Jorge Batlle

(Redirección desde «Jorge Batlle Ibáñez»)


Jorge Batlle Ibáñez, nado en Montevideo o 25 de outubro de 1927 e finado na mesma cidade o 24 de outubro de 2016, foi un avogado e político uruguaio, presidente do seu país entre 2000 e 2005. É fillo do tamén expresidente Luis Batlle Berres.

Infotaula de personaJorge Batlle Ibáñez
Biografía
Nacemento(es) Jorge Luis Batlle Ibáñez Editar o valor em Wikidata
25 de outubro de 1927 Editar o valor em Wikidata
Montevideo
Morte24 de outubro de 2016 Editar o valor em Wikidata (88 anos)
Montevideo, Uruguai Editar o valor em Wikidata
Causa da morteHemorraxia cerebral Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturaCentral Cemetery of Montevideo (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Cargos
Presidente do Uruguai
Período1 de marzo de 2000 - 1 de marzo de 2005
AntecesorJulio María Sanguinetti
SucesorTabaré Vázquez Rosas
Datos persoais
País de nacionalidadeUruguai Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade da República Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónavogado e político
Partido políticoPartido Colorado
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata
Familia
CónxuxeMercedes Menafra
PaisLuis Batlle Berres Editar o valor em Wikidata  e Matilde Ibáñez Tálice (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
IrmánsLuis Batlle Ibáñez Editar o valor em Wikidata
Premios

Find a Grave: 171773196 Editar o valor em Wikidata

Orixe e mocidade editar

Jorge Batlle naceu en Montevideo o 25 de outubro de 1927 no seo dunha das dinastías políticas máis senlleiras do Uruguai. A súa familia estaba vencellada ao Partido Colorado, hexemónico na política do país: bisneto de Lorenzo Batlle, Presidente da República entre 1868 e 1872 e sobriño neto de José Batlle e Ordoñez, do Presidente en 1899, de novo entre 1903 e 1907, por última vez entre 1911 e 1915. O seu pai, Luis Batlle Berres foi o herdeiro do batllismo, unha tendencia política dentro do Partido Colorado cunha orientación liberal e progresista mais partidaria da intervención pública para artellar un Estado de Benestar.

A súa infancia viuse afectada pola persecución que a ditadura de Gabriel Terra exercía sobre o batllismo e o seu pai pasando tempadas na Arxentina e no Brasil[1]. Obtivo o título de avogado tras estudar Dereito e Ciencias Sociais na Universidade da República.

Traxectoria editar

Na década de 1940 comezou a traballar vencellado aos medios de comunicación propiedade da súa familia como foi Radio Ariel, emisora na que presentaba un programa de jazz, e fixo artigos para o xornal "El Día" (fundado por José Batlle) e en "Acción", cabeceira fundada por seu pai e da que chegaría a ser director[2]. Durante estes anos, despregou unha importante campaña para conseguir a elección do seu proxenitor como Presidente da República en 1947.

A súa carreira política comezou en 1958, cando resultou electo deputado batllista do Partido Colorado, malia a derrota deste por primeira vez en 90 anos fronte o Partido Nacional, máis conservador. Durante os anos 60, Batlle Ibáñez, que mantivo o cargo de deputado ata 1967, amosouse partidario de reformar a Constitución para suprimir o goberno colexiado que existía naquela altura[3] e formou parte da comisión que impulsou e redactou a reforma constitucional[4] que foi aprobada en plebiscito en 1966[1]. Tras a morte de seu pai en 1964, liderou o sector batllista do Partido Colorado, e presentouse por primeira vez á Presidencia do Uruguai en 1966. Nesas eleccións, Batlle Ibáñez foi derrotado polo tamén colorado Óscar Gestido. Volvería candidatarse para as eleccións de 1971, nas que novamente foi derrotado por outro colorado, Juan María Bordaberry.

Durante eses anos, o Uruguai atravesaba unha profunda crise económica e política. As accións da guerrilla tupamara e os poderes extraordinarios concecidos ao presidente Jorge Pacheco Areco, erosionaron o sistema político uruguaio. Moi crítico coa deriva do país Batlle foi preso, en 1972, polas Forzas Armadas do Uruguai por alertar dende o seu xornal das intencións dun grupo de militares de facerse co poder, valéndose para tal fin dos tupamaros. Batlle fixo dende entón un xuízo moi crítico sobre a responsabilidade dos tupamaros na posterior ditadura, pois considerou que foron causa directa do golpe de Estado que liquidou a democracia uruguaia[5]. Doutra banda, Jorge Batlle viuse vítima dunha difamación feita polo senador colorado Manuel Flores, que o acusou de lucrarse grazas á información privilexiada nunha das moitas devaluacións sufridas polo peso uruguaio durante esa crise económica. Ofendido, retouno a un duelo a sabre e, dado que Batlle non se atopaba naquel momento no Uruguai, Julio María Sanguinetti, ministro de Industria, bateuse no seu nome, ferindo o contrincante na man[6]. Ao seu regreso ao país, Batlle Ibáñez volveuse enfrontar co senador colorado[7]. Cómpre indicar que o duelo era unha práctica común entre os políticos uruguaios, sendo regulada pola lei entre 1920 e 1992[8].

En 1973, o Presidente Juan María Bordaberry deu un autogolpe de Estado que deu inicio a ditadura cívico-militar que se prolongará ata 1985. Durante eses anos, disolveuse a Asemblea Xeral do país, suspendéronse as garantías constitucionais e as actividades dos partidos políticos. Jorge Batlle desenvolveu accións políticas na clandestinidade mantendo a actividade opositora do Partido Colorado[9].

Recobrada a democracia, Batlle Ibáñez volveu á primeira liña política. Non podendo concorrer á Presidencia da República debido as leis da ditadura, foi senador entre 1985 e 1989, ano no que se candidatou de novo á xefatura do Estado. As eleccións saldáronse co triunfo claro do Partido Nacional de Luis Lacalle Herrera[10], quenda Batlle en terceira posición tras Lacalle e Líber Seregni, candidato da Fronte Ampla. De novo presentouse como candidato ás eleccións de 1994, nas que sería derrotado polo seu compañeiro de partido, Julio María Sanguinetti, que xa fora presidente entre 1985 e 1990. De novo candidato en 1999, consegue daquela clasificarse á segunda volta das eleccións, na que derrota a Tabaré Vázquez, da Fronte Ampla.

Presidencia editar

Cando asumiu a Presidencia en marzo de 2000, Batlle gozaba dunha alta popularidade[11]. Con todo, o seu período á fronte do goberno foi convulso. Batlle supuxo un cambio significativo no tratamento que dende o Estado uruguaio se daba á cuestión dos detidos desaparecidos durante a ditadura cívico-militar (1973-1985). Batlle creou a Comisión para a Paz coa finalidade de investigar e esclarecer o sucedido[12]. Ademais, debida a precaria situación económica do Uruguai dende había anos, procurou impulsar reformas baseadas na liberalización de mercados, como por exemplo revocando os monopolios que a empresa pública ANCAP mantiña sobre o petróleo[13]. Esta visión promercado e favorable á menor intervención pública na economía supuxo unha viraxe con respecto ás tradicionais propostas do batllismo[14]. No relativo ao Mercosur, Batlle Ibáñez defendeu a integración de Chile e a creación da chamada Area de Libre Comercio das Américas (ALCA).

En 2002, a profunda inestabilidade económica arxentina (corralito) e os problemas financeiros que arrastraba o Uruguai dende había anos fixeron estalar unha profunda crise que impactou no goberno de Batlle Ibáñez. O Uruguai, en recesión dende finais dos anos 90 e cunha crise gandeira, un dos seus motores económicos, viu como os seus bancos facían fronte a importantes retiradas de depósitos que ameazaban coa súa viabilidade. Ante a gravidade da situación, Batlle renovou o equipo económico do goberno e declaráronse varias xornadas festivas nos bancos (finais de xullo principios de agosto de 2002). Paralelamente, o Estado uruguaio negociou un préstamo co Fondo Monetario Internacional, as dúbidas deste foron despexadas cando o presidente G.W. Bush respaldou ao Uruguai condendo un préstamo de 1 500 millóns de dólares[15]. Grazas a isto, o Uruguai puido evitar a suspensión de pagos e recapitalizar as súas entidades financeiras. Con todo, foron días de extraordinaria tensión política e social, sucedéndose en Montevideo o saqueo de establecementos comerciais. O axuste da crise recaeu nun empobrecemento das clases populares e medias, aínda que nos meses posteriores a situación económica mellorou mantendo taxas de crecemento positivo dende 2003[16]. Durante a súa presidencia visitou Galicia, no ano 2004, mantendo reunións co presidente Fraga e visitando Ence en Pontevedra[17] e Inditex[18], en Arteixo.

Criticado moitas veces por impulsivo, Jorge Batlle viuse envolto en dúas polémicas con dous países americanos. Dunha parte, en abril de 2002, o presidente de Cuba, Fidel Castro, acusou a Batlle de ser un "lacaio" dos Estados Unidos, o que motivou que Batlle dese orde de romper as relacións diplomáticas entre ambos países[19]. Isto provocou que Castro o calificase de "xudas"[20]. Doutra parte, en xuño de 2002 fixo unhas declaracións, mentres cría que non estaba sendo rexistrado, nas que ridiculizou o pobo arxentino chamándoos "ladróns" e á administración arxentina por corrupta; logo de ser emitidas as imaxes, Batlle disculpouse persoalmente nunha visita ao Presidente da Nación Arxentina, Duhalde[21].

As eleccións de 2004 certificaran a desfeita do Partido Colorado e, en 2005, entregou o poder a Tabaré Vázquez, primeiro presidente candidato a Fronte Ampla.

Retirado da vida política dende entón continuou sendo unha referencia política dentro e fóra do seu partido. Adicado á cría de cabalos na súa estancia, faleceu en 2016 en Montevideo onde estaba hospitalizado por mor dun hematoma intracraneal orixinado tras unha caída na súa casa de Tacuarembó[22].

Casado en dúas ocasións foi pai dunha filla e un fillo[23]. Era seareiro do Club Nacional de Football[24].

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Anónimo (2014-08-12). "Batlle Ibañez". Parlamento del Uruguay (en castelán). Consultado o 2021-03-28. 
  2. "Los principales acontecimientos de la vida política de Jorge Batlle". Montevideo Portal (en castelán). Consultado o 2021-03-28. 
  3. Rodríguez Metral, Matías (2017). "Entre la reforma y la unidad. Las elecciones internas de 1965 de la Lista 15 del Partido Colorado". Contemporánea 8: 123–140. ISSN 1688-7638. 
  4. "La Reforma Constitucional - Diario La República" (en castelán). 2016-07-07. Arquivado dende o orixinal o 14 de agosto de 2018. Consultado o 2021-03-28. 
  5. ElPais. "Batlle: sin guerrilla "no hubiera habido golpe de Estado militar"". Diario EL PAIS Uruguay (en spanish). Consultado o 2021-03-29. 
  6. Prieto, Martin (1984-03-24). "Un asunto estrictamente entre caballeros". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-03-28. 
  7. "LOS ÚLTIMOS DUELOS". LARED21 (en castelán). 2011-11-28. Consultado o 2021-03-28. 
  8. "La ley de duelo y sus peripecias". 30-7-2019. Consultado o 29-3-2021. 
  9. "Correo de los Viernes - Presidente Jorge Batlle". www.correodelosviernes.com.uy. Consultado o 2021-03-29. 
  10. Comas, José (1989-11-27). "Abrumadora derrota electoral del Gobiemo uruguayo". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-03-29. 
  11. ElPais. "Falleció el expresidente Jorge Batlle Ibáñez". Diario EL PAIS Uruguay (en spanish). Consultado o 2021-03-29. 
  12. "Creación y evolución histórica". Secretaría de Derechos Humanos para el Pasado Reciente (en castelán). Consultado o 2021-03-29. 
  13. "CIDOB". CIDOB. Consultado o 2021-03-29. 
  14. Observador, El. "El Batlle que cambió el batllismo". El Observador. Consultado o 2021-03-29. 
  15. Agencia (2002-08-05). "EEUU adelanta a Uruguay los 1.500 millones de dólares que le entregará el FMI el jueves". Cinco Días (en castelán). Consultado o 2021-03-29. 
  16. "Overview". World Bank (en inglés). Consultado o 2021-03-29. 
  17. "El presidente de Uruguay visita Ence sin la presencia de Lores". La Voz de Galicia (en castelán). 2004-02-04. Consultado o 2021-03-29. 
  18. "FEDCAM". www.fedcam.com. Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2021. Consultado o 2021-03-29. 
  19. "Uruguay rompe con Cuba tras sentirse agraviado por unas palabras de Castro". La Voz de Galicia (en castelán). 2002-04-24. Consultado o 2021-03-29. 
  20. Vicent, Mauricio (2002-04-24). "Fidel llama 'judas abyecto' al presidente de Uruguay". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2021-03-29. 
  21. "Duhalde acepta las disculpas de Batlle por llamar a los argentinos «banda de ladrones»". La Voz de Galicia (en castelán). 2002-06-04. Consultado o 2021-03-29. 
  22. cronicas (2016-10-25). "Falleció el expresidente Jorge Batlle". Crónicas (en castelán). Consultado o 2021-03-29. 
  23. Arregui, Miguel. "Las mil vidas de un profeta inoportuno". www.elobservador.com.uy (en castelán). Consultado o 2021-03-29. 
  24. "Sitio Oficial del Club Nacional de Football - Nacional recuerda al Dr. Jorge Batlle". Sitio Oficial del Club Nacional de Football (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2021. Consultado o 2021-03-29. 
Presidente do Uruguai

Segue a:
Julio María Sanguinetti
Jorge Batlle
Precede a:
Tabaré Vázquez Rosas
Partido Colorado

 
 Este artigo sobre unha personalidade é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.