Juan Aparicio
Juan Aparicio López, nado en Guadix (provincia de Granada) o 29 de xullo de 1906 e finado en Madrid o 17 de abril de 1987, foi un xornalista e político español.
Juan Aparicio | |
---|---|
Nacemento | 29 de xullo de 1906 |
Lugar de nacemento | Guadix |
Falecemento | 17 de abril de 1987 |
Lugar de falecemento | Madrid |
Nacionalidade | España |
Alma máter | Universidade de Granada |
Ocupación | xornalista, escritor e político |
Cónxuxe | Carmen Jalón Gómez |
Premios | Gran Cruz da Orde do Mérito Civil e Encomenda con placa da Orde de Cisneros |
[ editar datos en Wikidata ] | |
TraxectoriaEditar
Estudou Dereito na Universidade de Granada, onde foi discípulo do socialista Fernando de los Ríos. Neses anos, e ata 1930 estivo próximo ao Partido Comunista de España, e despois participou na fundación das JONS, organización de extrema dereita obreira, grupo que posteriormente converxe coa Falange Española. En 1931 afiliouse a Falange, onde militou ata 1935, se ben volveu a militar a partir de 1937.
Ao estalar a guerra civil española, Aparicio, xa como xornalista, dirixía a publicación local La Gaceta Regional de Salamanca.
Posguerra e censuraEditar
Desde 1939 é unha figura clave na reorganización da prensa franquista e en 1941 é nomeado Delegado Nacional de Prensa por Francisco Franco, posto que ten a máxima autoridade no control dos medios de comunicación. Ocupa ese cargo ata 1945, que despois muda a súa denominación polo de Director Xeral de Prensa, e onde se mantén ata finalizar a década dos cincuenta.
Aínda que del non dependía a política censora da ditadura, pois correspondía á Dirección Xeral de Propaganda, publicou en 1952 un artigo onde desprestixiaba a lingua galega a raíz do ensaio breve de Ramón Piñeiro Significado metafísico da saudade, publicado no número 1 da revista Grial, e que culminou nunha acentuación da censura ás producións ensaísticas e xornalísticas en galego[1]. Pola contra, recomendou -por mediación de Xosé Filgueira Valverde- a publicación de Cómaros verdes, o libro de poemas de Aquilino Iglesia Alvariño logo de que a obra fose secuestrada pola censura[1].
Como xornalista, foi director dos xornais El Español, Fantasía, La Estafeta Literaria e Pueblo[1]. En 1941 fundou a Escuela Oficial de Periodismo en Madrid, e en 1952 un centro homónimo en Barcelona.
Vida persoalEditar
Estivo casado e viviu boa parte da súa vida en Torrevieja (Alacant). Nesa cidade foi o impulsor do Certame Nacional de Habaneras[2]. Foi nomeado fillo adoptivo desta vila.
NotasEditar
- ↑ 1,0 1,1 1,2 Eva Estévez, "O franquismo autorizaba a poesía en galego pero non o ensaio", entrevista a Xosé Manuel Dasilva, A Nosa Terra, nº 1.335, 27 de novembro de 2008, p. 31.
- ↑ Inaugurada la exposición sobre el centenario de D. Juan Aparicio - Mi querida Torrevieja, Torrevieja.com, 30/4/2007