Luís (moeda)
Luís de Lois XIII (1601-1643) [1] | |
---|---|
Busto do monarca cara á dereita; data no exergo.
Lenda: LVD XIII D. G. - FR. ET. NAV. REX |
Cruz con coroas e flores de lis.
Lenda: CHRS. - .REGN. - .VINC. - .IMP. |
|
O luís ou luís de ouro (en francés: louis ou louis d'or) foi unha moeda francesa de ouro introducida en 1640 por Lois XIII (1601-1643) e que continuaron cuñando os seguintes reis francesas ata 1792, en tempos da Convención Nacional, cando foi substituída pola efémera moeda de 24 libras e, posteriormente, pola moeda de 20 francos, do mesmo valor, que comezou a coñecerse coa denominación de "napoleón".[2][3][4][5][6][7]
Historia
editarNacemento: Lois XIII (1601-1643)
editarEn 1640, Lois XIII, asesorado polo seu ministro de Finanzas Claude de Bullion (1569-1640), tomou a decisión de reformar o sistema monetario francés, co propósito de estabilizar a moeda, restaurar a confianza nela e poder combater en pé de igualdade coas moedas europeas máis existosas da época, sinaladamente a española de 2 escudos, coñecida como en Francia como doublon.[8][9]
Antes dese momento, a moeda de ouro circulante en Francia era o escudo (écu d'or). Os derradeiros escudos cuñados a nome de Lois XIII tiñan un peso de 3,375 gramos e o valor de cinco libras tornesas e 15 soldos, consonte o sistema vixente ata 1795: 1 libra = 20 soldos = 240 diñeiros (a libra contiña algo máis de 0,6 gramos de ouro puro).[10]
A creación do luís foi establecida pola declaración que tivo lugar en Saint-Germain-en-Laye o 31 de marzo de 1640.[11][12][13] O seu peso fixouse en 6,752 gramos, é dicir, o dobre que o anterior escudo, ou 11 libras e 10 soldos.[1]
A nivel contable, as grandes cantidades pasaron a expresarse tanto en luíses como en libras (por exemplo, un cadro comprado por 10 luíses en 1645 equivalía a 110 libras). Como unidade de conta, o luís non substituíu o antigo sistema, senón que o complementou e, sobre todo, desprendeuno dos vaivéns da cotización da libra, xa que o rei podía decidir variacións na relación entre ambas as unidades. Xa que logo, o louis d'or converteuse nunha moeda refuxio que se mantivo ata a época revolucionaria.[9]
Valores emitidos por Lois XIII
editarUnicamente en 1640 se emitiu a serie completa de múltiplos e submúltiplos do luís, todos eles deseñados por Jean Varin (1607-1672) e con tipoloxía case idéntica, coa diferenza das súas características métricas:[14]
- Medio luís: equivalente a 5 libras tornesas ou 100 soldos, cun diámetro de 20 mm e un peso de 2 diñeiros e 15 grans (3,376 g).[15][16]
- Luís: equivalente a 10 libras, cun diámetro de 25 mm e un peso de 5 diñeiros e 6 grans (6,752 g).[1]
- Dobre luís: equivalente a 20 libras, cun diámetro de 29 mm e un peso de 10 diñeiros e 12 grans (13,504 g).[17][18]
- 4 luíses: equivalente a 40 libras, cun diámetro de 35 mm e un peso de 27,004 g.[19]
- 8 luíses: equivalente a 80 libras, cun diámetro de 45 mm e un peso de 54,014 g.[20]
- 10 luíses: equivalente a 160 libras, cun diámetro de 46 mm e un peso de 67,518 g. Tratábase dunha peza de prestixio, non circulante, da que se cuñaron moi poucos exemplares. Un deles vendeuse en poxa pública en 2014 por 298.750 euros, o que a converte na moeda francesa máis cara do mercado numismático ata a data.[21][22]
Exemplos de luíses posteriores
editarLois XIV (1643-1715)
editarEste exemplar, cuñado en 1669, é coñecido como "luís dos oito L" (louis aux huit L), polo deseño do seu reverso:
- Anverso: cabeza laureada do rei cara á dereita, con lenda latina: LVD XIIII DG - FR ET NAV REX ("Lois XIV, rei de Francia e de Navarra pola graza de Deus").[23]
- Reverso: monograma en cruz formado por catro dobres L, con cadansúa coroa e separadas por flores de lis, coa marca de ceca (neste caso A = Monnaie de Paris) no interior dentro dun círculo. A lenda é: CHRS REGN VINC IMP ("Cristo reina, vence e manda").[23]
- Gravador: Jean Varin.[23]
- Outros tipos deste monarca: jeune à la mèche longue, à l'écu, vieux aux 4 L etc.
Lois XV (1715-1774)
editarEsta moeda, cuñada en 1726, responde ao modelo coñecido como "luís con anteollos" (louis aux lunettes):
- Anverso: busto do monarca cara á esquerda, con lenda latina: LVD XV DG - FR ET NAV REX ("Lois XV, rei de Francia e de Navarra pola graza de Deus").
- Reverso: escudos de armas de Francia e de Navarra ovalados e inclinados, cunha coroa na parte superior, e a marca de ceca (neste caso E = Tours) na parte inferior. A lenda é CHRS REGN VINC IMPER ("Cristo reina, vence e manda").
- Gravador: Norbert Roettiers (1666-1727).
- Outros tipos deste monarca: au soleil (1715), aux insignes (1716), de Noailles (1717), à la croix de Malte (1718-1719), aux deux L (1720-1723), mirliton (1723-1725), au buste habillé (1734), au bandeau (1769) e à la vieille tête (1771).
Lois XVI (1674-1793)
editarXurdido da reforma de 1785 decidida polo ministro de Finanzas Charles-Alexandre de Calonne (1734-1802), este tipo foi cuñado ata 1792.
- Anverso: busto real cara á esquerda. Lenda LUD.XVI. D. G. FR ET NAV. REX ("Lois XVI pola graza de Deus rei de Francia e de Navarra). Sinal do gravador baixo o busto.
- Reverso: escudos de Francia e de Navarra cunha coroa, coa marca de ceca (neste caso K = Bordeos) debaixo. Lenda CHRS REGN VINC IMPER ("Cristo reina, vence e manda") e data.
- Gravador: B. Duvivier (1730-1819).
- Outros tipos deste monarca: aux palmes (1774), au buste habillé (1774-1785) e à la corne (1786) na ceca de Estrasburgo).
Substitución polo napoleón de ouro
editarA finais de 1792, o luís co busto de Lois XVI, que daquela era de 24 libras e pesaba 7,649 g, foi substituído por outro caracterizado pola representación dun xenio, deseñado por Augustin Dupré, que levaba nas súas lendas alusións constitucionais e, sobre todo, a indicación do valor facial (o que non sucedía nas moedas do Antigo Réxime). Logo do cambio monetario, da decimalización e da emisión dos primeiros francos, viu a luz unha moeda de 20 francos de ouro co peso de 6,451 g co busto do primeiro cónsul, Napoleón Bonaparte, o futuro emperador. Esta moeda, de oro de 900 milésimas (xa que logo, 5,805 gramos de ouro puro) estivo vixente de 1801 a 1914 e para a designar xurdiu o termo "napoléon", en concorrencia co de "luís".[27][28][29]
No entanto, strictu senso, o termo luís aplícase unicamente ás moedas desta tipoloxía cuñadas en Francia entre 1640 e 1792, a nome dos monarcas Lois XIII, Lois XIV, Lois XV e Lois XVI.[3]
Evolución do valor e do peso
editarNesta gráfica amósase a evolución do valor legal do luís no período 1640-1785:[11]
Data | Pezas por marco | Peso | Valor en libras tornesas |
---|---|---|---|
1640 | 6,752 g | 11 ½ | |
1709 | 8,16 g | 19 (guerra) | |
1716 | 6,12 g | 29 (sistema de Law) | |
1718 | 9,79 g | 52 (desvalorización) | |
1723 | 6,53 g | 26 (reforma) | |
1726 | 8,16 g | 23 | |
1785 | 7,65 g | 24 (reforma) |
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 1,2 "1 Louis d'Or - Louis XIII". Numista.com
- ↑ Entrada "Luís" no DRAG, no Portal das palabras e en Digalego.
- ↑ 3,0 3,1 "Luis". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Páxina 111.
- ↑ "Louis d'Or". Frey, A. R. (1916). Páxina 138.
- ↑ "Louis, Luigi, Louises Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (19 15). Páxinas 253-255.
- ↑ "Louis d'or". Sacra-moneta.com
- ↑ "Louis d'or". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
- ↑ Déclaration du roy, portant que toutes les espèces d'or et d'argent de poids qui ont à présent cours, seront exposées en la manière accoustumée, comme aussi l'or et l'argent au marc ; le tout, suivant le dernier règlement du mois de septembre 1641, avec défenses d'y apporter aucune difficulté, sur les peines y mentionnées. Cramosy, París. 1643.
- ↑ 9,0 9,1 Valance, G. (1998). Histoire du franc, 1360-2002. Flammarion. Páxina 71. ISBN 978-2080814142
- ↑ "1 Écu d'Or - Louis XIII". Numista.com
- ↑ 11,0 11,1 Antonetti, G. (2001). "Du louis à l'assignat" [conferencia no Ministère de l'Économie et des Finances. 21 de novembro].
- ↑ Jambu, J. (2007). "Changer de système de compte ou de monnaie, à l'époque moderne et sous la Révolution (à travers l'exemple normand)". En Revue européenne des sciences sociales. Vol. 45. Nº 137. Páxinas 141-152.
- ↑ Salaün, G. (2016). "La création du louis d'or". En Monnaie magazine. Marzo. Páxinas 38-41. ISSN 1626-6145.
- ↑ Cuhaj, George S., ed. (2009). Páxinas 375-403.
- ↑ "Louis XIII le Juste. Demi-louis d'or". cgb.fr
- ↑ "½ Louis d'Or - Louis XIII". Numista.com
- ↑ "Louis XIII le Juste. Double louis d'or". cgb.fr
- ↑ "Double Louis d'Or - Louis XIII". Numista.com
- ↑ "Quatre Louis d'or - Louis XIII". Numista.com
- ↑ "Huit Louis d'or - Louis XIII". Numista.com
- ↑ "La plus grosse pièce d'or française". Sacra-moneta.com
- ↑ "Dix Louis d'or, col nu - Louis XIII". Numista.com
- ↑ 23,0 23,1 23,2 23,3 "Louis d'Or - Louis XIIII". Numista.com
- ↑ "1 Louis d'Or - Louis XV". Numista.com
- ↑ "2 Louis d'Or - Louis XVI". Numista.com
- ↑ "24 Livres". Numista.com
- ↑ "Louis d'or" e "Napoleon". En Münzen Lexikon. Reppa.de.
- ↑ "Napoleon". Frey, A. R. (1916). Páxina 158.
- ↑ "Napoleone, Napolione Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (19 15). Páxina 339.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Luís |
Bibliografía
editar- Alfaro Asins, C. et al. (2009). Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid. ISBN 978-84-8181-405-7
- Cuhaj, George S., ed. (2009). Standard Catalog of World Gold Coins 1601-Present (6ª ed.). Krause Publications. ISBN 978-1-4402-0424-1
- Frey, A. R. (1916). A dictionary of numismatic names; their official and popular designations. American Journal of Numismatics. Vol 50. Páxina 7.
- Friedberg, R. (1991). Gold Coins of the World. The Coin & Currency Institute. ISBN 9781852640583
- Martinori, E. (1915). La moneta. Vocabolario generale Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.. Roma. Istituto italiano di numismatica. Páxinas 4, 8.