Incubación dos ovos

A incubación, ou de xeito máis informal chocado dos ovos, é o proceso utilizado polos animais que poñen ovos (ovíparos) para chocalos, xeralmente sentando sobre eles. Tamén se chama incubación o desenvolvemento do embrión dentro do ovo. A incubación pode ter lugar pola temperatura ambiental ou pola temperatura do corpo dos proxenitores (ás veces a nai, outras veces nai e pai); isto último é característico esencialmente das aves, e este comportamento en moitas razas de aves de curral foi potenciado e seleccionado por cruzamento selectivo para incrementar a produción.[1] En moitas especies de réptiles a temperatura de incubación determina o sexo das crías. Nas aves, ao contrario, o xénero das crías está determinado xeneticamente. En moitas especies cómpre unha temperatura determinada constante para que teña éxito a incubación.[1]

Unha femia de pato incubando os seus ovos

Incubación das aves

editar

Entre as aves hai unha gran variedade de hábitos de incubación. Como as aves son especies de sangue quente, a súa calor corporal para chocar os ovos ten unha temperatura constante, aínda que varios grupos, como os megápodos, utilizan a calor xerada pola descomposición do material vexetal dos seus niños, que son unha especie de morea xigante de compost. Ademais o Dromas ardeola utiliza parcialmente a calor do sol para a incubación.[2] As Pterocles namaqua dos desertos do sur de África, necesitan manter os seus ovos frescos durante o período do día de máis intensa calor, polo que se poñen de pé ante o niño para darlles sombra. A humidade é tamén crítica, porque se o aire é moi seco o ovo perderá moita auga, o que fará difícil ou imposible que o ovo chegue a eclosionar. A medida que avanza a incubación, os ovos normalmente se fan máis lixeiros, e o espazo con aire do seu interior normalmente se fai maior, debido á evaporación que tivo lugar no ovo. Nos sitios moi fríos os ovos pódense conxelar, polo que os pingüíns os manteñen nun repregamento da barriga entre as súas patas, e os patos éider forran o piso do seu niño con penuxe e non os deixan moito tempo sen estar sentados sobre eles.

Nas especies que incuban, o traballo repártese de forma diferente entre os sexos. Posiblemente o padrón máis común é que a femia realice a maior parte da incubación, como, por exemplo, no canario doméstico e no paxaro Copsychus fulicatus, ou que realice a maior parte da incubación, como nos falcóns. Nalgunhas especies como a grúa Grus americana, o macho e a femia fan quendas para chocar os ovos. Noutras, como os casuarios, só incuba o macho. O macho da píllara Charadrius montanus é o que incuba a primeira posta da femia, pero se esta fai unha segunda posta, é ela a que a incuba. No hoatzín, algúns individuos novos, xeralmene machos, axudan aos seus pais a incubar as seguintes postas.

O período de incubación é o tempo desde que empeza unha incubación ininterrompida ata a emerxencia das crías, e varía de 11 días (nalgúns pequenos Passeriformes como os cucos Coccyzus) ata 85 días (no albatros e o kiwi). Nestes últimos, a incubación é interrompida; o maior período ininterrompido é de 64 a 67 días no pingüín emperador. En xeral as aves máis pequenas tenden a eclosionar antes, pero hai excepcións, e as aves que aniñan en cavidades adoitan ter períodos de incubación máis longos. Pode ser un proceso moi esixente enerxeticamente; por exemplo, os albatros adultos perden uns 83 g do seu peso corporal ao día.[3] Os ovos do megápodo tardan en eclosionar de 49 a 90 días dependendo da temperatura ambiental e a da morea onde pon os ovos. Incluso noutras aves a temperatura ambiente pode levar á variación no período de incubación.[4] Normalmente, por suposto, os ovos das aves son incubados fóra do corpo, pero rexistrouse un raro caso (anómalo) no que un ovo se incubou enteiramente dentro do corpo dunha galiña, e o pitiño saíu da nai sen cuncha, producindo lesións internas na nai que levaron á morte desta.[5]

O desenvolvemento do embrión permanece suspendido ata que comeza a incubación. Os ovos acabados de poñer de aves de curral domésticas, da avestruz e doutras especies poden ser almacenados unhas dúas semanas cando se manteñen por debaixo de 5 °C. Observáronse períodos máis prolongados de suspensión nalgunhas aves mariñas.[6] Algunhas especies empezan a incubación co primeiro ovo, facendo que as crías eclosionen en distintos momentos; outras empezan a incubar unha vez que poñen o segundo ovo, polo que o terceiro polo será máis pequeno e máis vulnerable ante a escaseza de comida ou a loita cos irmáns. Algunhas empezan a incubar despois de posto o terceiro ovo, polo que as crías eclosionan simultaneamente.[7]

Períodos de incubación dalgunhas aves:

Ave Período de incubación (días)
Galiña 21
Pato 28, en Cairina moschata 35
Canario 13
Ganso 28-33
Avestruz 42
Faisán 24-26
Pomba 16-19
Paspallás 16–18
Colín 23-24
Cisne 35
Pavo 28
Arara 26

Incubación dos mamíferos

editar

Os únicos mamíferos ovíparos son os ornitorrincos e os equidnas de Australasia. O mellor exemplo é o ornitorrinco, cuxos ovos inician o seu desenvolvemento no útero durante uns 28 días, despois poñen o ovo e incúbano no exterior durante 10 días máis (en contraste cun ovo de galiña, que só pasa 1 día no tracto xenital seguido doutros 21 días de incubación externa).[8] Despois de poñer os ovos, a femia enróscase aredor deles. O período de incubación divídese en tres fases. Na primeira fase, o embrión non ten órganos funcionais e depende do saco vitelino para sustentarse. A xema absórbese a medida que se desenvolve a cría.[9] Durante a segunda fase, desenvólvense os dedos. Na última fase, aparece o dente do ovo.[10]

Incubación dos réptiles

editar

Entre os réptiles os métodos de incubación varían moito. A maioría dependen para a incubación da temperatura ambiental ou do seu niño, pero uns poucos quentan os ovos co seu corpo.

Varias especies de tartarugas mariñas enterran os ovos na area das praias, que lles dá protección e unha temperatura constante para o niño.

Algunhas serpes poden poñer ovos en buratos comunais, onde un gran número de adultos manteñen os ovos quentes. Algunhas pitóns sitúanse sobre os ovos para darlles calor, gastando moita enerxía en manter quente o seu corpo. A cobra real (Ophiophagus hannah) incuba en niños con forma de morea de follas parecidos aos dalgúns crocodilianos.

Os crocodilianos poñen os ovos en niños con forma de moreas de vexetación en descomposición e terra ou póñenos en buratos que escavan no chan.

Incubación noutros vertebrados

editar

Os peixes xeralmente non incuban os ovos, pero algunhas especies os coidan e oxixenan continuamente. Algunhas especies gardan os ovos na boca (sen comelos) ata que se desenvolven e eclosionan. O cabaliño de mar macho incuba os ovos nunha bolsa especial onde a femia lle pon os ovos.

Os anfibios xeralmente soltan os ovos na auga sen incubalos, pero algunhas especies si o fan. A femia da píntega Ensatina eschscholtzii enróscase sobre a súa posta de ovos e dálle masaxes aos ovos coa súa gorxa pulsante.[11] Algunhas ras acuáticas como o sapo de Suriname (Pipa pipa) teñen bolsas na pel do seu dorso nas cales se insiren os ovos. Outras ras tropicais da familia Hemiphractidae tamén teñen bolsas para o desenvolvemento dos ovos, nalgunhas especies desenvólvense directamente ata ras xuvenís e noutras ata a fase de cágados, que son depositados en pequenos corpos de auga para continuaren alí o seu desenvolvemento.[12] O macho da ra de Darwin leva os ovos arredor da súa boca ata a metamorfose, e unha ra australiana (Rheobatrachus silus) xa extinta que incubaba no estómago tragaba os ovos, que se desenvolven no seu estómago.[13] O sapo parteiro común macho leva os ovos que puxo a femia entre as súas patas durante un mes e despois sóltaos na auga para que saian as larvas.

