Camilo de Dios Fernández
Camilo de Dios Fernández, nado en Sandiás en 1933 e finado ibídem o 17 de decembro de 2019, foi un guerrilleiro antifranquista, sindicalista e político galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1933 Sandiás, España |
Morte | 17 de decembro de 2019 (85/86 anos) Sandiás, España |
Actividade | |
Ocupación | maquis, sindicalista, político |
Familia | |
Irmáns | Perfecto de Dios Fernández |
Traxectoria
editarA súa nai Carmen Fernández Seguín actuaba de enlace para a oposición antifranquista logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 contra o goberno da II República, o seu pai estivo fuxido no monte, e o propio Camilo comezou a actuar tamén de enlace aos 13 anos. En 1948 incorporouse á loita armada contra o réxime no seo da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia, participou no ataque á fábrica de armas da Coruña. En xullo de 1948 formou nun grupo ao mando de Juan Sorga que intentou liberar os líderes guerrilleiros condenados á morte que agardaban na cadea coruñesa, mais a captura de dous enlaces levou ao fracaso da operación. O 18 de marzo de 1949 foi ferido nun enfrontamento coa Garda civil en Ourense, no que morreron o capitán da Garda Civil Francisco Piñel Estévez e o garda José Rouco Vila; detido e condenado a morte con Antonio Pérez Barreiros nun consello de guerra que se celebrou na Coruña en agosto,[1] as autoridades conmutáronlle a pena pola de 30 anos pola súa pouca idade. Pasou a maior parte da súa condena en El Dueso e en 1959 foi liberado. Nos anos sesenta participou na organización das Comisións Campesiñas na comarca da Limia e na reorganización do PCE na provincia de Ourense. Foi detido en abril de 1971 acusado de propaganda ilegal e de pertencer a Comisións Obreiras xunto con Carlos Barros Guimeráns, Manuel Peña-Rey Bouzas, Augusto Valencia Teijeiro, Antonio Estévez García, Rafael Blanco Pérez, Miguel Domínguez Vaz, Sergio Sandoval Bahamonde, Antonio Pérez Barreiros e Norberto Salgado Lorenzo.[2] Logo da transición foi concelleiro en Sandiás e Xinzo de Limia.
O seu testemuño aparece nos documentais A cidade da selva de Pilar Faxil e Helena Villares, Bandoleiros ou guerrilleiros de José Sanmartín e Alfredo García Pinal e en Camilo: o último guerrilleiro de Galicia.
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Máiz, Bernardo (1988). Galicia na II República e baixo o franquismo. Vigo: Xerais.
- Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. p. 56. ISBN 84-8485-231-8.
Ligazóns externas
editar- Camilo De Dios
- Mariño, Henrique (15 de xuño de 2017). "Camarada Camilo, guerrillero antifranquista". Público (en castelán). Consultado o 15 de xuño de 2017.