Abrir o menú principal

Literatura inglesa medieval

Durante este período de tempo ten lugar en Inglaterra un importante acontecemento que cambiará a traxectoria do pobo inglés: Guillerme I de Inglaterra (o Conquistador), procedente de Francia, convértese no novo rei de Inglaterra a partir do século XI. Guillerme invadiu Inglaterra dende Normandía, levando á súa armada á vitoria na Batalla de Hastings en 1066. A conquista normanda de Inglaterra trae como consecuencia un punto e a parte na evolución da lingua do país, un parón na produción literaria do inglés e un período de desprestixio social e decadencia deste idioma. Ocasionou unha situación de diglosia na sociedade inglesa da época que contribuíu á separación das clases sociais: mentres o rei e a nobreza falaban francés, os membros da Igrexa empregaban o latín e a xente pertencente aos estamentos máis baixos da sociedade falaban "a vernácula" (inglés). A diglosia foi o factor que provocou o progresivo proceso de crioulización que o inglés sufriu co francés e en menor medida co latín dende a Idade Media. A palabras de orixe xermánica propias do anglosaxón orixinal tales coma o adxectivo "kingly" (monárquico) ou o verbo "to ask" (preguntar) foron incorporados sinónimos franceses coma "royal" e "to question" ou latinos coma "monarchical" e "to interrogate" respectivamente.

Durante a alta Idade Media houbo escasa produción literaria en inglés debido á súa negativa situación sociolingüística. Só a partir do século XIII é cando hai unha progresiva recuperación literaria do inglés que sería o preludio do xurdimento do nacionalismo inglés a partir do século XIV.

ProsaEditar

A grande obra en prosa do medievo inglés é o Domesday Book. É unha das primeiras obras escritas na Idade Media inglesa. Trátase dunha escolma de todas as posesións que o novo rei, Guillerme I, tiña en Inglaterra. Data do século XI e foi encargado polo propio Guillerme I o Conquistador. É un libro comparable e contrastable á Crónica Anglosaxoa do período literario anterior.

LíricaEditar

A poesía que se compón na Inglaterra medieval pódese dividir en dous grandes bloques: a poesía anterior ao século XIV e a posterior. Na Inglaterra do século XIV ten lugar o xurdimento do nacionalismo inglés como movemento cultural e social que rexeita, particularmente na literatura, os patróns de composición poética que veñen dende Francia e aposta pola revitalización da poesía aliterativa tradicional anglosaxoa.

Antes do xurdimento deste nacionalismo cultural que se desenvolveu ao longo do século XIV, en Inglaterra, atópase unha actitude de imitación á lírica francesa que se estaba a desenvolver na Francia da época. Esta práctica é común no medievo inglés. A orixinalidade non é importante. Prácticas como a imitación, a alusión e a tradución son moi habituais.

Os poemas compostos agrúpanse en tres "tradicións" diferentes:

  • 1º Aqueles que pertencen á "tradición popular": Tratan temas que teñan relación coa vida cotiá co propósito de entreter á xente. A relación entre dous amantes tende a ser un tema recorrente. Hoxe se conservan en manuscritos e escolmas literarias coma os "Harley Lyrics".
  • 2º Aqueles que pertencen á "tradición clerical": Feitas co propósito de proclamar a doutrina cristiá. Moitas delas son copias de pasaxes tiradas da Biblia ou diálogos entre figuras relixiosas.
  • 3º Aqueles que pertencen á "tradición do amor cortés" (Courtly Love Tradition): Esta tradición comezou na Provenza francesa. As composicións dos trobadores eran reclamadas por mulleres pertencentes ás clases altas xa que este tipo de literatura resalta as virtudes da muller. Leonor de Aquitania e a súa filla Marie eran especialmente afeccionadas a este tipo de poesía. Estaban moi satisfeitas coa prominencia e idealización da muller.

Trátanse de composicións curtas, cunha estrutura repetitiva e un estilo simple. Os poetas acostumaban a contar as sílabas, son composicións con rima e a estrofa adoita a estar moi elaborada. Este peculiar patrón fainas doadas de lembrar.