Mortos de Nebra

(Redirección desde «Mártires de Cans»)

Coñécese como os mártires de Cans,[1][2][3][4] ou mortos de Nebra,[4][5] os cinco labregos abatidos a tiros por axentes da Garda Civil na ponte de Cans, na parroquia de Nebra (Porto do Son) o 12 de outubro de 1916. Mobilizáranse, movidos pola Liga Agraria de Nebra, contra un imposto que crían inxusto.

Antecedentes editar

O 11 de outubro xuntouse a veciñanza no local da Liga Agraria de Nebra para falar sobre os embargos aos que os pretendía someter o concello, que o 13 de setembro, reunido en pleno, acordara unha lista de «debedores». Estes debedores eran persoas que se negaran a pagar unhas cotas trimestrais que o concello impuxera para facer fronte a unha débeda contraída coa Deputación da Coruña.

Meses atrás, en marzo do mesmo ano, dende a Protección Obrera do Son falábase de entrar en acordos coa Liga Agraria de Nebra, para frear esta inxustiza por parte do concello. A Liga e a Protección Obrera comezaron a tomar partido para amosarlles aos veciños o que acontecía no concello. Así, nunha reunión da Liga o 2 de abril, acordouse unha manifestación para o día seguinte ás portas do concello, co fin de esixir por escrito a dimisión de toda a corporación municipal.

O 3 de abril os veciños xuntáronse no Son, no cruceiro da Guitarra, para achegarse ás portas do concello, ao berro de «Non se paga o defis». Ao atoparen as portas pechadas, botaron por debaixo da porta o escrito coas súas reivindicacións. Os manifestantes mantivéronse diante das portas pechadas berrando consignas contra as inxustizas cometidas polo alcalde. Durante a concentración presentáronse tres parellas da Garda Civil que cargaron contra os manifestantes. Finalmente foron detidas cinco persoas que días despois ingresaron na cadea por orde do xuíz de instrución de Noia.

Nos seguintes meses o clima de descontento crecía na vila. O número de axentes da Garda Civil incrementouse para protección do alcalde. No mes de setembro, a Liga convocou unha marcha camiño de Noia para solicitar que soltasen os detidos. Aos veciños de Nebra, O Son, Noal e Portosín uníronselles máis veciños de Noia. O xuíz, ante o máis do milleiro de persoas que tiña ás portas do xulgado, decidiu liberar os cinco detidos, que os manifestantes levaron a ombreiros polas rúas da vila.

Con todos estes antecedentes chegouse á reunión da Liga do 11 de outubro, convocada á véspera da data na que comezarían os embargos. Entre as cousas que se propuxeron ese día para facer fronte á Garda Civil era poñer mulleres e nenos diante, porque os axentes non dispararían contra eles. Ao cabo, a Liga acordou ir sen armas á manifestación e houbo iniciativa por parte de varias mulleres de ir por propia vontade diante, mais os nenos ficarían nas casas.

Sucesos editar

Sobre a ponte de Cans, o xoves 12 de outubro, fóronse xuntado os veciños das aldeas de Nebra. Os manifestantes comezaron a berrar en contra do tributo: «Non se paga o defis». Os gardas civís enviados superaban a trintena. O capitán xunto co tenente intentan convencer os veciños de que disolvan a manifestación, pero os veciños néganse. Un grupo de mulleres comeza a avanzar, intentando obrigar os gardas civís a recuaren. Un rapaz que se achega cun pau na man recibe do tenente un golpe co sabre que o deixa tirado no chan, o que espertou nos manifestantes unha reacción indignada.

O capitán ordena unha descarga ao aire para disuadir os manifestantes, mais algún garda civil desacatou a orde e disparou contra a xente. O capitán ordena outra descarga ao aire e, de novo, máis garda civís disparan contra os manifestantes. Nun primeiro momento cóntanse máis de trinta caídos. A garda civil opta por marchar cara a Portosín a protexer o alcalde.

Axiña, dous médicos do Son acoden á ponte para curar os feridos. Os de menos gravidade son evacuados ao Son, os máis graves lévanse á praia da Aguieira para embarcalos para Noia e levalos no coche de liña ao hospital de Santiago de Compostela. O mesmo día morreron dúas persoas: Antonio Sobrado Luaces e Francisca Carou.[6] O día 15 morreron Ramona Suárez Pouso[7] e Xenerosa Vidal Cadórniga,[8] e o día 28, no hospital de Santiago, falece Rosa Cadórniga Maneiro.[9]

O ocorrido foi silenciado polas administracións nos días seguintes, e os locais da Liga e de Protección Obrera foron clausurados.

Lembranza editar

Anos despois ergueuse un monólito en lembranza do acontecido, mais desapareceu co tempo. No álbum Nós, publicado no 1931, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao escribiu ao pé dunha das ilustracións:

¡Un padrenuestriño pol-os que morreron en Oseira, Nebra e Sofán![10]

Anos despois, o poeta chairego Manuel María volveu unir nun verso eses tres símbolos da loita contra as inxustizas sociais. No libro Nebra, historia dunha infamia (1988), escrito por Xerardo Díaz Fernández, veciño sonense, reprodúcense recortes dos xornais da época, e como en diversos escritos se fixo por ocultar a realidade.

Non seria ata o 1999 cando unha familia de Nebra, a raíz dunha crónica nun xornal, comezou a investigar o acontecido e un ano despois, deron en organizar unha homenaxe para lembrar a aqueles veciños. No ano 2001, coincidindo co 85.º cabodano daqueles feitos, colocouse entre a ponte e o cruceiro de Cans un novo monólito en recordo, que foi sufragado mediante doazóns de veciños e familiares daquelas vítimas. O lugar foi acondicionado no 2008 polo concello de Porto do Son, que colocou unha placa onde se narra o acontecido.[3]

Notas editar

  1. Gómez, Marta (11/10/2017). "Lembrando aos mártires de Cans". La Voz de Galicia. 
  2. "Nebra continúa a lembrar as súas mártires, 101 anos despois". Sermos Galiza. 10/10/2017. Arquivado dende o orixinal o 16/03/2018. Consultado o 15/03/2018. 
  3. 3,0 3,1 Imaxe da placa na ponte
  4. 4,0 4,1 "12 de Outubro de 1916: 5 mortos e 31 feridos na primeira gran revolta agraria de Galicia". Historia de Galicia. 12/10/2017. Consultado o 27/3/2018. 
  5. "Vecinos vuelven a homenajear a los muertos de Nebra". El Correo Gallego (en castelán) (Grupo Correo Gallego). 12/10/2015. Arquivado dende o orixinal o 27/03/2018. Consultado o 27/03/2018. 
  6. Marco 2007, p. 83.
  7. Marco 2007, p. 417.
  8. Marco 2007, p. 457.
  9. Marco 2007, p. 71.
  10. Álbum Nós

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar