Khublai Khan
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Khublai Khan, nado o 23 de setembro de 1215 e finado en Cambalique o 18 de febreiro de 1294, foi un emperador mongol, fundador da dinastía Yuan. Foi o segundo fillo do emperador mongol Tolui e neto de Xenxis Khan. Sucedeu o seu irmán Mongke nun xa fragmentado Imperio Mongol.
Ascenso ao poder
editarAdmirador da cultura chinesa, nos seus primeiros anos de actividade política foi gobernador dos territorios surorientais do imperio mongol. O seu bo goberno concitoulle a adhesión dos señores da guerra chineses.
En 1253 atacou Yunnan e destruíu o reino de Dali. Mongke púxoo á fronte do exército do Leste.
En 1258, cando atacaba Wuhan, recibiu a noticia de que Möngke falecera; ao principio continuou coas operacións bélicas pero, cando soubo que o seu irmán máis novo Arik Boke convocara un kurultai na capital imperial do Karakorum para proclamarse Gran Khan, retornou a Mongolia. Reuniu un kurultai paralelo que o proclamou a el Gran Khan e desatou hostilidades contra Arik Boke, o que tivo como resultado a destrución do Karakorum e o seu recoñecemento como o único líder dos mongois, incluído o prestixioso caudillo Hulagu Khan que tamén se opuxera a Arik Boke.
Aproveitando a guerra civil, a etnia han rebelouse pero foi esmagada por Khublai, que sempre gardaría unha gran desconfianza ante os cabaleiros Han.
Goberno e conquistas
editarDono do poder, o seu control efectivo abranguía Mongolia, Tartaria, Tíbet e a práctica totalidade da China onde fundou a dinastía Yuan.
Procurou limitar o poder dos señores feudais nomeando 12 gobernadores provinciais, 8 dos cales eran de relixión islámica e centralizando as funcións imperiais en Dadu, actual Beijing. A súa residencia de verán estableceuna en Xanadú.
En 1279, tras seis anos de guerra, rematou co que quedaba da dinastía Song, completando a conquista da gran China.
Considerouse a si mesmo un novo emperador chinés, un auténtico Fillo do Ceo, sucesor natural das anteriores 22 dinastías, levando unha fastuosa vida palaciana.
Promoveu o crecemento económico e comercial (papel moeda), favoreceu as letras, realizou grandes obras públicas, como a Gran Canle e estradas que comunicaban os seus vastos dominios, plantou milleiros de árbores ao longo das rotas dos mercadores, viaxeiros e correos imperiais. O seu intento de conciliar as tradicións mongois coa cultura chinesa tiveron resultados desiguais, en especial polas exencións fiscais de que gozaban os mongois. Fixo gala de tolerancia relixiosa (budismo, confucianismo, islam,cristianismo na súa vertente de nestorianismo) e recibiu a cristiáns latinos como o comerciante Marco Polo. Unha excepción foi o taoísmo.
Os seus dous intentos por conquistar Xapón, en 1274 e 1281, comportaron a construción dunhas frotas colosais pero mal preparadas, que se afundiron no océano, vítimas da improvisación e as treboadas. Esta foi a primeira gran derrota dos exércitos mongois en Oriente.
Os seus avances cara ao sur tamén fracasaron en Vietnam; o seu dominio sobre Indochina e Indonesia foi superficial.
Final
editarVítima da doenza da gota, Kublai foi o primeiro Gran Khan de vida esencialmente sedentaria. Tivo catro esposas oficiais que lle deron 22 fillos, pero a morte da súa muller favorita e do seu herdeiro sumiuno nunha depresión que apurou o final dos seus días.