Juan Sorga

guerrilleiro antifranquista galego
(Redirección desde «Juan Sorga Rodríguez»)

Juan Sorga Rodríguez, nado en Cortegada (Sarreaus) en 1921 e finado en París en 2009, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Infotaula de personaJuan Sorga
Biografía
Nacemento1921 Editar o valor em Wikidata
Cortegada, España Editar o valor em Wikidata
Morte2009 Editar o valor em Wikidata (87/88 anos)
París, Francia Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónmembro da resistencia Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
ConflitoGuerra civil española Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Fillo de solteira de Antonia Sorga. Traballaba na sega en Madrid cando aconteceu a golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Foi recrutado polo exército republicano, integrouse no servizo de información e ascendeu a tenente na batalla de Madrid. Coa derrota da República pasou a Francia onde foi internado no campo de concentración de Sepfonds e despois no de Argelès-sur-Mer. Foi deportado a España polas autoridades francesas o 5 de agosto de 1940. Regresou a Galicia onde casou.

Incorporouse á guerrilla en 1947, sendo responsable dun destacamento da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. Gravemente enfermo dos ollos, foi curado nesta época polo doutor Luís Conde. Foi detido o 13 de xullo de 1948 na ponte romana de Ourense portando unha misiva da guerrilla. Trasladado a Pazos ao día seguinte diante da taberna do seu padrasto Honorio Campos da aviso aos guerrilleiros alí agochados que comezan a disparar sobre a garda civil. Juan conseguiu zafarse e fuxir cos seus compañeiros. A súa nai e Honorio foron detidos. Juan agochouse na casa do seu tío Delfín Sorga en Cortegada. O seu curmán Ismael Sorga Losada e varios veciños foron detidos e Ismael asasinado pola garda civil.[1][2] Marchou á Edreira con varios compañeiros. Foi responsable dun grupo voante no que estaban Camilo de Dios Fernández, Manuel Nóvoa Barreiros, Antonio Pérez Barreiros e José María Saavedra Díaz. O grupo marchou a Ourense o 8 de marzo de 1949 integrado por Manuel Rodríguez González, Manuel Nóvoa, Antonio Pérez, José María Saavedra e Camilo de Dios. Localizados pola garda civil na Casa das Mercedes o 18 de marzo, José María Saavedra e Antonio Pérez resultaron gravemente feridos e foron capturados, Manuel Nóvoa suicidouse e Camilo de Dios Fernández foi ferido e capturado, Manuel Rodríguez e Juan Sorga lograron fuxir.

Cando se desfixo o grupo da Edreira, Juan e o que quedaba do seu grupo, Manuel Rodríguez González, Perfecto de Dios Fernández e a súa nai Carmen Fernández Seguín tentaron chegar a Francia. Primeiro a través de Portugal, e logo de vivir uns meses agochados no país, volveron. Fixeron un novo intento vía Madrid. Na viaxe foron sorprendidos pola Garda Civil en Chaherrero (Crespos, provincia de Ávila) o 16 de maio 1950, resultando morto Perfecto de Dios e detida a súa nai Carmen Fernández Seguín. Juan Sorga e o seu compañeiro Manuel Rodríguez González lograron fuxir e chegaron a Madrid. Cando o 26 de maio viaxaban no tren correo Madrid-Zaragoza, logrou agocharse para fuxir do acoso da Garda civil mentres o seu compañeiro Manuel Rodríguez foi detido. Juan ocultouse debaixo dun vagón e chegou a Zaragoza. Volveu a Madrid, onde grazas a rede de apoio aos republicanos fuxidos conseguiu unha nova identidade, pasando a ser Manuel Iglesias Méndez, e comezou a traballar nun laboratorio. Alí coñeceu a Francisca Muñoz Muñiz con quen comezou unha relación.

A finais dos anos cincoenta trasladouse con Francisca Muñoz a París onde casaron. Juan traballou como fontaneiro na construción. A finais dos anos setenta mercaron un apartamento en Oliva onde estiveron nas vacacións de verán durante moitos anos. Juan finou en Paris en 2009 e Francisca en 2023.[3]

A súa muller Ángela Sampedro foi detida varias veces e xulgada nas causas 138/49 e 185/49, foi condenada a dous anos de cadea. Recibiu malleiras e sufriu abusos sexuais cando estivo no cárcere de Sandiás.

Vida persoal editar

A súa primeira muller, filla de Honorio Campos, morreu no parto do seu fillo Delfín en 1944. Casou novamente en Pazos con Ángela Sampedro Piñeiro e foi pai de Juan Sorga Sampedro, nacido en 1948.[4]

Notas editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Martínez Cerredelo, Edelmiro (2008). A Limia: 1931-1953. Historia e memoria. Sarreaus: Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso". pp. 327–333 e 361–364. ISBN 978-84-612-6855-9. 
  • Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. pp. 130–131. ISBN 84-8485-231-8. 

Ligazóns externas editar