Salvador Fernández Moreda
Jesús Salvador Fernández Moreda, nado o 28 de abril de 1953 en Foz, é un político galego do PSdeG-PSOE.
Traxectoria
editarLicenciado en ciencias económicas, en 1973 ingresou no PSOE e na UGT, sendo naquel entón un dos poucos militantes do partido en Galicia. Por esta formación foi deputado Congreso dos Deputados entre 1979 e 1996 e posteriormente senador entre 1996 e 2000, ambos os cargos electo pola provincia da Coruña.
Paralelamente, foi elixido concelleiro na Coruña nas municipais de 1987 tras formar parte da candidatura encabezada polo alcalde Paco Vázquez. Foi designado deputado na Deputación da Coruña e candidato do PSdeG-PSOE á presidencia desta institución, na cal os socialistas lograran se-la primeira forza tralas municipais. Pese a establecer un acordo entre o PSdeG e a CPG para que Moreda presidise a Deputación (a cambio, principalmente, de que os socialistas os apoiasen para lograr a alcaldía de Lugo), finalmente os membros desta formación botáronse atrás e apoiaron ao candidato de Alianza Popular José Manuel Romay Beccaría. Porén, as tensións deste último movemento supuxeron unha fenda na CPG que se foi agrandando a medida que moitos membros da organización se ían acercando a AP/PP, ata que 3 dos 5 deputados da CPG, os alcaldes de Santa Comba (ata entón vicepresidente), Coristanco e Mazaricos (co apoio, entre outros, da maioría dos alcaldes da zona da Costa da Morte) racharon cos populares e apoiaron unha moción de censura en xuño de 1989 que fixo presidente a Fernández Moreda. Desta forma, converteuse no primeiro presidente socialista dunha Deputación en Galicia, pasando a gobernar en coalición cos deputados da CPG que o apoiaron, co alcalde de Santa Comba José Manuel Arufe Rieiro como vicepresidente. Nas municipais de 1991 o PSdeG-PSOE logrou a maioría absoluta na Deputación e revalidou a presidencia. A suma ao PSdeG de moitos dos cargos da CPG que apoiaran a moción de censura, e que rexeitaran sumarse ao PP, foi clave nestes resultados.
Tralas municipais de 1995 perdeu a presidencia, logo de que o PPdeG lograse a maioría absoluta na Deputación, polo que renunciou a ser deputado provincial. Nese mandato pasou a ser concelleiro de Urbanismo no goberno de Paco Vázquez na cidade da Coruña. Nese tempo ocupaba unha das vicesecretarías xerais da Executiva Nacional do PSdeG-PSOE, encabezada entón por Vázquez (1994-1998). Tralas municipais de 1999, nas cales o PPdeG lograra de novo a maioría absoluta na Deputación, volveu como deputado e portavoz do grupo socialista na institución, continuando como concelleiro de Urbanismo na Coruña.
Tralas municipais de 2003 recuperou a presidencia da Deputación grazas a un pacto de goberno co BNG, logo de que o PPdeG perdese a maioría absoluta. Revalidou a presidencia tralas das municipais de 2007, establecendo de novo un pacto co BNG e logo de que ambos os socios de goberno gañasen terreo electoral. En novembro de 2009 foi elixido secretario xeral do PSdeG na provincia da Coruña, logo de impoñerse ao deputado autonómico José Manuel Lage no I Congreso provincial do partido.
Tralas municipais de 2011 abandonou a presidencia da Deputación, despois de que o PPdeG lograse a maioría absoluta tras conseguir importantes triunfos nas cidades da provincia. Desta forma, foi portavoz do grupo socialista na institución provincial e continuou como concelleiro na Coruña, onde os socialistas tamén pasaran á oposición. Nese mandato iniciou a súa progresiva retirada da primeira liña política: non concorreu á reelección como Secretario Xeral provincial do partido no Congreso de xuño de 2012 e tralas municipais de 2015 abandonou Concello e Deputación, logo de 28 anos.
Resumo de cargos
editar- Deputado no Congreso dos Deputados (1979-1996).
- Concelleiro na Corporación Municipal da Coruña desde 1987 até 2015. Concelleiro de Urbanismo do Goberno Municipal de 1995 a 2003.
- Presidente da Deputación Provincial da Coruña nos períodos 1989-1995 e 2003-2011. Deputado nos períodos 1987-1995 e 1999-2015.
- Senador na VI lexislatura (1996-2000) do Senado.
- Membro das Comisións de Orzamentos, Constitucional e Mixta do Defensor do Pobo, no Congreso dos Deputados.
- Membro da Comisión Xeral de Comunidades Autónomas.
- Membro da Comisión Executiva Federal do PSOE e responsábel da área de Política Autonómica entre 1981 e 1987.
- Membro do Comité Federal do PSOE.
- Membro de varias comisións executivas e do Comité Nacional do PSdeG-PSOE.
- Secretario de organización e vicesecretario xeral do PSdG-PSOE.
- Vicepresidente da Comisión de Urbanismo da FEMP.
- Membro do Consello Xeral da FEMP.
- Membro do Consello de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa
- Secretario Provincial do PSdeG-PSOE na Coruña dende novembro de 2009 ata xuño de 2012.
- Membro do Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña.
- Patrón de IFECO (Instituto Feiral da Coruña).
- Membro da Comisión Galega de Cooperación.
- Membro da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia.
- Patrón da Fundación Camilo José Cela.
- Patrón da Fundación Gonzalo Torrente Ballester.
- Patrón da Fundación Galicia Emigración
- Patrón da Fundación Democracia e Goberno Local
- Membro do Consello de Administración e da Comisión delegada de Caixa Galicia.
- Vicepresidente primeiro de Caixa Galicia de 2008 a 2011[1].
Galardóns e recoñecementos
editar- Medalla de Ouro Sir John Moore.
- Medalla de Ouro de Cruz Roja Española.
- Medalla de Honra da Emigración (Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais).
- Premio Economista do ano 2008.
Polémicas
editarFroito do seu paso por múltiples institucións pesan sobre el varias polémicas, especialmente a da súa responsabilidade nas licenzas outorgadas cando era concelleiro de urbanismo na Coruña ao predio Conde de Fenosa[2] (sobre o que hai unha orde de derrubamento parcial[3]) e a súa presunta implicación na concesión de xubilacións millonarias a varios exdirectivos da desaparecida Caixa Galicia[4].
Notas
editar- ↑ Caixa Galicia nombra vicepresidente al economista y político Salvador Fernández Moreda galiciae.com, 31 de xullo de 2008.
- ↑ Moreda defiende la legalidad de la licencia del edificio Fenosa www.laopinioncoruna.es, 17/04/2010.
- ↑ «El derribo de Fenosa es como el cuento del lobo», www.lavozdegalicia.es, 31/07/2015.
- ↑ Moreda y Mauro Varela, imputados por los retiros millonarios de la caja Moreda y Mauro Varela, imputados por los retiros millonarios de la caja www.laopinioncoruna.es, 03/11/2013.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarLigazóns externas
editar
Predecesor: Xosé Manuel Romay Beccaría |
Presidente da Deputación da Coruña 1989 − 1995 |
Sucesor: Augusto César Lendoiro |
Predecesor: Xosé Luís Torres Colomer |
Presidente da Deputación da Coruña 2003 − 2011 |
Sucesor: Diego Calvo Pouso |
Predecesor: Moisés Rey |
Sectretario Provincial do PSdeG-PSOE da Coruña 2009 - 2012 |
Sucesor: Francisco Caamaño |