Juan Sorga
Juan Sorga Rodríguez, nado en Cortegada (Sarreaus) en 1921 e finado en París en 2009, foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1921 ![]() Cortegada, España ![]() |
Morte | 2009 ![]() París, Francia ![]() |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España ![]() |
Actividade | |
Ocupación | membro da resistencia ![]() |
Lingua | Lingua castelá ![]() |
Carreira militar | |
Conflito | Guerra civil española ![]() |
Traxectoria
editarFillo de solteira de Antonia Sorga. Traballaba na sega en Madrid cando aconteceu a golpe de Estado do 18 de xullo de 1936. Foi recrutado polo exército republicano, integrouse no servizo de información e ascendeu a tenente na batalla de Madrid. Coa derrota da República pasou a Francia onde foi internado no campo de concentración de Sepfonds e despois no de Argelès-sur-Mer. Foi deportado a España polas autoridades francesas o 5 de agosto de 1940. Regresou a Galicia onde casou.
Incorporouse á guerrilla en 1947, sendo responsable dun destacamento da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. Gravemente enfermo dos ollos, foi curado nesta época polo doutor Luís Conde. Foi detido o 13 de xullo de 1948 na ponte romana de Ourense portando unha misiva da guerrilla. Trasladado a Pazos ao día seguinte diante da taberna do seu padrasto Honorio Campos da aviso aos guerrilleiros alí agochados que comezan a disparar sobre a garda civil. Juan conseguiu zafarse e fuxir cos seus compañeiros. A súa nai e Honorio foron detidos. Juan agochouse na casa do seu tío Delfín Sorga en Cortegada. O seu curmán Ismael Sorga Losada e varios veciños foron detidos e Ismael asasinado pola garda civil.[1][2] Marchou á Edreira con varios compañeiros. Foi responsable dun grupo voante no que estaban Camilo de Dios Fernández, Manuel Nóvoa Barreiros, Antonio Pérez Barreiros e José María Saavedra Díaz. O grupo marchou a Ourense o 8 de marzo de 1949 integrado por Manuel Rodríguez González, Manuel Nóvoa, Antonio Pérez, José María Saavedra e Camilo de Dios. Localizados pola garda civil na Casa das Mercedes o 18 de marzo, José María Saavedra e Antonio Pérez resultaron gravemente feridos e foron capturados, Manuel Nóvoa suicidouse e Camilo de Dios Fernández foi ferido e capturado, Manuel Rodríguez e Juan Sorga lograron fuxir.
Cando se desfixo o grupo da Edreira, Juan e o que quedaba do seu grupo, Manuel Rodríguez González, Perfecto de Dios Fernández e a súa nai Carmen Fernández Seguín tentaron chegar a Francia. Primeiro a través de Portugal, e logo de vivir uns meses agochados no país, volveron. Fixeron un novo intento vía Madrid. Na viaxe foron sorprendidos pola Garda Civil en Chaherrero (Crespos, provincia de Ávila) o 16 de maio 1950, resultando morto Perfecto de Dios e detida a súa nai Carmen Fernández Seguín. Juan Sorga e o seu compañeiro Manuel Rodríguez González lograron fuxir e chegaron a Madrid. Cando o 26 de maio viaxaban no tren correo Madrid-Zaragoza, logrou agocharse para fuxir do acoso da Garda civil mentres o seu compañeiro Manuel Rodríguez foi detido. Juan ocultouse debaixo dun vagón e chegou a Zaragoza. Volveu a Madrid, onde grazas a rede de apoio aos republicanos fuxidos conseguiu unha nova identidade, pasando a ser Manuel Iglesias Méndez, e comezou a traballar nun laboratorio. Alí coñeceu a Francisca Muñoz Muñiz con quen comezou unha relación.
A finais dos anos cincoenta trasladouse con Francisca Muñoz a París onde casaron. Juan traballou como fontaneiro na construción. A finais dos anos setenta mercaron un apartamento en Oliva onde estiveron nas vacacións de verán durante moitos anos. Juan finou en Paris en 2009 e Francisca en 2023.[3]
A súa muller Ángela Sampedro foi detida varias veces e xulgada nas causas 138/49 e 185/49, foi condenada a dous anos de cadea. Recibiu malleiras e sufriu abusos sexuais cando estivo no cárcere de Sandiás.
Vida persoal
editarA súa primeira muller, filla de Honorio Campos, morreu no parto do seu fillo Delfín en 1944. Casou novamente en Pazos con Ángela Sampedro Piñeiro e foi pai de Juan Sorga Sampedro, nacido en 1948.[4]
Notas
editar- ↑ Os maquis na Limia (1948): os sucesos de Pazos de Codosedo (Sarreaus).
- ↑ O maquis na Limia. Pazos de Codosedo 2ª parte: a versión da Garda Civil
- ↑ Misterio resolto, a segunda vida do guerrilleiro Juan Sorga, (1921(Cortegada-Sarreaus)-2009 (París-Francia).
- ↑ Manuel Conde: “A historia de Sorga nun país normalizado estaría no cinema”
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Domínguez González, José (2016). A Edreira, el último bastión de la resistencia en Ourense (18 en el balneario). Círculo Rojo. pp. 62–64. ISBN 978-84-9126-680-8.
- Martínez Cerredelo, Edelmiro (2008). A Limia: 1931-1953. Historia e memoria. Sarreaus: Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso". pp. 327–333 e 361–364. ISBN 978-84-612-6855-9.
- Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. pp. 130–131. ISBN 84-8485-231-8.