Juan López Fernández

futbolista español

Juan López Fernández, alcumado "O Negro", nado na Pobra do Caramiñal o 30 de outubro de 1929 e finado o 7 de setembro de 2017, foi un futbolista galego. Xogaba de dianteiro.

Juan
Información persoal
Nome Juan López Fernández
Nacemento 30 de outubro de 1929
Lugar de nacemento A Pobra do Caramiñal
Falecemento 7 de setembro de 2017
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
Orzán
Victoria
Español
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1949–1950 Arousa 18 (8)
1950–1952 Racing de Ferrol 43 (14)
1952–1955 CD Málaga 57 (24)
1955–1956 Deportivo da Coruña 8 (5)
1956–1957 Xerez 21 (13)
1957–1958 Eldense 31 (9)
Espinho
Na rede
BNE: XX995033
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria

editar

Nacido na Pobra do Caramiñal trasladouse coa súa familia á Coruña con menos dun ano de idade. Na cidade herculina comezou a xogar ao fútbol na AD Huracán e no Amanecer, pasando despois polo Orzán SD, o Victoria CF e o Español SD.[1]

Con 20 anos debutou na Segunda División, formando parte do Arousa na histórica tempada 1949/50, a única do club na categoría de prata. No equipo de Vilagarcía compartiu dianteira entre outros con Ventura, López Vázquez e Nolito, e marcou 8 goles.[2][3]

En 1950 fichou polo Racing de Ferrol, adestrado por José Planas. Na súa primeira campaña en Ferrol formou na dianteira xunto con Marquínez, Fabeiro e Álvarez, entre outros, e marcou oito goles. Na seguinte os seus compañeiros máis habituais no ataque foron Alvarito e Roig. Fixo seis goles, que contribuíron a que o equipo rematase na terceira posición e disputase a fase de ascenso a Primeira División, na que meteu tres goles máis, pero sen conseguir ascender.

En 1952 fichou polo CD Málaga, co que debutou en Primeira División nun partido contra o Sporting de Gijón no Molinón. Disputou 13 partidos nos que marcou 5 goles, descendendo a Segunda ao remate da campaña. Na tempada 1953/54 marcou 11 goles na liga e outros 7 na promoción de ascenso, contribuíndo de xeito importante a que o club regresase a Primeira. Foi o máximo goleador do equipo na tempada 1954/55, con 8 goles en 18 partidos, pero o club rematou último e descendeu de novo.

En xullo de 1955 fichou polo Deportivo da Coruña, da Primeira División.[4] O 1 de setembro disputou contra o Athletic Club a décima edición do Trofeo Teresa Herrera, a primeira na que participaba o Deportivo. Formou na dianteira xunto con Arsenio, Pahiño, Lechuga II e Polo, e conseguiu proclamarse campión grazas a dous goles de Pahiño, no que a prensa da época definiu como un dos días máis memorábeis da historia do fútbol coruñés.[5] Xogou só 8 partidos oficiais co Deportivo, onde estivo á sombra de Pahiño e Bazán, e marcou 5 goles.

En 1956 fichou polo Xerez CD, de Segunda División. No equipo adestrado por Eguiluz recuperou a titularidade, disputando 21 partidos nos que marcou 13 goles. Na tempada seguinte xogou co Eldense, tamén en Segunda, marcando 9 goles. Máis tarde xogou no Sporting Clube de Espinho de Portugal.

Logo de retirarse, pasou a ser armador de barcos de pesca. Faleceu o 7 de setembro de 2017, aos 87 anos.[6]

  1. "Juan, el coruñés delantero del Málaga". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de xuño de 1955. p. 5. 
  2. "El Arosa sigue afirmando su recuperación". El Pueblo Gallego (en castelán) (8281). 17 de xaneiro de 1950. p. 4. Consultado o 18 de decembro de 2021. 
  3. "Un penalty dio el triunfo a la Orensana sobre el Arosa, 1-0". La Región (en castelán) (10163). 14 de marzo de 1950. p. 3. Consultado o 18 de decembro de 2021. 
  4. "Juan, del Málaga, al Deportivo". El Progreso (en castelán) (14917). 19 de xullo de 1955. p. 4. Consultado o 18 de decembro de 2021. 
  5. "Con todos los honores, el Deportivo se adjudica el X Trofeo Teresa Herrera, al vencer al Atlético de Bilbao (2-1)". La Noche (en castelán) (10755). 2 de setembro de 1955. p. 4. Consultado o 22 de decembro de 2020. 
  6. "Juan, o '9' do primeiro Dépor que gañou o Teresa Herrera, falece aos 87 anos". Deportivo da Coruña. 8 de setembro de 2017. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar