o cabelo. Nalgunhas persoas pode haber mesturas de dous ou máis cores no cabelo natural. Por outro lado, o cabelo está suxeito a decoloración por factores externos. Polo xeral o cabelo aclara ou decolora durante a exposición solar prolongada, ou pola inmersión reiterada en auga salgada.
No mapa desta referencia represéntase a distribución das distintas cores de pelo en Europa e zonas limítrofes.[1]
Cores naturais de cabelo
editarO tipo natural de cabelo segundo a cor pode ser negro, castaño, louro (de cor dourada[2]), rubio[3] (de cor avermellada) ou con mesturas dalgunhas destas cores, por exemplo: rubio con mesturas louras e/ou castañas, negro con mesturas castañas, castaño con mesturas louras e/ou laranxas. Esta é unha das características étnicas puras e híbridas máis visibles na especie humana. A cor negra é a máis común no mundo. A cor do pelo está xeneticamente asociada en ocasións coa cor da pel e a cor dos ollos.
En galego, os cabelos denominados roxos poden ser dourados ou avermellados.[4]
A escala de Fischer-Saller, nomeada en honra de Eugen Fischer e Karl Saller utilízase en antropoloxía física e medicina para determinar os tons da cor de pelo. A escala usa as seguintes designacións: A (louro moi claro), B a E (louro claro), F a L (louro), M a O (louro escuro), P a T (castaño claro a castaño), U a Y (castaño escuro a negro) e usa números romanos para os pelos avermellados, correspondendo do I ao IV ao rubio e do V ao VI ao louro arrubiado.[5]
-
Cabelo negro
-
Cabelo castaño
-
Rutilismo: Pelo rubio ou roibo (avermellado)
-
Pelo louro
-
Pelo gris
-
Pelo branco
Cabelo negro
editarO cabelo negro é a cor máis escura e común nos seres humanos. O cabelo negro pode encontrarse en persoas de calquera etnia. Ten máis eumelanina e é menos denso que o doutras cores. Pode ser café moi escuro ou completamente negro. O cabelo negro é coñecido por ser o máis brillante en comparación co resto das cores.[6]
Cabelo castaño
editarO cabelo castaño é a segunda cor máis común (despois do negro) e tamén se encontra moi estendido. Caracterízase por altos niveis de pigmentación escura (eumelanina) e baixos niveis do pigmento pálido feomelanina. Dos dous tipos de eumelanina (negra e castaña), as persoas castañas teñen eumelanina castaña. As persoas castañas xeralmente teñen o pelo de espesor medio e a súa cor de pel e de ollos abrangue un amplo rango. A miúdo o cabelo castaño escuro confúndese co moreno. Porén, se o fitamos con atención, vese claramente o ton castaño.
Cabelo louro e platino
editar- Artigo principal: louro (pelo).
O cabelo louro[2] é un fenotipo humano relativamente escaso, debido á súa asociación con xenes recesivos. Atópase só nun 2% da poboación humana aproximadamente. A cor loura abrangue unha gama bastante ampla que vai desde o louro platino case branco, ata o louro extremadamente brillante, case dourado. En galego, as persoas de cabelo dourado tamén se pode dicir que son roxas, pero esta palabra tamén ten noutras ocasións a acepción de avermellado (rubio).[4]
Cabelo rubio
editar- Artigo principal: rubio.
As persoas con cabelo tirando a vermello chámanse en galego rubios, roibos ou, nunha das súas acepcións, roxos[4] (e os que teñen o pelo amarelado ou dourado son louros). Este tipo de cabelo abrangue desde coloracións cor amorodo viva ata tons cobrizos, pasando por laranxas. É común en persoas con orixe celta e pobos xermánicos procedentes de poboacións arias nórdicas. O cabelo rubio é causado por unha variación no xene Mc1r que se cre que é recesivo. Por outro lado, esta cor de cabelo é a que contén o nivel máis alto de feomelanina, e un nivel moi baixo de eumelanina.
Cabelo gris
editarA cor cincenta do cabelo cano é unha cor que se dá naturalmente cando a xente envellece. Débese á ausencia de melanina (Ver "Efectos da idade na cor do pelo", abaixo). Nalgúns casos, a cor gris tamén pode ser causada por unha deficiencia de vitamina B12 ou descompensación da tiroide.[7]
Condicións que afectan á cor do pelo
editarEfectos da idade na cor do pelo
editarUn cambio de cor no cabelo ocorre xeralmente a medida que a xente envellece, xeralmente cambiando a cor do pelo natural a gris e logo a branco. Por exemplo, nos Estados Unidos, máis do 40% dos habitantes teñen o pelo cincento ao cumpriren os corenta anos, pero poden aparecer pelos brancos mesmo na infancia. A idade á que o cabelo comeza a poñerse cano débese á xenética. Ás veces pódese nacer con algo de cabelo gris por razóns xenéticas. Moitas persoas usan tinguiduras para enmascarar o seu pelo gris.
O cambio na cor do pelo é causado por un descenso da pigmentación que ocorre cando a melanina deixa de producirse nas raíces (folículo piloso) e os novos pelos crecen sen pigmento. Dous xenes parecen ser os responsables disto, o Bcl2 e Mitf. As células do talo do pelo na base dos folículos do pelo son as encargadas de producir melanocitos, que son as células que sintetizan e almacenan os pigmentos do pelo e da pel. A desaparición destas células é o comezo de que o pelo comece a volverse cincento.[8]
Outras condicións médicas
editarO albinismo é unha anomalía xenética na cal se perde a capacidade de producir pigmentos como a melanina e outros. Isto dá como resultado ollos de cor despigmentada ou avermellados, pel despigmentada e cabelo despigmentado.
A vitilixe é unha perda irregular da cor do cabelo e da pel que pode ocorrer como resultado dunha enfermidade autoinmune.
A malnutrición é outra das causas polas que o pelo se pode volver máis luminoso, máis fino e máis crebadizo. O cabelo escuro pódese volver avermellado debido a un descenso na produción de melanina. Esta condición é reversible cunhas condicións axeitadas de nutrición.
A síndrome de Werner e a anemia perniciosa poden tamén causar o encanecemento do cabelo de forma prematura. Un recente estudo curioso demostrou que as persoas entre 50-70 anos con cellas escuras pero cabelo gris son máis propensas á diabetes de tipo II que aquelas que teñen tanto as cellas coma o cabelo gris.[9]
O pelo gris pode temporalmente escurecerse despois de procesos inflamatorios, despois de tratamentos de alopecia inducida por electróns e nos tratamentos de quimioterapia.[10]
Cambio da cor do pelo tras a morte
editarA cor do pelo das momias ou de corpos enterrados pode cambiar ao longo de grandes períodos de tempo. O pelo contén unha mestura de eumelanina negra-castaña-amarela e feomelanina vermella. A eumelanina é quimicamente menos estable que a feomelanina e degrádase máis rápido cando se oxida. Por iso as momias exipcias teñen o pelo roibo[11]. A cor do pelo muda máis rápido baixo condicións extremas. Cambia máis lentamente baixo condicións secas de oxidación (como enterramentos en area ou baixo o xeo) ca baixo condicións húmidas de redución (como enterramentos en cadaleitos de madeira ou xeso).[12]
Tinguido
editarO proceso de cambiar a cor do pelo dunha persoa pode realizarse por medio dun proceso químico de tinguido. A coloración do pelo pode ser permanente ou temporal e a duración dos seus efectos vén determinada, en parte, polo tipo de pelo de cada persoa.
Notas
editar- ↑ Peter Frost Why Do Europeans Have So Many Hair and Eye Colors?
- ↑ 2,0 2,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para louro. Louro etimoloxicamente ten que ver co loureiro e vacaloura e referíase orixinalmente a unha cor escura acastañada, pero despois pasou a significar tamén dourado.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para rubio.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para roxo.
- ↑ "Change in Hair Pigmentation in Children from Birth to 5 Years in a European Population (Longitudinal Study)". Forensic Science Communications. Arquivado dende o orixinal o 2014-03-20. Consultado o 2014-03-19.
- ↑ Frost, Peter. "Why Do Europeans Have So Many Hair and Eye Colors?" (summarizing Frost, P. 2006. European hair and eye color - A case of frequency-dependent sexual selection? Evolution and Human Behavior 27:85-103)
- ↑ "Grey Hair". Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2008. Consultado o 04 de xaneiro de 2012.
- ↑ Nishimura EK, Granter SR, Fisher DE. "Mechanisms of hair graying: Incomplete melanocyte stem cell maintenance in the niche.".
- ↑ Department of Dermatology, Academic Teaching Hospital Dresden-Friedrichstadt (2005 Dec;14). "Eyebrow color in diabetics". Acta Dermatovenerol Alp Panonica Adriat.: 157–60. PMID 16435045.
- ↑ http://www.ncbi.nlm.nih.gov/entrez/query.fcgi?cmd=Retrieve&db=PubMed&list_uids=3288386&dopt=Abstract
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para roibo.
- ↑ "Interactive Dig Hierakonpolis - Archaeological Hair". Arquivado dende o orixinal o 10 de decembro de 2011. Consultado o 04 de xaneiro de 2012.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar- Carta de cores de pelo (en inglés)