José Sánchez Guerra
José Sánchez Guerra Martínez, nado en Córdoba o 28 de xuño de 1859 e finado en Madrid o 26 de xaneiro de 1935,[1] foi un político español. Varias veces ministro, chegaría a ser Presidente do Goberno do 8 de marzo até o 6 de decembro de 1922[2].
Traxectoria
editarComezou a súa carreira política en 1886 saíndo elixido deputado por Cabra (Córdoba) polo Partido Liberal. Posteriormente, en 1902, abandonou o partido liderado por Sagasta, pasándose ó Partido Conservador de Antonio Maura, co que seguiu mantendo a acta de deputado pola circunscrición de Córdoba en tódalas eleccións celebradas até 1918.
Trala formación do goberno de Francisco Silvela, en decembro de 1902, foi nomeado gobernador civil da provincia de Madrid[3]. Dende o 5 de decembro de 1903 até o 15 de decembro de 1904 exerceu como Ministro da Gobernación, dun goberno de Maura. En 1908, Maura preferiu a Juan de la Cierva para ese posto, polo que Sánchez Guerra pasou a ocupar a carteira de Fomento. Igualmente, durante ese período tempo, entre xullo e decembro de 1903 e entre xaneiro de 1907 e setembro de 1908, foi tamén gobernador do Banco de España.
Durante as diversas crises a que se viu sometido o Partido Conservador, Sánchez Guerra tentou manterse á marxe. Volveu aceptar encargarse do Ministerio de Gobernación (entre o 27 de xullo de 1913 até o 8 de decembro de 1915; e de novo entre o 11 de xuño ao 31 de outubro de 1917)[2] nos gobernos presididos por Eduardo Dato. Trala morte deste, sucedéronse varios gobernos conservadores; un deles presidiuno Sánchez Guerra (entre o 8 de marzo e o 6 de decembro de 1922)[2]. Nel agrupáronse mauristas, conservadores e membros da Lliga Catalana. Tentou acabar co terrorismo patronal en Barcelona destituíndo o gobernador civil, Severiano Martínez Anido, tolerante cos pistoleiros e duro represor dos grupos anarquistas barceloneses. O asasinato de Dato propiciara a permisividade de Martínez Anido, que se convertera nun dos principais atrancos para a recuperación da paz social. A discusión do expediente Picasso que informaba sobre o Desastre de Annual precipitou a súa caída.[4]
Ditadura de Primo de Rivera
editarCoa instauración da ditadura de Primo de Rivera, Sánchez Guerra pasou á oposición. Crítico coa ditadura, exíliase a Francia en 1927 e, dende París, encabeza un plan para facer caer a Ditadura,[5] polo que retorna a España para encabezar en Valencia unha conspiración militar contra o ditador o 29 de xaneiro de 1929,[5] no que o militar escollido para levalo a cabo foi o xeneral Alberto Castro Girona, Capitán xeneral da III Rexión Militar.[6] Mais como este negouse a recibilo,[7] o plan resultou un rotundo fracaso, e Sánchez Guerra negouse a fuxir polo que foi detido e encarcerado nun barco-prisión en Valencia.[8] De seguido, foi sometido a un consello de guerra pero resultou absolto en novembro, contribuíndo así ó desprestixio da ditadura e da monarquía.
A pesar da súa posición crítica e hostil co rei Afonso XIII, despois da caída do goberno de Dámaso Berenguer, aceptou o encargo do rei de formar goberno. A súa tentativa de tender unha ponte entre monárquicos e republicanos, a través dun pacto cos membros do Comité Republicano detidos a raíz dos sucesos de Jaca, acabou sen éxito. O 17 de febreiro renunciou a formar goberno e ó día seguinte o almirante Aznar presidiu o novo goberno constituído unicamente por monárquicos. O 27 de febreiro de 1930 pronunciou un discurso no Teatro da Zarzuela de enorme repercusión pública no que recoñeceu o dereito de España a ser República. A pesar de saír elixido deputado por Madrid dentro do grupo conservador de "Apoio á República" nas eleccións a Cortes Constituíntes o 28 de xuño de 1931, viuse obrigado a abandonar a política por razóns de saúde.
Faleceu en Madrid en 1935.
Xornalista
editarAdemais de avogado, Sánchez Guerra exerceu a profesión de xornalista. Foi director de diferentes publicacións periódicas, entre elas, La lberia (1885), a Revista de España (1888) e El Español (1898).[4]
Predecesor: Antonio Maura |
Presidente do goberno de España 1922 |
Sucesor: Manuel García Prieto |
Notas
editar- ↑ Martorell (2011), p. 459.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Pascual, Pedro (1999). El compromiso intelectual del político: ministros escritores en la Restauración canovista. Madrid: Ediciones de la Torre. p. 198. ISBN 84-7960-247-3.
- ↑ Guimerá Peraza, Marcos (1974). "Maura y Azcárate". Boletín de la Real Academia de la Historia. vol.I (171): 117. ISSN 0034-0626.
- ↑ 4,0 4,1 "1935: muere el político José Sánchez Guerra y Martínez". abc.es. 26-01-2010. Consultado o 11-01-2018.
- ↑ 5,0 5,1 González (2007), p. 213.
- ↑ Martorell (2011), pp. 400-401.
- ↑ Payne (1967), p. 246.
- ↑ Payne (1967), p. 247.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: José Sánchez Guerra |
Bibliografía
editar- Gil Pecharromán, Julio (1993). "Notables en busca de masas: El conservadurismo en la crisis de la Restauración". Espacio, tiempo y forma. Serie V, Historia contemporánea (Madrid: UNED) (6): 233–266. ISSN 1130-0124. Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2018. Consultado o 09 de abril de 2018.
- González Calleja, Eduardo (2007). "Republicanos". En Canal, Jordi. Exilios: los éxodos políticos en la historia de España, siglo XV-XX. Madrid: Sílex Ediciones. pp. 191–216. ISBN 978-84-7737-189-2.
- González Calleja, Eduardo (2008). "La política de orden público en la Restauración". Espacio, tiempo y forma. Serie V. Historia Contemporánea (Madrid: UNED) (20): 93–127. ISSN 1130-0124. Arquivado dende o orixinal o 10 de abril de 2018. Consultado o 09 de abril de 2018.
- Guimerá Peraza, Marcos (1974). «Maura y Azcárate». Boletín de la Real Academia de la Historia. Madrid:Real Academia da Historia; 171;(1): 93-134.ISSN 0034-0626
- Martorell Linares, Miguel (2011). José Sánchez Guerra: un hombre de honor (1859-1935). Madrid: Marcial Pons Historia. ISBN 978-84-92820-42-9.
- Payne, Stanley G. (1967). Politics and the Military in Modern Spain. Stanford: Stanford University Press. ISBN 9780804701280.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Biografía sumaria da Enciclopedia de Historia de España. Madrid: Alianza (en castelán)
- José Sánchez Guerra e a sublevación dos artilleiros de Valencia (en castelán)
- Discurso pronunciado por Sánchez Guerra en 1930 na Zarzuela (en castelán)
- Ficha do Congreso dos Deputados
- Hemeroteca de ABC: Morte de José Sánchez Guerra, 1935