Antonio Pérez Barreiros
Antonio Pérez Barreiros, coñecido como Cabila, nado en Ourense en 1928 e finado en Verín o 20 de xuño de 2012,[1] foi un guerrilleiro antifranquista galego.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1928 Ourense, España |
Morte | 20 de xuño de 2012 (83/84 anos) Verín, España |
Datos persoais | |
Outros nomes | Cabila |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | membro da resistencia |
Carreira militar | |
Conflito | Guerra civil española |
Traxectoria
editarCon oito anos repartía en bicicleta propaganda contra o réxime pola rúa do Paseo de Ourense. Cando rematou a guerra afiliouse ás Juventudes Socialistas Unificadas, nas que militou na clandestinidade, polo que foi detido e encarcerado no cárcere de Ourense, do que logrou fuxir. A mediados dos anos corenta, cando repartía propaganda xunto con outros compañeiros, nunha feira de Ourense encontráronse cunha redada da Falange e para evitar a detención tirouse ao río Miño e escapou nadando.
En 1946 fuxiu ás montañas das comarcas de Valdeorras e Conso Frieiras, onde se integrou nun destacamento da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia dirixido por Juan Sorga con Camilo de Dios Fernández, Manuel Nóvoa Barreiros e José María Saavedra Díaz. O 18 de marzo de 1949 formaba parte do grupo de seis guerrilleiros localizados pola Garda Civil nunha casa que utilizaban como refuxio preto de Ourense. Nun primeiro asalto os guerrilleiros lograron repeler o ataque e mataron o capitán Francisco Piñel Estévez e ao garda José Rouco Vila, o guerrilleiro Antón López tamén resultou morto. A situación fíxose insostible e Antonio Pérez, José María Saavedra e outro guerrilleiro intentaron romper o cerco. Antonio Pérez e José María Saavedra resultaron gravemente feridos e foron capturados, o terceiro home logrou escapar. Na casa permaneceron dous guerrilleiros que continuaron resistindo e a Garda Civil decidiu poñerlle lume á casa. No edificio en chamas, Manuel Novoa suicidouse mentres o seu compañeiro Camilo de Dios foi ferido e capturado.
Xulgado con Camilo de Dios nun consello de guerra celebrado na Coruña o 27 de agosto de 1949,[2] foi condenado a morte. Foi trasladado ao cárcere de Burgos onde coñeceu á súa muller Isabel do Barro. Conmutada a pena pola de cadea perpetua, foi trasladado ao penal do Dueso (Santander), do que saíu a finais dos anos sesenta. Instalouse en Verín. Volveu ser detido en maio de 1971 acusado de propaganda ilegal e de pertencer a Comisións Obreiras xunto con Carlos Barros Guimeráns, Manuel Peña-Rey Bouzas, Augusto Valencia Teijeiro, Antonio Estévez García, Rafael Blanco Pérez, Miguel Domínguez Vaz, Sergio Sandoval Bahamonde, Camilo de Dios Fernández e Norberto Salgado Lorenzo.[3]
Notas
editar- ↑ Adiós al penúltimo 'maqui'
- ↑ La Voz de Galicia, 28-8-1949, p. 2.
- ↑ "Diez detenidos en Orense acusados de pertenecer a las Comisiones Obreras", La Voz de Galicia, 28-4-1971, p. 8.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas na Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. p. 109. ISBN 84-8485-231-8.