Manuel Velo Velo

político, empresario e relacións públicas galego

Manuel Velo Velo, nado en Coristanco en 1941, é un político, empresario e relacións públicas galego.

Manuel Velo Velo
Nome completoManuel Velo Velo
Nacemento1941
Lugar de nacementoCoristanco
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico, empresario e relações públicas
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Técnico titulado en Relacións Públicas pola Facultade de Ciencias da Información de Madrid. Estabelecido en Boiro dende 1967. Foi secretario xeral da Asociación Galega de Relacións Públicas e vogal do Consello Superior de Relacións Públicas de España[1]. Militante do PSdeG-PSOE, foi candidato ó Congreso por este partido nas eleccións xerais de 1979, se ben non resultou elixido. Tamén foi candidato á alcaldía de Boiro nas municipais dese mesmo ano, logrando 3 concelleiros, por detrás de UCD e a candidatura comunista da AMDG.

Nas municipais de 1983 volveu encabeza-la candidatura socialista en Boiro, subiu a 5 concelleiros e foi elixido alcalde co apoio de AP e a AMDG. Nas municipais de 1987 foi reelixido alcalde cunha ampla maioría absoluta de 11 dos 17 concelleiros. Porén, en febreiro de 1988 varios edís socialistas aliáronse cos grupos da oposición (AP, CDS e CPG) e presentaron unha moción de censura que sairía triunfante o 19 de agosto dese mesmo ano e que o substituiría polo ata entón socialista José del Río Dieste. Conseguiu recupera-la alcaldía nas municipais de 1991 logrando 8 concelleiros, aínda que perdeu a maioría absoluta, mentres que os ex-socialistas (agora integrados no BNG) sumaron tan só 3 edís. Gobernou en minoría ata 1992, cando chegou a un acordo co edil nacionalista Manuel Regueira.

Foi membro da Executiva Nacional Galega do PSdeG en diversas ocasións, coma no mandato de Francisco Vázquez nos anos 90. Durante o seu mandato Boiro experimentou unha notable mellora en termos urbanísticos, económicos e de calidade de vida. Houbo unha grande apertura, ordenada, de novas rúas no núcleo urbano, conseguíronse novas infraestruturas e conseguiuse dinamiza-lo comercio, o turismo e a promoción exterior do municipio con eventos como a Boiromostra (logo Expobarbanza) e diversos programas educativos de intercambio para a mocidade. Tamén se chegaron a ofrecer terreos para a construción do Hospital Comarcal do Barbanza, planificado durante o goberno socialista de Fernando González Laxe na Xunta de Galicia. Porén, en 1993 o goberno de Manuel Fraga desbotou esa idea e decidiu situa-lo hospital en Ribeira.

Nas municipais de 1995 perdeu a alcaldía fronte a Jesús Alonso Fernández, do PPdeG, que logrou maioría absoluta, e pasou á oposición. Exerceu como portavoz socialista durante todo o mandato, e volveu se-lo candidato socialista nas municipais de 1999, nas cales perdeu de novo fronte ó PPdeG, experimentando populares e socialistas un notable descenso en favor do BNG. En setembro dese mesmo ano foi expedientado pola executiva local socialista por insinuar no mes de agosto que no partido había unha "toupa" do alcalde Jesús Alonso.[2] En agosto de 2002 a comisión federal do partido ratificou unha suspensión de militancia polas súas declaracións. Logo desta decisión, Velo anunciou que encabezaría un novo partido.

Desta forma, nas municipais de 2003 foi o cabeza de lista da formación independente Iniciativa Cidadá de Boiro (ICBoiro), que logrou un concelleiro chave na conformación do goberno do municipio, dado a que o PPdeG perdera a maioría absoluta e a suma de BNG e PSdeG tampouco daba. Finalmente apoiou ao nacionalista Xosé Deira como alcalde, integrando un tripartito con nacionalistas e socialistas, no cal foi segundo tenente de alcalde e concelleiro de turismo. En setembro de 2006 foi expulsado do equipo de goberno por mor dunha serie de discrepancias acerca da construción dun centro comercial. Nas municipais de 2007 encabezou de novo ICBoiro e subiu ata 2 concelleiros; porén, non foi necesario para ningún pacto de goberno, xa que nesta ocasión BNG e PSdeG lograron maioría absoluta. Nas municipais de 2011 empeorou os seus resultados e conseguiu tan só un concelleiro, circunstancia que sumada á maioría absoluta lograda polo PPdeG motivou a súa renuncia a recolle-la acta de concelleiro.

Regresou á política nas municipais de 2015 encabezando de novo ICBoiro, que logrou subir a 2 concelleiros, aínda que se situou na oposición ao goberno do PPdeG, que revalidou a maioría absoluta. Nas municipais de 2019 encabezou de novo ICBoiro, baixando a 1 concelleiro, pero sendo chave de goberno dada a perda da maioría absoluta por parte dos populares. Apoiou a investidura do socialista José Ramón Romero García, o que supuxo que o PSdeG recuperase a alcaldía 24 anos despois da súa derrota. Porén, a negativa inicial dos socialistas a estableceren unha coalición situouno na oposición, ante o cal, e aducindo ademais o cansazo de tantos anos en política, presentou a súa dimisión como concelleiro en marzo de 2021.


Predecesor:
Francisco López Silva
  
Alcalde de Boiro
 
1983 - 1988
Sucesor:
José del Río Dieste
Predecesor:
José del Río Dieste
  
Alcalde de Boiro
 
1991 - 1995
Sucesor:
Jesús Alonso Fernández

Notas editar

  1. Nova en La Voz de Galicia ed. Santiago, 30-4-1983 p. 41.
  2. Nova en La Voz de Galicia ed. Barbanza, 1-9-1999 p. 31.

Vida persoal editar

Está casado e ten dous fillos. Un deles é Fran Velo, músico e integrante do grupo Os Heredeiros da Crus.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar