Mabinogion

(Redirección desde «Mabinogi»)

Os Mabinogion ou as Catro Ramas do Mabinogi (Pedair Cainc y Mabinogi en galés) son catro textos medievais (chwedl ou cyfarwyddyd, palabras que significan conto), escritos en galés medio (o galés do século XII ao XVI), que fan referencia á mitoloxía celta da Antigüidade. Tradicionalmente vénselles engadindo outros contos que tratan da lenda artúrica. A palabra Mabinogion é o plural de Mabinogi. Téñense dado diversas explicacións sobre o sentido da palabra, pero pode ser que veña do nome do deus Mabon (Maponos na Galia)[1] que figura no conto Kulhwch e Olwen, e que forma parte da mesma colección. Os catro relatos titúlanse: Pwyll, príncipe de Dyfed, O Mabinogi de Branwen, Manawydan fillo de Llyr e Math fillo de Mathonwy.

Manuscritos

editar

Os Mabinogion elaboráronse a partir de dous manuscritos: o Libro Branco de Rhydderch cuxa redacción se estende entre 1380 e 1410, e o Libro Vermello de Hergest que se data aproximadamente en 1350. Lembremos que no mundo céltico, a poesía era a especialidade dos bardos[2]. Os temas que se desenvolven atópanse na tradición irlandesa, cousa que testemuña a súa antigüidade. Pódense citar, a xeito de exemplo, as relacións do druída (ou mago) e o rei, as obrigas da Soberanía, o Alén (o Sidh dos Tuatha Dé Danann, en Irlanda), a guerra, a práctica das funcións artesanais. É a ilustración da ideoloxía trifuncional dos indoeuropeos, segundo a expuxo Georges Dumézil. Igual que nos textos mitolóxicos irlandeses, un verniz cristián cobre unhas historias que preceden a tradición cristiá.

A redacción tardía indica unha longa tradición oral, estes mitos transmitíronse de xeración en xeración, a través dos séculos, polo que non é posíbel precisar a súa orixe.

Na vaga de celtomanía do século XIX, Lady Charlotte Guest fixo unha primeira publicación expurgada en inglés, da que algunhas partes se traduciron ao francés por parte de Théodore Hersart de la Villemarqué. A primeira versión francesa integral publicouna Joseph Loth.

As Catro Ramas

editar

Pwyll, príncipe de Dyved

editar

Este conto ten como argumento a orixe, o fundamento e a lexitimidade da realeza. O contrato feito cun rei do Outro Mundo indica claramente a orixe divina. A voda de Pwyll coa deusa Rhiannon[3] é conforme á mitoloxía céltica, pois a soberanía é un concepto feminino. A xustiza e a xenerosidade do rei son dúas cualidades fundamentais e indispensábeis da función.

O cambio dos reinos

editar

Pwyll, príncipe de Dyved, deixa a súa residencia de Arberth para ir cazar a Glynn Cuch. Solta a súa manda de cans e ve pasar un cervo ao que perseguía e logo mataba outra manda de cans brancos. Despois de distribuír a carne entre os seus propios cans, chega o propietario da outra manda, Arawn o rei de Annwvyn, que lle reprocha que se teña apropiado da presa. Pwyll acepta dar unha compensación e Arawn propón intercambiaren os seus reinos e identidades por un ano, a cuxo termo Pwyll había deber enfrontarse contra Havgan, un inimigo de Arawn.

Tras concluíren o acordo, Arawn acompaña a Pwyll ata a súa residencia onde o reciben, baixo a aparencia de Arawn. Despois da cea vai durmir coa raíña, pero non a tocou, nin a ha tocar durante a súa estancia. Pasa o ano «en cacerías, concertos, banquetes, a amizade e a conversa coa súa compañía ata o día fixado.»

Ao pasar o ano, é a hora do duelo no «medio do vao». Pwyll mata a Havgan no primeiro golpe. O vencedor «recibe o homenaxe dos guerreiros» e reina sobre os dous reinos, alcuman a Pwyll «príncipe de Annwvyn». Despois diríxese a Glynn Cuch e atopa alí a Arawn; retoman a s súas identidades e aspectos respectivos. Pola noite, Arawn encóntrase coa súa muller e faille o amor; na conversa que seguiu, dáse conta de que Pwyll non tocara a súa muller. Felicítase polo seu aliado e cóntalle a verdade á muller. Pwyll volve a Dyved, tranquilízano sobre como foi administrado o seu reino na súa «ausencia» e cóntalles a verdade aos nobres.

Pwyll e Rhiannon

editar

O outeiro Gorsedd Arberth («a Sede de Arberth ») é famoso polos sortilexios. Despois dun banquete, Pwyll príncipe de Annwvyn ve chegar unha xinete cuxa montura avanza a un paso lento e regular. Manda a un a lle preguntar quen é, pero o home indo a pé non a dá collido. Tampouco o da a cabalo, canto máis o forza, máis se afasta a xinete sen que ela teña mudado o paso. Ao terceiro día, o mesmo Pwyll ponse a perseguila e, como nin el a daba alcanzado, chama por ella e esta detense inmediatamente. Cando a ve, queda preso da súa beleza.

Ela dille que viñera para atopalo e que se chamaba Rhiannon, filla de Eveydd o Vello. Explícalle a Pwyll que a queren casar contra a súa vontade, pero que ela estaba namorada del e quere casar con el. El acepta e decídese que a voda se había celebrar ao cabo dun ano, na corte de Eveydd. Ao ano seguinte, despois do banquete de voda, un home fai unha petición a Pwyll, que este acepta por anticipado: pídelle a súa futura esposa e as provisións para as nupcias. Trátase de Gwawl, co que estivera prometida Rhiannon e ao que ela rexeitara. Como non podía botarse atrás no seu acordo, Rhiannon imaxina unha estrataxema para non casar con Gwawl.

Cando chegou o día, Pwyll, provisto dun saco máxico, chega con cen cabaleiros. Entra vestido como un mendigo e pide que lle enchan o saco de comida. O saco non se dá enchido e Pwyll pídelle a Gwawl que aprete a comida co seu pé e méteo no saco, que pecha con lazos. Pwyll fai soar o corno para facer vir os seus cabaleiros e todos golpean o saco. Gwawl pide graza e Pwyll volve a Dyved con Rhiannon. O seu reinado caracterizouse pola equidade, a xustiza e a xenerosidade.

O rapto de Pryderi

editar

Despois de catro anos, Pwyll e Rhiannon teñen un fillo, ao que raptan a noite mesma de nacer. As seis mulleres encargadas de gardar o neno acusan a Rhiannon de infanticidio. Decídese que a súa penitencia había ser ficar sete anos no patio de Arberth, sentada preto do «montadoiro dos cabaleiros», contar a súa historia aos que pasaban e levalos polo patio sobre o seu lombo.

Teirnon Twryf Vliant, señor de Gwent-Ys-Coed, tiña unha egua que paría cada ano o primeiro de maio, pero invariabelmente o poldro desaparecía. Ao chegar a noite, ponse a vixiar a egua que paría e ve un grifón pasar pola fiestra para coller o poldro; dun golpe de espada alcanza o grifón e sae da habitación pero non pode ver o que pasa a causa da escuridade. Cando volve, atopa un rapaz que lle dá á súa muller e que bautiza co nome de Gwri Wallt Euryn (é dicir «da cabeleira dourada»). Este medra rapidamente, e á idade dun ano parece que ten tres; aos catro anos intenta montar a cabalo e danlle o poldro que nacera o día en que o atoparan.

Teirnon coñece o infortunio de Rhiannon e comprende que o neno é o fillo de Pwyll. Coa súa muller, deciden restituír o neno. Ao que chegaron a Arberth, Rhiannon ofrécese a levalos ao lombo ata a corte, cousa que rexeitan. Ao final do banquete ao que os invitaran, Teirnon conta a súa historia e presenta o seu fillo a Rhiannon. Deciden chamalo Pryderi («preocupación»).

A Pryderi criouno Pendaran Dyved. Á morte de Pwyll, Pryderi sucédeo e agranda o reino. É un bo rei, amado de todos os seus súbditos. Casa con Kigva.

O Mabinogi de Branwen

editar

O segundo conto dos Mabinogion trata das relacións difíciles entre as nacións celtas. A guerra é o tema central e vese unha glorificación do guerreiro heroico[4]. A guerra, as razzias son ademais nocións recorrentes na civilización céltica. Bran é un xigante, cuxo nome significa «corvo», animal emblemático das divindades asociadas coa morte.

A historia de Matholwch representa tres infraccións a cada unha das clases indoeuropeas[5]: a violación do tratado de paz (natureza xurídica) é unha falta que atinxe á primeira función; a trampa que puxo Matholwch para masacrar os «bretóns» é unha falta contra a ética da función guerreira; a desgraza de Branwen é un ataque á función de produción[6].

A voda e a degraza de Branwen

editar

Matholwch, o rei de Iwerddon (Irlanda), desembarca na illa de Britannia cunha frota de doce naves. Chega á corte de Bran o Bendito[7], o xigante fillo de Llyr, para lle pedir a man da súa irmá Branwen, e así concluír un tratado de paz. Tras deliberaren, o consello decide conceder a demanda e todos se dirixen a Aberffraw para celebraren a voda[8]. Esa mesma noite, Matholwch e Branwen dormen xuntos.

Evnissyen, o medio irmán da rapaza, furoso porque non o consultaran, corta os belfos, as orellas, as pálpebras e a cola dos cabalos dos irlandeses, coa esperanza de romper os acordos. Ante a afronta, Matholwch volve a Irlanda, pero reparan a ofensa ao dárenlle novas monturas, unha vara de prata e unha placa de ouro e un caldeiro máxico, que ten o poder de resucitar os guerreiros mortos no combate. Matholwch leva a súa nova esposa ao seu reino, onde a acollen ben; o ano pasa na «gloria» e a «celebración» e Branwen ten un fillo: Gwern.

Ao ano seguinte corren rumores sobre a afronta que sufrira Matholwch e, en vinganza, esixen que Branwen sexa apartada do leito real e condenada a cociñar na corte, onde cada día o cociñeiro vén para lle dar unha labazada. Ademais, fican prohibidas as relacións entre Irlanda e o País de Gales. Isto ha durar tres anos, durante os cales ela cría un estorniño. Envía o paxaro, cunha mensaxe, ao seu irmán Bran.

A invasión de Irlanda

editar

Ao que recibe a mensaxe de Branwen e coñece a súa desgraza, Bran o Bendito reúne os cento cincuenta e catro reinos e desembarca en Irlanda, deixando só sete guerreiros para defenderen o seu reino. Para evitar a guerra, Matholwch propón abdicar e confiar o reino ao seu fillo Gwern, que era o sobriño de Bran. Constrúen un edificio inmenso para recibir os belixerantes (Bran é un xigante que non dá entrado en casa ningunha, nin montar en barco ningún: atravesou o mar de Irlanda vadeando). Pero os irlandeses deciden tendérenlle unha emboscada aos galeses: de cada lado das cen columnas da casa, colgan sacos de fariña que contiñan un guerreiro cada un. Evnissyen descobre a estrataxema e mata os douscentos guerreiros irlandeses esmagándolles a testa. A reunión ten lugar finalmente, cada un nunha parte da casa. Gwern vai sucesivamente onda cada un dos seus tíos: Bran o Bendito, Manawyddan Fab Llyr, Nisien. Cando o rapaz se aproxima a Evnissyen, este agárrao polos pés e bótao no lume.

A guerra é total, Evnissyen destrúe o caldeiro máxico e matan a todos os irlandeses. Canto aos galeses, só sobreviven sete.

A cabeza cortada de Bran o Bendito

editar

Os guerreiros galeses que sobreviviron son Pryderi, Manawydan, Gliuieu Eil Taran, Taliesin, Ynawc, Gruddyeu e Heilyn. Bran, ao que atinxiran cunha lanza envelenada nun pé, pídelles que lle corten a cabeza[9] e que a enterren en Y Gwynvryn (o «Outeiro Branco») en Londres, mirando a Francia. Pero durante esa longa viaxe, a cabeza cortada será dunha compaña tan agradábel, como cando o seu propietario estaba vivo.

Branwen acompáñaos, pero morre co corazón roto e enterrárona en Glan Alaw. Os sete van a Harddlech coa cabeza de Bran e mentres están de festa, os paxaros de Rhiannon veñen cantar para eles. Ao cabo de sete anos, parten para Gwales en Pembroke, onde fican vinte e catro anos. Despois chegan a Londres, onde enterran a cabeza de Bran[10].

Manawydan fillo de Llyr

editar

Segundo o esquema duméziliano, esta historia describe a terceira clase da sociedade céltica, a dos artesáns-produtores e a dos agricultores-gandeiros. As outras dúas clases soan as dos druídas e bardos e a dos guerreiros. O papel dos artesáns (no sentido máis amplo) é o producir para o conxunto da sociedade. Manawydan é o equivalente galés do irlandés Manannan Mac Lir.

Manawydan e Rhiannon

editar

Despois do enterramento da cabeza de Bran o Bendito, Pryderi propónlle a Manawydan que lle dea o goberno dos sete cantrefs de Dyved que posúe (conservando só a realeza nominalmente) e mais a man da súa nai Rhiannon (viúva de Pwyll), muller perfecta e de gran beleza.

Pryderi e Manawydan diríxense a Dyved e, ao que chegaron a Arberth, son recibidos por Rhiannon e Kigva (muller de Pryderi, filla de Gwyn Gloyw) que lles tiñan preparado un festín. Manawydan é seducido por Rhiannon e viceversa; deciden casar e déitanse xuntos antes de rematar o festín. Despois parten para visitar todo Dyved, reino moi poboado e rico en caza, mel e peixe e pasan no seu tempo a cazaren e a se divertiren.

Pryderi diríxese a Inglaterra e vai a Oxford render homenaxe a Caswallawn fillo de Beli. Á súa volta, tras do festín dado na corte real de Arberth, un trono resoa e unha brétema intensa volve todo invisíbel. Cando volve a luz, a terra está desolada: xa non quedan habitantes, nin habitacións, nin gando; só están os catro. Durante dous anos, subsisten cazando animais salvaxes, e logo deciden ir a Inglaterra para exerceren un oficio.

O exercicio de varios oficios

editar

Manawydan, Rhiannon, Pryderi e Kigva chegan a Henford en Inglaterra onde se instalan como albardeiro. As selas fabricadas por Manawydan son dunha tal calidade que todo o mundo vai se fornecer onda eles. Ante a ameaza de morte dos outros albardeiros, decídense a marchar.

Noutra vila, fabrican escudos. Pero os outros artesáns, celosos do seu éxito, deciden matalos. Marchan para outra vila e convértense en zapateiros. Ante a mesma ameaza, vénse obrigados outra vez a abandonar a vila e deciden volver a Dyved.

De volta en Arberth, viven da caza durante un ano. Un día, mentres estaban a perseguir un «xabarín branco e brillante», descobren unha cidade descoñecida e Pryderi entre na cidadela. Deserta, non hai ninguén, nin casas, nin animais. No centro descobre unha fonte cunha copa de ouro suspendida por catro cadeas sen fin. Cando toca a copa os seus dedos fican pegados a ela, os seus pés se fixan sobre a pedra da beira e perde o uso da palabra.

Manawydan volve á súa residencia real e coóntalle a aventura a Rhiannon que parte á procura de Pryderi. Atópao e sofre a mesma sorte. Ao que caeu a noite, un trono resoa e unha nube fai desaparecer a cidadela, xunto con Pryderi e Rhiannon. Manawydan e Kigva, únicos sobreviventes, deciden iren a Inglaterra.

«O encantamento» de Dyved

editar

Manawydan e Kigva recorren Inglaterra. Manawydan retoma oficio de zapateiro e exérceo durante un ano, pero ante as ameazas dos outros zapateiros vénse obrigados a volveren a Dyved. Sementa os campos con trigo, pero cando chegou o momento da colleita, só atopou os talos. Pola noite vixía o último campo que non está aínda devastado e, a media noite, observa unha innumerábel invasión de ratos. Colle un ben gordo e lévao á corte. Cóntalle a historia a Kigva e di que ao día seguinte vai colgar o rato.

Cando vai aforcar o rato chega un crego miserento que vén de Inglaterra e que quere rescatar a vida do rato, Manawydan négase. Chega un sacerdote a cabalo que lle fai a mesma proposición, sen éxito ningún. Despois chega un bispo nun carro que fai subir a poxa polo rescate do rato. Como prezo, Manawydan pide a liberación de Rhiannon e Pryderi así como o levantamento do encantamento sobre os sete cantrefs de Dyved; cousa que acepta o bispo. De feito o bispo chámase Llwyd, e botou un meigallo sobre o reino para vingar o seu amigo Gwawl da trampa que lle puxera Pwyll. O rato capturado era a súa muller. Promete liberar os reféns e o país. Mantén a súa promesa e o rato transfórmase nunha muller nova e fermosa.

Math fillo de Mathonwy

editar

A cuarta rama do Mabinogi componse de tres partes, cuxos personaxes principais son Math, soberano de Gwynedd e o seu sobriño, o meigo Gwydion. O último conto dos Mabinogion está máis especialmente consagrado ás funcións da clase sacerdotal. O papel de Goewin, en tanto que principio feminino, é o de lexitimar a realeza de Math, que só se ocupa da prosperidade e da guerra. Gwydion é o prototipo do druída, omnipotente e omnisciente, que debe iniciar ao seu sobriño que, que pola súa cualidade trifuncional pode aspirar á realeza.

A violación de Goewin

editar

Goewin, «a rapariga máis fermosa que se coñecía na súa xeración», é a virxe en cuxo regazo Math depe poñer os pés cando non está en guerra[11]. Tampouco non pode recorrer o seu reino, son dous dos seus sobriños, Gilfaethwy e Hyfeidd, os que se encargan de facelo. Un deles, Gilfaethwy, namorouse de Goewin e, co seu outro irmán o meigo Gwydion, imaxina unha estrataxema para que Math se afaste de Goewin. Trátase de provocar unha guerra entre Gwynedd, Powys e Deheubarth. Gwydion informa ao seu tío que uns porcos fabulosos, vidos do Annwvyn, chegaron onda Pryderi, o príncipe de Dyved. E que el podería apoderarse deles con oito dos seus copañeiros disfrazados de bardos[12].

Na residencia de Pryderi, os falsos bardos son recibidos na corte e Gwydion, que é un excelente narrador, encanta o seu auditorio contando unha historia. Despois revela o fin da súa visita e descambia os porcos contra doce cabalos sementais e doce galgos, que só son froito da súa maxia e que só existen por vinte e catro horas. Gwydion e os seus cómplices volven a Gwynedd con Pryderi e os seus exércitos atrás deles. Esa mesma noite, mentres que Math está na guerra, Gilfaethwy aproveita para violar a Goewin. A batalla é un gran masacre e remata cando Gwydion mata a Pryderi en combate singular. De volta na residencia real, Goewin cóntalle a Math que non pode asumir máis a función de «portapés» xa que deixara de ser virxe e cóntalle a violación. Casa con ela para preservar o seu honor e «devólvelle a autoridade sobre os seus dominios». Como castigo transforma os seus sobriños, un en cervo e o outro en cerva, condénaos a teren un fillo destérraos. Despois transfórmaos en xabarín macho e femia e despois en lobo e loba, e, ao cabo de tres anos, devólvelle a aparencia humana. Os tres nenos que tiveron durante estas transformacións son Hyddwn, Hychtwn et Bleiddwn.

As tres prohibicións de Llew Llaw Gyffes

editar

Á procura dunha virxe para suceder a Goewin, suxeríronlle o nome de Arianrhod, filla de Dôn e sobriña do rei. Para asegurarse sobre a súa virxindade, ela debe soportar unha proba que consiste en pasar sobre a vara máxica de Math. Agora ben, ela dá a luz inmediatamente dous fillos. O primeiro, nada máis bautizado, alcanza o mar e afúndese no océano, de onde o seu nome Dylan Eil Ton, ou sexa «Dylan fillo da Onda». O segundo neno roubouno Gwydion, que o dá a criar fóra secretamente; medra dúas veces máis rápido do normal. Cando ten oito anos, Gwydion lévao ao castelo da súa nai, pero ela bótalle un meigallo (geis): non ha poder ter nome agás que llo dea a súa nai. Ao día seguinte, na beira do mar, constrúe un barco con algas e volven ao castelo de Arianrhod, baixo unha forma que os fai irrecoñecíbeis. Na ponte do barco, comproba a destreza do neno e chámalle Llew Llaw Gyffes («Lleu de Man Segura»), sen telo recoñecido. Visto que se enganou, bota un segundo meigallo: non ha poder ter máis armas cás que ela lle dea. Convertido en adulto, Llew, sempre acompañado por Gwydion, volve ao castelo da súa nai, baixo o aspecto de dous bardos, onde os reciben na corte. Ao día seguinte, Gwydion usa a maxia para simular unha frota inmensa e un ataque inminente. Sen saber que se trata do seu fillo, Arianrhod axúdao a se armar. O encantamento desaparece inmediatamente, no tanto que ela lle bota un terceiro meigallo ao seu fillo: non ha poder ter muller da especie humana.

Daquela van queixare perante o rei Math e os dous meigos unen os seus dons para crearen unha muller («a rapaza máis fermosa e a máis perfecta do mundo») a partir de flores de carballo, de xesta e de raíña dos prados, que se chamou Blodeuwedd («Aspectos de Flores»). Despois Math entrégalle o cantref de Dinoding e convérteo no seu soberano.

Blodeuwedd

editar

Nunha ausencia de Llew, que visitaba a corte de Math, un grupo de cazadores guiados por Gronw Pebyr, pasa preto da residencia de Mur Castell. Blodeuwedd invítao ese serán, namóranse inmediatamente e pasan a noite xuntos e os días seguintes. Ao regreso do seu marido, Blodeuwedd finxe temer a súa morte. El dille que non é doado matalo: a lanza que podería matalo deberá ser fabricada durante un ano. Non posen matalo no interior nin no exterior dunha casa, se cabalga ou vai a pé. Só o poden matar no momento en que está a se bañar, cando ten un pé sobre a cuba e o outro sobre o lombo dun castrón.

Durante un ano, Gronw Pebyr fabrica a lanza, despois Blodeuwedd pídelle a Llew que lle amose as condicións que o farían morrer. El acepta e o amante golpéao coa lanza; Llew bótase a voar en forma de aguia. Gronw Pebyr ocupa o seu lugar á fronte do reino.

Gwydion recorre Gwynedd á procura do seu sobriño. Atopa a aguia e, cantando uns englynion, devólvelle o seu aspecto humano. Lévao a Caer Dathyl para que coiden del os mellores médicos. Despois mobilizaron os homes de Gwynedd e marcharon ata o cantref de Dinoding. Gwydion transforma a Blodeuwedd en curuxa para que só viva de noite e que os outros paxaros a desprecen. Gronw Pebyr morre da mesma maneira na que intentara matar a Llew. Este recupera as súas terras e reinará sobre todo Gwynedd.

Para Georges Dumézil, «[...] os personaxes, Math e os seus sobriños, os nenos de Dôn, forman unha estrutura que se articula segundo a concepción trifoncional do mundo e da sociedade que o druidismo herdara dos indoeuropeos e á que lle dera unhas particularidades propias»[13].

Os contos artúricos

editar

Na escolma de Lady Charlotte Guest figuran cinco contos tradicionais galeses:

  • Breuddwyd Macsen Wledig (O soño de Macsen), que trata do emperador romano Magno Máximo.
  • Lludd a Llefelys (Lludd e Lleuelys).
  • Culhwch ac Olwen (Kulhwch e Olwen).
  • Breuddwyd Rhonabwy (O soño de Rhonabwy).
  • Hanes Taliesin (A historia de Taliesin), é unha peza tardía, que non forma parte dos Libros Branco e Negro, e que se desbota nas traducións máis recentes.

Os contos Culhwch ac Olwen e Breuddwyd Rhonabwy teñen espertado o interese dos investigadores porque conteñen elementos da lenda artúrica.

As novelas

editar

Outros tres contos son denominados Y Tair Rhamant («Os tres romances») e son versións galesas de obras de Chrétien de Troyes. Aparecen xeralmente publicadas cos Mabinogion.

  1. Claude Sterckx, Mythologie du monde celte, px. 116, Marabout, Paris, 2009, ISBN 978-2-501-05410-2}}.
  2. Christian-J. Guyonvarc'h e Françoise Le Roux, Les Druides, px. 205, « La louange et le blâme. La satire et ses conséquences ».
  3. O nome de Rhiannon procede de Rigantona, e significa «Grande Raíña». «É un aspecto da grande divindade céltica» da mitoloxía galesa. Christian-J. Guyonvarc'h e Françoise Le Roux, Les Druides, px 415.
  4. Ver Les Quatre branches du Mabinogi et autres contes gallois du Moyen Âge, introduction de Pierre-Yves Lambert no Mabinogi de Branwen, px. 57.
  5. Ver o artigo trifuncionalidade indoeuropea. Segundo Georges Dumézil, os mitos e as sociedades se organizan segundo tres funcións primordiais: a función sacerdotal, a función guerreira e a función produtiva.
  6. Philippe Jouët, Aux sources de la mythologie celtique, px 113ss.
  7. Bran o Bendito tamén é chamado Bran Vendigeit ou Bendigeituran.
  8. Aberffraw: o esteiro do Ffraw, residencia real. Ver Les Quatre branches du Mabinogi nota 10 de Pierre-Yves Lambert, px. 358.
  9. Cortar a cabeza dun inimigo vencido era un ritual guerreiro, habitual entre os celtas. Está testemuñado nas fontes literarias e os estudos arqueolóxicos. Venceslas Kruta, Les Celtes, Histoire et Dictionnaire, px. 839.
  10. Non se fala do que pasou co resto do corpo. «La décapitation, rite guerrier bien attesté, s’explique par une doctrine de l’héroïsation», Philippe Jouët, Aux sources de la mythologie celtique, pp. 342ss: « L’exaltation de la tête, de la parole et de la fidélité ».
  11. « [...] si l’on se rappelle que le pied est un substitut phallique bien connu, nous sommes là évidemment dans une nouvelle expression de l’union nécessaire entre le roi et son royaume, d’autant que la vierge en question est appelée Aranrhod « la Grande Roue », une des formes attestées de la Terre-mère ». Claude Sterckx, Mythologie du monde celte, px. 247.
  12. Os bardos son unha categoría de druídas, na civilización céltica, pertencen xa que logo á clase sacerdotal. Ver Christian-J. Guyonvarc'h e Françoise Le Roux, Les Druides, pp. 33 a 44, «Définitions et distinctions: druides, vates et bardes.
  13. Georges Dumézil, Esquisses de mythologie, GLM (Gallimard), Paris, 2003, ISBN 2-7028-8243-9, cap. 59 «La quatrième branche du Mabinogi», p. 610.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Williams, Ifor (1930). Pedeir Keinc y Mabinogi. Caerdydd, Gwasg Prifysgol Cymru.  (en galés)
  • Charles-Edwards, T.M. "The Date of the Four Branches of the Mabinogi" Transactions of the Honourable Society of Cymmrodorion (1970): 263-298.
  • Ford, Patrick K. "Prolegomena to a Reading of the Mabinogi: 'Pwyll' and 'Manawydan.'" Studia Celtica, 16/17 (1981-82): 110-25.
  • Ford, Patrick K. "Branwen: A Study of the Celtic Affinities," Studia Celtica 22/23 (1987/1988): 29-35.
  • Hamp, Eric P. "Mabinogi." Transactions of the Honourable Society of Cymmrodorion (1974-1975): 243-249.
  • Sims-Williams, Patrick. "The Submission of Irish Kings in Fact and Fiction: Henry II, Bendigeidfran, and the dating of the Four Branches of the Mabinogi", Cambridge Medieval Celtic Studies, 22 (Winter 1991): 31-61.
  • Sullivan, C. W. III (editor). The Mabinogi, A Books of Essays. Nova York: Garland Publishing, Inc., 1996. ISBN 0-8153-1482-5

Artigos relacionados

editar

Ligazóns externas

editar