Incubación nos invertebrados

editar

Algúns invertebrados incuban os ovos fertilizados cando os reteñen no seu interior, xeralmente no corpo da femia. Isto ocorre nalgúns cnidarios (anemones de mar e corais), uns poucos moluscos como os quitóns, algúns gasterópodos, algúns cefalópodos, algúns bivalvos, moitos artrópodos, algúns endoproctos, algúns braquiópodos, algúns briozoos, e algunhas estrelas de mar.[14]

  1. 1,0 1,1 Ekarius, Carol (2007). Storey's Illustrated Guide to Poultry Breeds. 210 MAS MoCA Way, North Adams MA 01247: Storey Publishing. ISBN 978-1-58017-667-5. 
  2. De Marchi, G., Chiozzi, G., Fasola, M. 2008 Solar incubation cuts down parental care in a burrow nesting tropical shorebird, the crab plover Dromas ardeola. Journal of Avian Biology 39 (5):484–486
  3. Warham, J. (1990) The Petrels - Their Ecology and Breeding Systems London:Academic Press.
  4. Pettingill, OS Jr. Ornithology in Laboratory and field (4 ed.). Burgess Publishing Company. pp. 357–360. 
  5. "'Eggless' chick laid by hen in Sri Lanka". BBC News Online. 2012-04-19. Consultado o 2012-04-28. 
  6. Divoky, G.J.; Harter, B.B. (2010). "Supernormal delay in hatching, embryo cold tolerance, and egg-fostering in the Black Guillemot Cepphus grylle" (PDF). Marine Ornithology 38: 7–10. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 21 de marzo de 2012. Consultado o 11 de agosto de 2017. 
  7. Wiebe, KL; Wiehn J; E Korpimaki (1998). "The onset of incubation in birds: can females control hatching patterns?" (PDF). Anim. Behav. 55: 1043–1052. doi:10.1006/anbe.1997.0660. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de xullo de 2011. Consultado o 11 de agosto de 2017. 
  8. Erica Cromer (2004-04-14). "Monotreme Reproductive Biology and Behavior". Iowa State University. Arquivado dende o orixinal o 13 de marzo de 2009. Consultado o 2009-06-18. 
  9. "Ockhams Razor". The Puzzling Platypus. Arquivado dende o orixinal o 04 de abril de 2005. Consultado o 2006-12-02. 
  10. Paul R. Manger; Leslie S. Hall; John D. Pettigrew (1998-07-29). "The development of the external features of the platypus (Ornithorhynchus anatinus)". Philosophical Transactions: Biological Sciences (The Royal Society) 353 (1372): 1115–1125. PMC 1692310. PMID 9720109. doi:10.1098/rstb.1998.0270. 
  11. Stebbins, Robert C.; Cohen, Nathan W. (1995). A Natural History of Amphibians. Princeton University Press. p. 196. ISBN 978-0-691-03281-8. 
  12. Stebbins, Robert C.; Cohen, Nathan W. (1995). A Natural History of Amphibians. Princeton University Press. p. 200. ISBN 978-0-691-03281-8. 
  13. Stebbins, Robert C.; Cohen, Nathan W. (1995). A Natural History of Amphibians. Princeton University Press. pp. 202–204. ISBN 978-0-691-03281-8. 
  14. Ruppert, Edward E.; Fox, Richard, S.; Barnes, Robert D. (2004). Invertebrate Zoology, 7th edition. Cengage Learning. pp. 62, 123, 297, 337, 364, 398, 811, 828, 887. ISBN 978-81-315-0104-7. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar