José Manuel Lage

político galego
(Redirección desde «José Manuel Lage Tuñas»)

José Manuel Lage Tuñas, nado en Outes o 23 de febreiro de 1977[1], é un político e consultor galego do PSdeG-PSOE.

José Manuel Lage
Nacemento23 de febreiro de 1977
Lugar de nacementoOutes
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]
José Manuel Lage con Alfredo Rodríguez e Dolores Rodríguez, secretarios xerais das XSG, reunidos polos cen anos das Juventudes Socialistas de España.

Traxectoria editar

Licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Estudos Superiores de Defensa Nacional pola mesma Universidade, é politicólogo e consultor, ademais posúe masters e posgraos polo ICADE, a UDC ou a EF Business School. Foi membro das Xuventudes Socialistas de Galicia dende os 14 anos.[2] Na súa adolescencia constitueu e participou en diversas asociacións culturais e deportivas na súa localidade natal, chegando a ser tamén secretario xeral da Asociación de Estudantes do IES Virxe do Mar de Noia.[3] Ocupou diversos cargos a nivel comarcal nas XSG do Barbanza, pasando en novembro de 1996 a formar parte da Executiva Nacional galega como portavoz, e de 1999 a 2002 como Secretario Xeral. Formou parte tamén das directivas do Consello da Xuventude de Galicia dende 1998, sendo o seu presidente de 2003 a 2004. Dende o Congreso de outubro de 1998 foi membro da Executiva Galega do PSdeG-PSOE, así como do Comité Federal do PSOE (2000-2004). Foi deputado no Parlamento de Galicia a partir dende maio de 2004, sendo reelixido tralas eleccións de 2005 e 2009.

En novembro de 2009 disputoulle a Salvador Fernández Moreda a secretaría xeral provincial do PSdeG na Coruña no correspondente Congreso, pero foi amplamente derrotado polo entón presidente da Deputación da Coruña. Concorreu novamente no Congreso provincial de xuño de 2012, volvendo a ser novamente derrotado polo exministro de xustiza Francisco Caamaño. En xullo dese mesmo ano foi elixido Secretario Xeral local en Noia.[4] Neste contexto e tralos enfrontamentos co secretario xeral galego, Pachi Vázquez, e o congresual na provincia coruñesa con Caamaño, non foi incluído na candidatura socialista por ningunha das dúas executivas para as Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2012, pese a ter sido proposto por diversas agrupacións de toda a provincia, especialmente no Barbanza, e ser un dos deputados máis activos do grupo socialista.[5].

Trala súa saída do Parlamento de Galicia traballou como consultor e como investigador na USC, compaxinándoo coa dirección orgánica dos socialistas en Noia. Nas eleccións municipais de 2015 foi número 3 da candidatura socialista en Noia, encabezada por Miguel Paz Barreiro, e foi elixido concelleiro. Os socialistas mantiveron a alcaldía tras chegar a un acordo cos independentes do NOIA, a Marea Cidadá e o BNG, asumindo Lage as áreas de Economía, Facenda, Cultura e Patrimonio, ademais dunha tenencia de alcaldía e a portavocía do goberno. Porén, en xaneiro de 2016 os independentes rompen o pacto e marchan do goberno, e apoiaron unha moción de censura en febreiro que lle dou a alcaldía ao popular Santiago Freire.[6] Trala perda do goberno, foi o portavoz dos socialistas na oposición.

Tralo Congreso provincial do PSdeG coruñés en xaneiro de 2018, foi elixido Secretario de Organización da executiva encabezada por Valentín González Formoso. Nas eleccións municipais de 2019 foi o número 2 da candidatura socialista na cidade da Coruña, encabezada por Inés Rey, a cal foi elixida alcaldesa trala súa vitoria electoral. Desta forma, foi nomeado primeiro tenente de alcaldesa e responsable das áreas de Economía de Facenda. Asemade, foi elixido deputado provincial e pasou a formar parte do goberno de González Formoso como responsable da área de Asistencia a Municipios. Tralo Congreso nacional galego do PSdeG de decembro de 2021 pasou a ser o Secretario de Organización da nova executiva encabezada por Valentín González Formoso, ó cal apoiou activamente nas primarias do mes de outubro. Repetiu como número 2 da candidatura de Inés Rey na Coruña nas municipais de 2023, revalidando o goberno e continuando como primeiro tenente de alcaldesa e sendo responsable das áreas de Economía e Planificación Urbana. Neste mandato volveu a ser elixido deputado provincial.

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar