Josefina Arruti

muller galega

Josefina Milagros Arruti Viaño, coñecida como Josefina Arruti, nada en Pontevedra o 28 de abril de 1906 e finada no mesmo lugar o 24 de outubro de 2003, foi unha muller represaliada galega.[1]

Infotaula de personaJosefina Arruti

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento28 de abril de 1906 Editar o valor em Wikidata
Pontevedra, España Editar o valor em Wikidata
Morte24 de outubro de 2003 Editar o valor em Wikidata (97 anos)
Pontevedra, España Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaCemiterio de Santo Amaro de Pontevedra Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeBibiano Fernández Osorio-Tafall (1929–1990)
FillosJosé Ángel Fernández Arruti Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Foi a máis nova de tres irmás, quedou orfa de nai aos seis anos e de pai aos doce polo que foi vivir definitivamente coa familia de súa nai.

O 17 de abril de 1929 casou con Bibiano Fernández Osorio-Tafall, que na II República, sería, entre outros cargos, alcalde de Pontevedra, presidente da Deputación e deputado nas Cortes. Tiveron tres fillos: José Ángel (1930), Carmen (1932) e Manuel (1934).

 
Monumento na Avenida Josefina Arruti Viaño en Pontevedra

En 1936 Josefina Arruti marchou cos dous fillos máis vellos vivir a Madrid onde o marido era Subsecretario do Ministerio de Gobernación con Casares Quiroga, quedando o fillo pequeno coa avoa paterna en Pontevedra. A primeiros de xullo o pequeno enfermou e Josefina volveu cos fillos a Pontevedra adiantando as vacacións. Bibiano non puido volver a Pontevedra ese venres e despois xa se produciu o levantamento do exército polo que non puido reunirse a familia. Quedaron separados, Bibiano en Madrid e Josefina e os pequenos en Pontevedra.[1]

Durante a guerra o goberno republicano chegou a un acordo cos franquistas para que puidesen viaxar a Madrid Josefina e os cativos a cambio de liberar o secretario xeral da Falange Española, Raimundo Fernández Cuesta, que estaba preso na capital. O cambio non foi adiante pola negativa da nai de Bibiano (Emilia Osorio) de deixar viaxar os nenos e a nena coa nai.

Josefina Arruti nunca foi xulgada pero estivo no cárcere de Pontevedra, no edificio da actual Audiencia, dezaoito meses. Sacárona da casa diante dos fillos e metérona nunha cela con presas comúns. Repartía con elas a comida que a súa sogra lle mandaba. Muller relixiosa, tecía e rezaba a diario.[1] Mentres a sogra, Emilia Osorio, paseaba cos netos pola beirarrúa do cárcere, para que a súa nai puidera velos polas fiestras.

 
Avenida Josefina Arruti Viaño na entrada de Pontevedra

Ao saír do cárcere estivo dous anos en arresto domiciliario, arresto que nos primeiros meses tamén afectaba aos fillos, nin ir á escola podían. Os rexistros na vivenda eran continuos e a familia vivía nunha precaria situación económica. Sufría tamén os desprezos de xente da Boa Vila polo pasado do seu marido.

De cando en vez Bibiano mandáballes desde o exilio cartos a través persoas coñecidas, mais non chegaban a nada e recibiron axudas dalgunhas familias pontevedresas. Josefina conseguiu que os tres fillos estudasen, José Ángel foi profesor universitario de Dereito, Carmen profesora no IES Sánchez Cantón e Manuel médico especialista en dixestivo en Pontevedra. Tivo que empeñar todas as súas xoias e, axudada pola sogra, alugou cuartos na súa casa durante anos para saír adiante.

Bibiano non soubo ata moitos anos despois que a negativa de reagrupar á familia, o feito de que Josefina non viaxara a Madrid cos nenos cando houbo a posibilidade de facer o troco con Fernández-Cuesta, fora responsabilidade da súa nai Emilia. Bibiano refixo a súa vida en México, tivo un fillo e unha nova parella.

Nos anos 50, Bibiano fixo escala en Lisboa durante unha viaxe de Roma a Chile para poder ver a Josefina e os fillos, que ían viaxar en coche desde Madrid. Pero as autoridades españolas negáronse a darlle a Josefina un permiso de saída coa escusa de que precisaba a sinatura de seu home.

 
Imaxes públicas no monumento a Josefina Arruti na Avenida pontevedresa do seu nome

Nesa mesma década Bibiano viaxou a Roma a unha asemblea da FAO. Alí residía naquel momento o fillo José Ángel, e pudieron encontrarse.[1] En 1986, con motivo do cincuenta aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía, Bibiano volveu a Galicia e viuse con José Ángel e Manuel. Volveu en 1989 para unha homenaxe da Academia Galega das Ciencias e viu os seus tres fillos xuntos, cincuenta e dous anos despois. Josefina e Bibiano non se volveron ver desde 1936.[2]

Bibiano morreu en México o 13 de agosto de 1990 e deixou dito que levaran as súas cinzas a Pontevedra. Josefina permitiu que fora enterrado no panteón familiar de San Amaro, que fora mandado construír polo propio Bibiano en 1925. Ese panteón acolleu, grazas á solidariedade de Josefina e a sogra Emilia, a represaliados asasinados coma Paulo Novás, Arturo Rey, Víctor Casas, Antonio Blanco etc. 

O 24 de outubro de 2003 finou en Pontevedra Josefina Arruti, a represaliada polo réxime franquista só por ser a muller de Bibiano Fernández Osorio-Tafall. Os seus restos descansan no panteón xunto aos do seu home, ao que non viu desde 1936.[1]

A súa filla Carmen declarou "A miña nai sufriu aquí mesmo máis ca o meu pai no exilio e fíxoo en silencio".[3]

Recoñecementos editar

  • Montse Fajardo en Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu (2015) recolle a historia de Josefina Arruti como "un exemplo desa invisibilidade das mulleres vitimas do 36".[4]
  • A banda deseñada Os berros da bicicleta (2020), con guión de Kiko da Silva e debuxos de Pablo Prado recolle a súa vida dentro do proxecto Memoria das mulleres.[5]
  • Os protagonistas de Vémonos mañá (2022), de Xosé Monteagudo son Josefina Arruti e Bibiano Fernández-Osorio, na novela ficciónase a súa vida e relación.[6]
  • O proxecto Do gris ao viloleta recolle a súa figura e biografía.[7]
  • En 2015 o Concello de Pontevedra deulle o nome de Josefina Arruti Viaño á avenida de entrada á cidade a carón do río dos Gafos e a Estación de Autobuses. No acto de inauguración Luís Bará dixo: Unha muller valente, unha madre coraxe, símbolo da memoria que queremos recuperar». E a ministra Ana Pastor: "Merece sen dúbida todo o noso recoñecemento. Que cada persoa que durante xeracións pase por aquí saiba que na historia e na memoria está esta muller valente, unha muller que saíu adiante a pesar das dificultades e defendendo as súas ideas».[2] Estaban presentes no acto os tres fillos, José Ángel dixo dela: "sinxela, discreta, humilde e, sobre todo, santa".

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Josefina Arruti Viaño". Do Gris Ao Violeta. Consultado o 2023-07-09. 
  2. 2,0 2,1 Barral, Serxio (2015-09-22). "Josefina Arruti ya es eterna". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 2023-07-09. 
  3. ""Ella sufrió aquí más que mi padre en el exilio"". Faro de Vigo (en castelán). 2015-08-23. Consultado o 2023-07-09. 
  4. "'Un cesto de mazás', un libro para recuperar la memoria de las víctimas evidentes del 36... y de todas las demás". Pontevedra Viva (en castelán). 2015-09-16. Consultado o 2023-07-09. 
  5. SL, POMBAPRESS. "Un cómic recoge la vida de la represaliada Josefina Arruti para acercar la Memoria Histórica a la juventud". Galiciapress (en castelán). Consultado o 2023-07-09. 
  6. Eyré, XM (2023-05-23). "crítica de VÉMONOS MAÑÁ, de Xosé Monteagudo, en Xerais.". Ferradura en Tránsito II. Consultado o 2023-07-09. 
  7. "O proxecto". Do Gris Ao Violeta. Consultado o 2023-07-09.