María Wonenburger
María Josefa Wonenburger Planells, nada en Montrove (Oleiros) o 17 de xullo de 1927 e finada na Coruña o 14 de xuño de 2014,[1] foi unha matemática galega, investigadora nos Estados Unidos e o Canadá.
(2011) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) María Josefa Wonenburger Planells 19 de xullo de 1927 Oleiros, España |
Morte | 14 de xuño de 2014 (86 anos) Cesantes, España |
Educación | Universidade de Madrid Universidade Yale - doutora |
Director de tese | Nathan Jacobson e Tomás Rodríguez Bachiller |
Actividade | |
Campo de traballo | Teoría de grupos |
Ocupación | matemática, escritora, profesora universitaria |
Empregador | Universidade do Estado de Nova York en Buffalo Universidade de Indiana |
Membro de | |
Obra | |
Doutorando | Robert Moody, Stephen Berman, Robert Russell Crawford, Bobby Lee Fincher, Edward George Gibson, Richard Lawrence Marcuson, Gary Joseph Sherman e Bette Warren |
Familia | |
Pai | Julio Wonenburger |
Premios | |
Traxectoria
editarFormación
editarFilla de Julio Wonenburger Canosa, descendente dun tataravó alsaciano que no século XIX chegara a Compostela,[2] e de Amparo Planells, valenciana, naceu en Oleiros, localidade na que veraneaba a súa familia.[3] Realizou os primeiros estudos na Coruña, finalizando a educación secundaria no Instituto Eusebio da Guarda en 1944. Afeccionouse tanto ó hóckey a patíns ou baloncesto como á música de Bach, ademais de estudar inglés ou alemán. Malia a vontade familiar de que estudase enxeñería para continuar co negocio familiar de fundición que tiña na Coruña,[2] ela sentíase inclinada ás matemáticas. Como a Universidade de Santiago de Compostela só ofertaba dous cursos desa carreira, foi estudar á Universidade Central de Madrid, na que se licenciou en Matemáticas en 1950.[3] Alí tivo como profesor o matemático aragonés Julio Palacios.
Carreira
editarAlgúns dos seus profesores, como Julio Rey Pastor suxeríronlle que solicitase unha bolsa para ampliar estudos no estranxeiro.[3] Formou entón parte dos beneficiarios das primeiras bolsas Fulbright (no 1953), o que lle permitiu ir á Universidade Yale, nos Estados Unidos. A súa tese de doutoramento sobre teoría de grupos foi dirixida polo alxebrista Nathan Jacobson, e rematouna en 1957. O seu título era: On the group of similitudes and its projective group (Sobre o grupo de semellanzas e o seu grupo proxectivo). De volta en España traballou como investigadora no CSIC durante tres anos. No Estado Español, nun inicio, non tivo o recoñecemento que lle cumpría, xa que en 1960 foi obrigada a doutorarse por segunda vez en Madrid (porque o primeiro doutoramento non lle foi recoñecido)[4] cando xa estaba titulada pola quinta universidade no ránking mundial.[5] Esta segunda tese foi dirixida na Universidade Central de Madrid por Germán Ancochea e Tomás Rodríguez Bachiller, e se titulaba Representación espinorial dos grupos de semellanza. A tese, aprobada e publicada, non lle serviu para acadar o título español de doutoramento por circunstancias de tipo administrativo.[4]
En 1960, dadas as poucas perspectivas de traballo en España, regresou ao estranxeiro, ao recibir unha bolsa posdoutoral da Queen University, de Ontario (Canadá).[3] Despois, pasou á universidade de Toronto, onde foi a única profesora de matemáticas.[4]
Un alumno seu turrou para que fose ela a súa directora da tese de doutoramento. Era Robert Moody, quen logo traballou sobre o infinito no que se coñeceu como álxebra de Kac-Moody, e que tivo a Wonenburger como inspiradora[6] a quen recoñeceu como nai da teoría de grande aplicación na física.[4]
En 1966 trasladouse aos Estados Unidos, á Universidade de Buffalo, e ao ano seguinte, en 1967 conseguiu praza definitiva como profesora na Universidade de Indiana, onde permaneceu ata 1983 onde tamén foi a mentora doutro gran matemático, Stephen Berman.[4] Por enfermidade da súa nai regresou á Coruña no 1983, onde permaneceu en contacto afastado do mundo académico, colaborando con diversas institucións, como por exemplo, AGAPEMA.
Obra
editarA investigación de María Wonenburger centrouse principalmente na teoría de grupos e na álxebra de Lie.[4] Estudou o grupo de rotacións, o grupo ortogonal e os seus correspondentes grupos proxectivos. Tamén os automorfismos dos grupos de semellanzas inspirándose nos traballos anteriores de Jean Dieudonné, e aplicándoos a espazos vectoriais de dimensión maior ou igual ca seis.
Tamén traballou con grupos de semellanzas na álxebra de Clifford, e sobre todo foi coñecida polos seus desenvolvementos na álxebra de Lie, onde dirixiu a maior parte das súas teses. Entre os seus doutorandos que traballaron neste campo dirixidos por ela estiveron o xa amentado Robert Moody, Stephen Berman, Bette Warren, Edward George Gibson ou Richard Lawrence Marcuson. María Wonenburger centrou posteriormente a súa investigación na clasificación dos grupos finitos e nas matrices de Cartan.
Recoñecementos
editarNo 2007 a Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia creou o Premio María Wonenburger para recoñecemento daquelas mulleres galegas con traxectorias notables no ámbito da ciencia e tecnoloxía.
Foi investida doutora honoris causa pola Universidade da Coruña en 2010, o mesmo ano en que o Consello da Cultura Galega lle rendeu homenaxe nunha xornada adicada ao seu labor.
No 2011 foi erixido un monólito á súa memoria no Paseo das Ciencias do parque de Santa Margarida da Coruña.[7][8]
En xuño de 2012 foi inaugurada unha zona verde de máis de 10 000 metros cadrados en Montrove, Oleiros co seu nome. A matemática non puido acudir á inauguración por cuestións de saúde.[9]
O concello da Coruña adicoulle en outubro de 2014 unha rúa no polígono de Agrela[10] e en xuño de 2015 inaugurou un monumento no parque de Santa Margarida[11].
En 2018 foi proposta pola Universidade de Vigo para nomear un dos seus edificios.[12]
En 2023 a revista Gciencia considerouna unha das 20 mulleres de ciencia en Galicia que había que coñecer.[13]
Notas
editar- ↑ "Fallece la pionera matemática coruñesa María Wonenburger" La Voz de Galicia (en castelán).
- ↑ 2,0 2,1 Casal (2007), p. 106
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 Díaz-Fierros Viqueira, Francisco; Fraga, Xosé Antón; Mato, Alfonso, eds. (2018). Álbum da ciencia: 30 nomes e as súas achegas. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega. ISBN 978-84-92923-94-6. Consultado o 20 de febreiro de 2019.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 Casal (2007), p. 107
- ↑ Gciencia (ed.). "María Wonenburger, a matemática que triunfou nos Estados Unidos". Consultado o 9 de marzo de 2018.
- ↑ María Josefa Wonenburger Planells Arquivado 17 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine., en Historia de las Matemáticas
- ↑ Macho-Stadler, Marta. "María Josefa Wonenburger, una olvidada matemática con dos tesis... que nadie reconoció en España". eldiario.es (en castelán). Consultado o 2019-01-22.
- ↑ Recollido en http://gaceta.rsme.es/abrir.php?id=561
- ↑ "Oleiros inagura un parque en honor a María Wonenburger en Montrove" (en castelán).
- ↑ G. M. O. "La ciudad homenajea a la matemática María Wonenburger con una calle en A Grela". La opinión A Coruña (en castelán). Consultado o 30 de outubro de 2014.
- ↑ El alcalde se estrena con un tributo a María Wonenburger laopinioncoruna.es
- ↑ "Os edificios administrativos do campus terán nome de muller". DUVI. 5 de outubro de 2018. Consultado o 10 de outubro de 2018.
- ↑ García, Victoria (2019-03-07). "Vinte mulleres de ciencia en Galicia que tes que coñecer". GCiencia. Consultado o 2023-02-11.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Casal, Iolanda (2007). Investigadoras galegas. Santiago de Compostela: Editorial Compostela.
- Díaz-Fierros, F.; Fraga, X. A.; Mato, A., eds. (2018). Álbum da ciencia: 30 nomes e as súas achegas. Santiago de Compostela: CCG. ISBN 978-84-92923-94-6.
- Souto Salorio, M.J. e Tarrío Tobar, A.D. 2006. María Josefa Wonenburger Planells. Mujer y matemática. La Gaceta de la RSME 9: 339–364
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: María Wonenburger |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- María Josefa Wonenburger Planells no Consello da Cultura Galega.
- Discurso pronunciado por Ana Dorotea Tarrío Tobar na inauguración das xornadas "Unidade de Muller e Ciencia", organizadas pola Xunta de Galicia en 2006, e no que María Josefa Wonenburger Planells era a homenaxeada.
- A insólita historia de María Wonenburger, a xenia galega das Matemáticas en Gciencia
- María Wonenburger, a matemática que triunfou nos Estados Unidos en Gciencia
- "María Wonenburger". Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega.