Percebe da madeira

crustáceo
(Redirección desde «Lepas anatifera»)
Percebe da madeira
Lepas anatifera

Percebes da madeira
na praia de Ponzos (Ferrol)
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Maxillopoda
Subclase: Thecostraca
Infraclase: Cirripedia
Orde: Pedunculata
Familia: Lepadidae
Xénero: Lepas
Especie: L. anatifera
Nome binomial
Lepas anatifera
Linnaeus, 1758
Sinonimia
Véxase o texto

O percebe da madeira,[1] ou falso percebe,[2] Lepas anatifera, Linnaeus 1758, é unha especie de crustáceo cirrípede da orde dos pedunculados e familia dos lepádidos,[3] unha das catorce integrantes do xénero Lepas.[4]

Percebes da madeira pegados a unha botella na praia do Dique de Porto do Son.
Percebes da madeira na praia de Baldaio, Carballo.

Este percebe, non comestíbel, encóntrase, a miúdo en grandes cantidades, unido polo seu pedúnculo flexíbel a madeiras flotantes, cascos de barcos, peiraos, pilotes, algas e varios tipos de restos flotantes, como botellas.[5]

Taxonomía

editar

Descrición

editar

A especie foi descrita en 1758 por Linneo na páxina 669 do tomo 1º do seu Systema Naturae.[6]

Sinónimo

editar

Ademais de polo nome que lle impuxo Linneo (protónimo), a especie coñécese tamén polo sinónimo:[6]

  • Lepas (Anatifa) anatifera Linnaeus, 1758

Morfoloxía

editar

No estadio final do seu desenvolvemento o corpo, capítulo ou cabeza (capitulum) de 4 a 5 cm de lonxitude formado, xeralmente, por cinco placas calcarias lisas, finas (case translúcidas), de cor branca con tons azulados, bordeadas de escarlata, separadas por un tegumento negro, que amosan liñas de crecemento paralelas ás marxes e unhas poucas liñas con esculturas radiais tenues. O capítulo está sostido por un longo pedúnculo, moito máis fino e menos musculado que o do percebe común, de até 10–20 cm de lonxitude (pero que nalgúns casos pode chegar aos 85) e de cor parda ou marrón escura, agrisada.[7][8][2]

Dentro do capítulo, este percebe ten a verdadeira cabeza, o tórax e un abdome vestixial. Un número de cirros, filamentosos, ou tentáculos, de cor marrón, empregados para a alimentación proxéctanse entre as placas. O capítulo pode crecer até unha lonxitude de 5 cm.[8]

Hábitat e distribución

editar

Hábitat

editar

Como o común, o percebe da madeira é un organismo sésil pero non se fixa sobre rochas senón sobre obxectos flotantes (madeiras, boias, cortizas, botellas etc.).[9]

E como nel, o pedúculo fórmase a partir das antenas da forma larvaria, mentres que as patas convértense en cirros que filtran a auga e conducen periodicamente o plancto cara ao animal.

Distribución

editar

Lepas anatifera ten unha área de distribución cosmopolita, encontrándose en mares tropicais e subtropicais de todo o mundo. Debido a que a miúdo está unido a obxectos transportados a mares máis fríos por correntes, como a deriva do Atlántico Norte, a miúdo encóntrase moi lonxe do seu lugar de orixe, e en augas demasiado frías para reproducirse. Desta forma rexistrouse a súa presenza en Europa desde Noruega, Islandia e as Illas Shetland, as Feroe, e Spitsbergen.[8]

É abundante no Atlántico. Non é obxecto de recolección nin aproveitamento porque non é comestible.[9]

Bioloxía

editar

O percebe da madeira é hermafrodita e comenza a reproducirse cando mide aproximadamente 2,5 cm de lonxitude. A fecundación é interna, e ovos incúbanse dentro do manto durante unha semana antes de emerxer como larvas nauplio de natación libre. Despois do seu crecemento, navegando á deriva como parte do plancto, aséntanse en obxectos flotantes.[5]

Sábese desde hai tempo que Lepas anatifera habita sobre tartarugas mariñas, pero en 2008 encontráronse algúns pequenos espécimes unidos a un crocodilo americano (Crocodylus acutus) na costa mexicana do Pacífico. Esta especie de crocodilo habita principalmente mangleiarais e estuarios de ríos, pero é tolerante ao sal e, ás veces, encóntrase en ambientes mariños. Neste caso, o tamaño dos percebes indica que o crocodilo debeu estar no mar durante polo menos unha semana. Esta foi a primeira vez que Lepas anatifera rexistrouse como un epibionte dun crocodilo.[10]

Nomes galegos

editar

Segundo Ríos Panisse os nomes co que se coñece esta especie en Galicia son:[11]

  • percebe da madeira (o máis usado)
  • percebe de pau
  • percebe da boia
  • percebe da percha
  • percebe flotante
  1. Lahuerta e Vázquez 2000, p. 241.
  2. 2,0 2,1 Ramonell 1985, pp. 186-187.
  3. Lepas anatifera Linnaeus, 1758 no ITIS.
  4. Lepas Linnaeus, 1758 no WoRMS.
  5. 5,0 5,1 Lepas anatifera Linnaeus, 1758 Arquivado 18-10-2007 en Wayback Machine. WallaWalla. Consultado o 11 de marzo de 2020.
  6. 6,0 6,1 Lepas (Anatifa) anatifera Linnaeus, 1758 no WoRMS].
  7. Steven Weinberg (2005): Découvrir la mer Rouge et l'océan Indien. París: Nathan. ISBN 2-09-278035-2, p. 283.
  8. 8,0 8,1 8,2 Lepas anatifera Arquivado 31 de marzo de 2019 en Wayback Machine. Marine Species Identification Portal. Consultado o 11 de marzo de 2020.
  9. 9,0 9,1 Ramonell 1985, p. 187.
  10. Fabio Germán Cupul-Magaña; Armando Rubio-Delgado; Armando H. Escobedo-Galván; Carolina Reyes-Núñez (2011). "First report of the marine barnacles Lepas anatifera and Chelonibia testudinaria as epibionts on American crocodile (Crocodylus acutus)" (PDF). Herpetology Notes 4: 213–214. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de xullo de 2020. Consultado o 11 de marzo de 2020. 
  11. Ríos Panisse 1977, p. 55.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar