Juan Domínguez

futbolista español

Juan Domínguez Lamas, nado en Pontedeume o 8 de xaneiro de 1990, é un exfutbolista galego. Xogaba de mediocentro e destacou principalmente no Deportivo da Coruña, club no que se formou como futbolista antes de subir ao primeiro equipo, no que militou durante sete tempadas. Xogou un total de 171 partidos oficiais co Deportivo, nos que marcou 12 goles, sendo un xogador clave en dous ascensos á Primeira División.[1] Militou tamén no Mallorca e no Reus, ambos na Segunda División, e pasou ademais polas ligas de Austria e Grecia.

Juan Domínguez
Juan Domínguez xogando para o Deportivo
Información persoal
Nome Juan Domínguez Lamas
Nacemento 8 de xaneiro de 1990 (34 anos)
Lugar de nacemento Pontedeume
Altura 1,81 m.
Posición Mediocentro
Carreira xuvenil
2001–2004 Narón
2004–2008 Deportivo da Coruña
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2008–2010 Deportivo B 35 (4)
2009–2017 Deportivo da Coruña 158 (10)
2016–2017Mallorca (cedido) 30 (1)
2017–2019 Reus 50 (3)
2019–2020 Sturm Graz 40 (4)
2020–2022 PAS Giannina 55 (1)
2022–2023 Asteras Tripolis 9 (0)
Total 377 (23)
Selección nacional
2016 Galicia 1 (0)
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Inicios editar

Fillo do histórico futbolista do Endesa As Pontes, Juanma Domínguez Bollo,[2] tivo o seu primeiro contacto co fútbol aos seis anos no equipo de fútbol sala de Narón O Freixo. En 1999 pasou a formar parte do Narón Balompé Piñeiros, participando en competicións de fútbol sala e fútbol-7. Foi convocado para formar parte da selección benxamín galega de fútbol sala na que coincidiu entre outros co futuro internacional Thiago Alcántara, e coa que se proclamou campión de España.[3] No 2001 pasou a xogar nos equipos de fútbol-11 do Narón Balompé ata que no 2004 fichou polo Deportivo da Coruña á idade de 14 anos.[3]

Deportivo da Coruña editar

Canteira editar

Continuou a súa formación nas categorías inferiores do Deportivo, xogando na posición de mediocentro. Iniciou a súa andaina no Deportivo na categoría cadete, pasando logo ao equipo xuvenil. Nesta etapa foi convocado coa selección galega sub-15 e a selección española sub-16. Na tempada 2006/07 foi chamado por Joaquín Caparrós para facer a pretempada co primeiro equipo, e na tempada 2007/08 proclamouse cos xuvenís campión da División de Honra.

Fabril editar

Debutou co Fabril en xaneiro de 2008, nun partido da Segunda División B contra o San Sebastián de los Reyes, e permaneceu no filial ata a campaña 2009/10. Na última tempada no Fabril xa foi convocado por Miguel Ángel Lotina co primeiro equipo.

Primeiro equipo editar

O seu debut en Primeira produciuse o 13 de decembro de 2009 no Estadio de los Juegos Mediterráneos de Almería, nun partido contra o Almería (1-1) no que xogou de titular.[4] Acabou disputando 15 partidos esa tempada, 10 deles como titular e asinou o seu primeiro contrato profesional o 16 de abril de 2010.[5]

Foi xogador do primeiro equipo durante as seguintes seis tempadas, vivindo dous descensos a Segunda e outros dous ascensos a Primeira. Na tempada 2011/12 formou unha destacada parella de mediocampistas xunto a Álex Bergantiños e foi unha peza clave na histórica campaña do equipo coruñés, que se proclamou campión de Segunda con récord de puntos.[1]

Acumulou un total de 171 partidos, nos que marcou 12 goles, sendo a súa tempada máis completa a 2013/14, na que volveu ascender a Primeira sendo indiscutible no eixo do equipo de Fernando Vázquez, con 39 partidos de liga, todos como titular.[6] Coa chegada ao banco de Víctor Sánchez, a súa participación no equipo caeu ata o punto de disputar só 9 partidos entre liga e Copa na tempada 2015/16.[6]

Cesión no Mallorca editar

A finais de xuño de 2016 anunciouse que para a tempada 2016/17 xogaría cedido no Mallorca, equipo de Segunda adestrado por Fernando Vázquez.[7] Vestiu a camiseta do club en 31 partidos, todos como titular, pero despois de que pasasen tres técnicos polo banco, o equipo acabou descendendo a Segunda B.[8]

Reus editar

Tralo descenso do club balear regresou á Coruña e o 22 de agosto de 2017 anunciou en rolda de prensa a súa rescisión de contrato co Deportivo, logo de 13 anos como xogador nas distintas categorías da entidade.[9] Un día despois anunciouse a súa fichaxe polo CF Reus de Segunda División, cun contrato por tres temporadas.[10] Disputou 53 encontros durante unha tempada e media, ata que en xaneiro de 2019, o club foi expulsado das competicións despois de meses sen pagar os salarios dos xogadores.[11][12]

Sturm Graz editar

A continuación puxo rumbo a Austria, onde asinou como novo xogador do Sturm Graz, da Bundesliga austríaca.[13] Debutou o 10 de marzo, nun partido ante o Red Bull Salzburgo no que entrou nos minutos finais como substituto do esloveno Sandi Lovrić.[14] Fíxose pouco despois coa titularidade, sendo un habitual no once inicial durante a seguinte tempada e media. Deixou o club ao remate da campaña 2019/20, despois de 46 partidos oficiais e 6 goles.

PAS Giannina editar

En agosto de 2020 mudouse a Grecia, onde fichou polo PAS Giannina, que viña de ascender á Superliga.[15] Tras comezar como suplente nos primeiros partidos, pasou a ser titular indiscutible durante as seguintes dúas tempadas, nas que acabou noveno e sexto na liga respectivamente, ademais de acadar unhas semifinais da Copa de Grecia.[16]

Asteras Tripolis editar

En 2022 cambiou Epiro polo Peloponeso, fichando polo Asteras Tripolis, tamén da máxima categoría grega. Disputou 10 partidos co equipo, ata que en abril de 2023 rescindiu o seu contrato co club e decidiu colgar as botas e regresar a Galicia.[17]

Selección galega editar

Foi convocado pola selección galega para o partido contra Venezuela disputado no estadio de Riazor o 20 de maio de 2016, que finalizou con empate (1–1).

Estatísticas editar

Club Tempada División Liga Copa Europa League Total
Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles Partidos Goles
Fabril 2006/07 Terceira 1 0 - - - - 1 0
2007/08 Segunda B 4 0 - - - - 4 0
2008/09 Segunda B 18 1 - - - - 18 1
2009/10 Terceira 12 3 - - - - 12 3
Total club 35 4 0 0 0 0 35 4
Deportivo da Coruña 2009/10 Primeira 13 0 2 0 - - 15 0
2010/11 Primeira 20 0 1 0 - - 21 0
2011/12 Segunda 35 4 2 1 - - 37 5
2012/13 Primeira 24 1 2 0 - - 26 1
2013/14 Segunda 39 4 0 0 - - 39 4
2014/15 Primeira 22 1 2 0 - - 24 1
2015/16 Primeira 5 0 4 1 - - 9 1
Total club 158 10 13 2 0 0 171 12
Mallorca 2016/17 Segunda 30 1 1 0 - - 31 1
Reus 2017/18 Segunda 32 2 1 0 - - 33 2
2018/19 Segunda 18 1 2 1 - - 20 2
Total club 50 3 3 1 0 0 53 4
Sturm Graz 2018/19 Bundesliga 12 0 0 0 - - 12 0
2019/20 Bundesliga 28 4 4 2 2 0 34 6
Total club 40 4 4 2 2 0 46 6
PAS Giannina 2020/21 Superliga 26 0 4 0 - - 30 0
2021/22 Superliga 29 1 0 0 - - 29 0
Total club 55 1 4 0 0 0 59 1
Asteras Tripolis 2022/23 Superliga 9 0 1 0 - - 10 0
Total carreira 377 23 26 5 2 0 405 28

Palmarés editar

Deportivo xuvenil

Deportivo

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Juan Domínguez se retira del fútbol y regresa a Galicia" (en castelán). 18 de abril de 2023. Consultado o 18 de abril de 2023. 
  2. "La oportunidad soñada por Juan Domínguez". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de novembro de 2009. Consultado o 8 de xullo de 2022. 
  3. 3,0 3,1 Fuentes, Manuel (1 de decembro de 2016). "Entrevista a Juan Domínguez: inicios, sueños, el Deportivo y su momento actual" (en castelán). Consultado o 8 de xullo de 2022. 
  4. "Juan Domínguez: "El debut con el Deportivo es inolvidable"" (en castelán). 14 de decembro de 2009. Consultado o 8 de xullo de 2022. 
  5. Juan Domínguez firma ata 2013
  6. 6,0 6,1 Bouzas, Fabián (26 de maio de 2016). "El enigma Juan Domínguez". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 8 de xullo de 2022. 
  7. "Juan Domínguez jugará cedido en el Mallorca". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de xuño de 2016. Consultado o 8 de xullo de 2022. 
  8. Reus, Jéssica (24 de agosto de 2017). "Juan Domínguez es el noveno refuerzo del Reus" (en castelán). Consultado o 8 de xullo de 2022. 
  9. "Juan Domínguez despediuse esta mañá "do Club da miña vida"". Deportivo da Coruña. 22 de agosto de 2017. 
  10. "Juan Domínguez, nou jugador del CF Reus". Reus Deportiu. 23 de agosto de 2017. Arquivado dende o orixinal o 24 de agosto de 2017. Consultado o 24 de agosto de 2017.  (en catalán)
  11. Rovira, Marc (29 de xaneiro de 2019). "LaLiga expulsa al Reus tres años y en la segunda vuelta sus rivales sumarán tres puntos". El País (en castelán). Consultado o 8 de xullo de 2022. 
  12. Carballo, Pablo (4 de marzo de 2019). "Juan Domínguez: «Me siento mayor de lo que soy»". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 9 de xullo de 2022. 
  13. "Juan Domínguez ficha por el Sturm Graz" (en castelán). 13 de febreiro de 2019. Consultado o 9 de xullo de 2022. 
  14. "Red Bull Salzburg 0-0 SK Sturm Graz". Transfermarkt (en inglés). 10 de marzo de 2019. Consultado o 9 de xullo de 2022. 
  15. Menéndez, Alberto (30 de agosto de 2020). "Juan Domínguez deja Austria y comienza nueva aventura en el extranjero" (en castelán). Consultado o 9 de xullo de 2022. 
  16. "Juan Domínguez semifinalista de la Copa de Grecia, el más destacado de la semana." (en castelán). 7 de abril de 2021. Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2022. Consultado o 9 de xullo de 2022. 
  17. "Juan Domínguez: "Me encuentro bien físicamente, pero estoy en un punto en el que quiero colgar las botas para dedicarle más tiempo a mi vida privada"". Onda Cero (en castelán). 17 de abril de 2023. Consultado o 18 de abril de 2023. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar