Manuel Mosquera Bastida

futbolista e adestrador galego

Manuel Alfredo Mosquera Bastida, nado en Oleiros o 10 de agosto de 1968, é un adestrador e exfutbolista galego, que dende abril de 2023 dirixe o Córdoba, da Primeira División RFEF.

Manuel Mosquera
Información persoal
Nome Manuel Alfredo Mosquera Bastida
Nacemento 10 de agosto de 1968 (56 anos)
Lugar de nacemento A Coruña
Posición Dianteiro
Información de club
Club actual Córdoba (adestrador)
Carreira xuvenil
1981–1987 Deportivo da Coruña
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1987–1989 Fabril
1989–1991 Deportivo da Coruña 21 (1)
1991–1996 Extremadura 185 (64)
1996–1998 Compostela 51 (3)
1998–2005 Extremadura 263 (39)
2005–2007 Cerceda 59 (13)
Adestrador
2007 Cerceda
Cerceda (xuvenil)
Cerceda B
2011–2014 Laracha
2014–2016 Fabril
2019–2020 Extremadura
2021–2022 Extremadura
2022 Talavera
2023– Córdoba
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Xogaba de dianteiro e despois de formarse e debutar no Deportivo da Coruña desenvolveu a maior parte da súa carreira no CF Extremadura, onde xogou 13 tempadas e marcou 109 goles, o que o coloca como o máximo goleador da historia do club. Liderou o ataque do equipo que na década de 1990 logrou ascender dende a Segunda División B ata a Primeira División. Na máxima categoría xogou tamén coa camiseta do Compostela, no que militou durante dúas tempadas.

É pai dos tamén futbolistas Manu e David Mosquera.

Traxectoria

editar

Nacido en Oleiros e criado no barrio coruñés de Monte Alto,[1] estudou no instituto de Zalaeta e deu os seus primeiros pasos no fútbol nas filas do Orillamar.[2] Aos 13 anos ingresou na canteira do Deportivo da Coruña, pasando polas diferentes categorías inferiores do club,[3] ata que en 1987 debutou co Fabril na Terceira División.[4] Na tempada 1988/89 marcou 11 goles e na seguinte foi convocado por primeira vez polo primeiro equipo, para a disputa do Trofeo Juan Acuña, aínda que finalmente non chegou a participar no torneo amigable.[3]

O 26 de novembro de 1989, e ante as baixas de Hevia e Batrović, o adestrador do Deportivo, Arsenio Iglesias, fíxoo debutar como titular nun partido da Segunda División ante o Racing de Santander en Riazor.[3] Unha semana despois marcou o seu primeiro e único gol co equipo, permanecendo no once inicial durante case tódolos restantes partidos da tempada. Na tempada 1990/91 logrou o ascenso á Primeira División, pero o seu papel no equipo foi case inexistente, disputando pouco máis de 20 minutos ao longo da campaña.[3] Tralo ascenso deixou o club, despois dun total de 22 encontros e 1 gol.

Para a tempada 1991/92 fichou polo CF Extremadura, de Segunda División B. Na súa primeira tempada asinou un total de 18 goles, 16 deles na liga, sendo o segundo máximo goleador da categoría, superado só polas 18 dianas de Rafael Pozo, do Badajoz. O equipo de Ortuondo disputou sen éxito a promoción de ascenso, conseguindo finalmente subir a Segunda dúas tempadas despois, ao rematar na primeira posición do seu grupo.

Tras conseguir a permanencia na campaña 1994/95, o equipo de Almendralexo, de novo con Ortuondo no banco conseguiu un histórico ascenso á Primeira División na 1995/96. Manuel contribuíu con 19 goles na liga regular (segundo máximo goleador do campionato, só por detrás de Manel Martínez) e marcou o gol da vitoria no partido de ida da final da promoción contra o Albacete.

Na tempada 1996/97 regresou a Galicia, sendo contratado polo Compostela, que disputaba a súa terceira tempada na Primeira División. Debutou na máxima categoría na primeira xornada, xogando de titular nunha derrota por goleada diante do Tenerife (6-0). Xogou un total de 42 partidos na súa primeira campaña en Santiago, na que o equipo de Fernando Vázquez acabou décimo na liga, e marcou catro goles. A súa participación reduciuse na seguinte tempada, a última do club galego en Primeira, na que marcou un gol en 18 partidos.

Na tempada 1997/98 volveu ao Extremadura, club no que permaneceu até a campaña 2004/05. Na súa primeira campaña desta segunda volta no club estremeño logrou un novo ascenso a Primeira División, descendendo ao final do curso. Na tempada 2001/02 o club descendeu a Segunda División B. Durante as súas dúas etapas e trece tempadas no Estremadura, disputou un total de 479 partidos e marcou 109 goles,[5] converténdose no máximo goleador da historia do equipo.[6]

En 2005 fichou polo Cerceda, club da Terceira División, no que marcou 11 goles na súa primeira tempada. Comezou a seguinte tempada como xogador do equipo, pero nas últimas xornadas do campionato foi designado adestrador, tralo despedimento de Ramiro Sorbet.[7]

Adestrador

editar

Tralo seu breve paso polo banco do primeiro equipo do Cerceda, adestrou os xuvenís do club e o equipo filial e actuou como director deportivo da escola de fútbol.[8] En 2011 fichou polo Laracha, ao que dirixiu en Rexional Preferente durante tres anos, logrando no segundo deles o ascenso á Terceira División.[9]

En xuño de 2014 regresou á estrutura do Deportivo da Coruña, ao ser anunciado como substituto de José Luis Devesa á fronte do Fabril, en Terceira División.[10] Permaneceu no club coruñés dúas tempadas con bos resultados, clasificando ao equipo para a fase de ascenso nas dúas ocasións, aínda que sen conseguir subir de categoría. En 2016, deixou o posto de adestrador do Fabril pero seguiu ligado á entidade branquiazul, como adxunto á dirección deportiva do club, traballo que compaxinou coa dirección da escola de adestradores da Federación Galega.[11]

O 27 de febreiro de 2019 abandonou a secretaría técnica do club galego e asinou como novo adestrador do Extremadura UD, club sucesor do desaparecido CF Extremadura no que destacara como futbolista. O técnico coruñés regresou a Almendralexo co obxectivo de lograr a permanencia na Segunda División. Logrou dito obxectivo 2 xornadas antes do remate da tempada, despois de empatar a 0 ante o CD Lugo no Francisco de la Hera.[12] Na tempada seguinte o club descendeu á Segunda División B, mais con todo o presidente anunciou que o adestrador coruñés continuaría á fronte do equipo na seguinte campaña.[13] Durou só cinco xornadas da tempada 2020/21, sendo destituído o 22 de novembro tras acumular o equipo dúas vitorias, dous empates e unha derrota.[14] O seu substituto, José Antonio Ruiz, non logrou ningunha vitoria e foi destituído tras só catro partidos, sendo contratado de novo Mosquera.[15] Na súa segunda etapa como adestrador do equipo, tivo que lidar cos problemas económicos do club, que finalmente levaron á desaparición da entidade a comezos de 2022.[16]

Trala disolución do Extremadura fichou polo Talavera, da mesma categoría, onde ocupou o lugar do destituído Víctor Cea.[17] Chegou ao equipo talabricense co difícil obxectivo de evitar descenso, pero non puido conseguilo.[18][19] Preto do final da tempada 2022/23 foi contratado polo Córdoba, club que nas xornadas anteriores caera dende a primeira ata a sétima praza da Primeira RFEF.[20]

  1. Varela, Pablo (20 de decembro de 2014). "Manuel Mosquera: «Me gusta que mis futbolistas vayan a por lo máximo»" (en castelán). Consultado o 12 de abril de 2023. 
  2. "Manuel regresa al Extremadura: 'o galego' está de vuelta". La Opinión A Coruña (en castelán). 28 de febreiro de 2019. Consultado o 12 de abril de 2023. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Rodríguez Cudeiro, Juan Luis (19 de abril de 2019). "Manuel y una historia de hace treinta años" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 12 de abril de 2023. Consultado o 12 de abril de 2023. 
  4. "Siempre en el Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de novembro de 1989. p. 43. 
  5. "Partidos de Manuel Mosquera". www.bdfutbol.com (en castelán). Consultado o 4 de agosto de 2020. 
  6. "El histórico Manuel Mosquera regresa al Francisco de la Hera como técnico" (en castelán). 27 de febreiro de 2019. Consultado o 4 de agosto de 2020. 
  7. "Manuel Mosquera sustituye al destituido Sorbet en el Cerceda". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de abril de 2007. Consultado o 4 de agosto de 2020. 
  8. "Manuel Mosquera, nuevo entrenador del Laracha". La Voz de Galicia (en castelán). 1 de xuño de 2011. Consultado o 13 de abril de 2023. 
  9. Rey, Manuel (21 de xullo de 2014). "Los grandes empiezan a rodar". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 13 de abril de 2023. 
  10. Manuel Mosquera releva a José Luis Devesa al frente del Fabril; Deportivo da Coruña, 18 de xuño de 2014 (en castelán)
  11. Centeno, Alexandre (18 de xuño de 2016). "Manuel Mosquera reforzará la dirección deportiva del Dépor". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 4 de agosto de 2020. 
  12. "El Extremadura logra la permanencia y condena al Lugo al sufrimiento" (en castelán). 26 de maio de 2019. Consultado o 4 de agosto de 2020. 
  13. "Oficial: Manuel Mosquera seguirá en el Extremadura" (en castelán). 3 de agosto de 2020. Consultado o 4 de agosto de 2020. 
  14. "El Extremadura destituye a Manuel Mosquera" (en castelán). 22 de novembro de 2020. Consultado o 23 de novembro de 2020. 
  15. Vilas, Martín (5 de xaneiro de 2021). "Manu Mosquera vuelve al Extremadura un mes después de su destitución" (en castelán). Consultado o 7 de xaneiro de 2021. 
  16. "Desaparece el Extremadura UD". COPE (en castelán). 26 de febreiro de 2022. Consultado o 8 de abril de 2022. 
  17. "Manuel Mosquera sustituye a Víctor Cea como entrenador del Talavera" (en castelán). 8 de abril de 2022. Consultado o 8 de abril de 2022. 
  18. "Manuel Mosquera, nuevo entrenador del Talavera" (en castelán). 8 de abril de 2022. Consultado o 11 de abril de 2023. 
  19. Abizanda, Jorge (2 de xuño de 2022). "Desaparición y descenso: el doble 'annus horribilis' de Manuel Mosquera en el banquillo". ABC (en castelán). Consultado o 11 de abril de 2023. 
  20. Martínez, Ángel (11 de abril de 2023). "El entrenador de Oleiros llega al Nuevo Arcángel para reemplazar a Germán Crespo tras la mala racha de resultados" (en castelán). Consultado o 11 de abril de 2023.