O Domesday Book (ou simplemente Domesday), que se podería traducir por Libro do Día do Xuízo Final, é o rexistro dun catastro de Inglaterra que se terminou no ano 1086, equivalente a un censo nacional actual da riqueza. Foi realizado por mandato do rei Guillerme o Conquistador (1066 - 1087).

O Domesday Book, debuxo de William Andrews, 1900

Porén, o libro carece de rexistros de Londres, Winchester e outras cidades. A omisión de importantes cidades debeuse, probabelmente, á complexidade que requiriría tal labor.

Intención

editar

Guillerme o Conquistador precisaba do mellor coñecemento posíbel sobre un país que acabara de conquistar en 1066, e que agora debía administrar. Mentres pasaba o Nadal en Gloucester, en 1085, o monarca «tendo platicado longamente cos seus conselleiros, enviou homes por toda Inglaterra...a fin de descubrir...o que ou canto posuía cada propietario predial en terras ou en gando, e canto valía" (Crónica Anglosaxoa). Un dos obxectivos era saber o que posuía cada quen a fin de podelo someter a tributación.

Rexistro irrevogábel

editar

A decisión que tomase cada axente era definitiva: todo o que se anotase no libro sobre o propietario, era lei e non podía ser apelado. Redactouse en latín, aínda que foron incluídas palabras na lingua vernácula que carecían de adecuada tradución ao latín ou ben por interferencia idiomática. Por outra banda, o texto está abreviado de xeito extremo.

Razón do seu título

editar

A designación do libro como Domesday, no inglés medieval do século XI (que equivale a actual de Doomsday), enfatizaba o carácter definitivo e a autoridade que tiñan os seus rexistros, en analoxía coa crenza cristiá no día do Xuízo Final e o carácter irrevogábel das súas sentenzas.

Custodia e edición

editar

O libro foi gardado en orixe co tesouro real en Winchester (a capital dos reis normandos). Cando se transferiu o tesouro para Westminster (quizais so o rei Henrique II o libro foi con el), e sería custodiado desde 1696 na Casa do Cabido, de onde saía en ocasións moi especiais. Permaneceu aí até a época da raíña Vitoria, cando foi colocado na Oficina do Rexistro Público en Londres, onde pode ser visto dentro dunha caixa de vidro no museo. En 1869 colocóuselle unha encadernación nova, conservándose o antigo cofre que o gardaba no mesmo lugar.

Foi impreso, por encargo do goberno inglés, iniciándose o labor en 1773, publicándose en dous volumes en 1783; en 1811 engadiuse un volume máis co índice.

Edición actual

editar

En agosto de 2006, os Arquivos nacionais ingleses puxeron a disposición pública unha versión do Domesday Book en liña e en inglés.