José María Saavedra Díaz

guerrilleiro antifranquista galego

José María Saavedra Díaz, coñecido como Pepe, nado en Ferrol cara a 1912 e finado na Coruña o 23 de xullo de 1949, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

José María Saavedra Díaz
Nacemento1912
Lugar de nacementoFerrol
Falecemento23 de xullo de 1949
Lugar de falecementoA Coruña
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmembro da resistencia
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Veciño de Sillobre (Fene). Afiliado ao PSOE. Enlace da guerrilla. Botouse ao monte en maio de 1947 ante o temor a ser detido. Marchou a Ourense e desde novembro de 1947 foi responsable con Raúl Castro Cao dun destacamento da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia controlado por Samuel Mayo Méndez, activo no val do Miño. O destacamento foi o responsable de varios asaltos e das mortes dos veciños de Piñor, Montero Cid, falanxista, e Emilio Padrón Cuíñas (o 23 de agosto de 1948); do alcalde de Coles José López Quiroga; e do veciño de Piuca Severo Rubín Pérez. O 18 de marzo de 1949 formaba parte do grupo de seis guerrilleiros localizados pola Garda Civil nunha casa que utilizaban como refuxio preto de Ourense. Nun primeiro asalto os guerrilleiros lograron repeler o ataque e mataron o capitán Francisco Piñel Estévez e ao garda José Rouco Vila, o guerrilleiro Antón López tamén resultou morto. A situación fíxose insostible e José María Saavedra, Antonio Pérez Barreiros e outro guerrilleiro intentaron romper o cerco. José María Saavedra e Antonio Pérez resultaron gravemente feridos e foron capturados, o terceiro home logrou escapar. Na casa permaneceron dous guerrilleiros que continuaron resistindo e a Garda Civil decidiu poñerlle lume á casa. No edificio en chamas, Manuel Novoa suicidouse mentres o seu compañeiro Camilo de Dios Fernández foi ferido e capturado. Xulgado en consello de guerra na Coruña o 18 de xuño de 1940,[1][2] foi condenado a morte e excutado con garrote vil o 23 de xullo de 1949. O seu compañeiro Antonio Pérez Barreiro tamén foi condenado a morte noutro consello de guerra celebrado na Coruña o 27 de agosto de 1949 e Camilo de Dios foi condenado a 30 anos de prisión.

NotasEditar

  1. La Voz de Galicia, 19-6-1940, p. 2.
  2. El Correo Gallego, 19-6-1949, p. 2.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. p. 125. ISBN 84-8485-231-8. 

Ligazóns externasEditar