Joan Salvador i Riera
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Joan Salvador i Riera, nado en Barcelona o 1 de decembro de 1683 e finado o 21 de febreiro de 1726, foi un boticario e naturalista catalán.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1 de decembro de 1683 Barcelona, España |
Morte | 21 de febreiro de 1726 (42 anos) Barcelona, España |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Coroa de Aragón |
Actividade | |
Ocupación | naturalista , farmacéutico , botánico |
Lingua | Lingua castelá e lingua catalá |
Familia | |
Pai | Jaime Salvador y Pedrol |
Irmáns | Josep Salvador i Riera (pt) |
Parentes | Joan Salvador i Boscà (en) (avó) |
Traxectoria
editarEra o fillo máis vello de Jaume Salvador i Pedrol, tamén boticario e naturalista. Graduouse como mestre en artes no Estudo Xeral de Barcelona en 1700 e dous anos máis tarde semella que foi admitido no Colexio de Boticarios barcelonés.
Estudou botánica en Francia, con Peire Magnol en Montpellier e mais con Joseph Pitton de Tournefort, amigo do seu pai (con quen herborizara polo Principado e polo País Valenciano), en París. Viaxou por Occitania e por Italia, retornando a Barcelona no outono de 1706, cando a cidade se convertera en corte do pretendente Carlos III e, na traseira do seu pai, reuníanse en tertulia diferentes facultativos dos exércitos aliados (ingleses, neerlandeses, savoianos) interesados na historia natural.
Participación na Guerra de Sucesión española
editarMalia a situación bélica, Salvador mantivo correspondencia e intercambios con correspondentes, como os ingleses James Petiver e Hans Sloane ou o neerlandés Hermann Boerhaave. Durante a Guerra de Succesión viaxou a Mallorca e Menorca, xa ocupada esta polos británicos, sendo un dos primeiros en herborizar nestas illas de maneira sistemática. Participou na defensa de Barcelona contra as forzas de Filipe V, até o punto de que algún dos seus correspondentes chegou a dalo por morto durante o asalto final do día 11 de setembro de 1714.
Viaxe pola Península Ibérica
editarAcabada a guerra, en 1715, foi nomeado correspondente da Academia Real de Ciencias de París, acompañando no ano seguinte a Antoine de Jussieu, enviado polo Rexente de Francia, nunha viaxe por España e Portugal destinado a refacer e ampliar os itinerarios botánicos de Tournefort e enriquecer as coleccións de plantas destes territorios para os herbarios do Jardin du Roi (Xardín do Rei) parisiense. Joan Salvador redactou un diario da viaxe. Nel dá, aínda que por desgraza dunha maneira esquemática, noticias e as súas impresións dos lugares que visitaban, nunha península que acababa de saír da guerra.
Traballou durante anos na redacción dunha flora de Cataluña, hoxe perdida, mais da cal pode dar idea o herbario que achegou, actualmente conservado no Institut Botànic (Instituto Botánico) de Barcelona.
A Galiza que viu Salvador
editarJoan Salvador e os seus compañeiros entraron en Galiza desde Portugal o 20 de abril de 1717. A primeira terra que pisou foi Salvaterra de Miño, para dirixirse desde aí para O Porriño, Redondela e Pontevedra. A Salvador pareceulle que a lingua galega era semellante ao portugués (la llengua que parlen los gallegos és casi com lo portuguès, però ab diferent accent)[Cómpre referencia] e tamén que as xentes vestían semellante. Anotou tamén que neste treito os cereais sementados eran cebada e maínzo. O 23 de abril chegaron a Santiago de Compostela. Causoulle mala impresión a cidade (los carrers, mals i tots ab voltes: as rúas, malas e retortas ; és molt humida per totes parts i un poc malsana: é moi húmida por todos lados e un tanto malsán),[Cómpre referencia] porén fala mellor da catedral, da que indica que ten dúas torres "ben feitas", e describe con certo pormenor, dando noticia do botafumeiro. O día 25 partiron de Santiago, camiño de Lugo, pasando polo mosteiro de Sobrado, dando as queixas habituais dos viaxeiros que pasaron por Galiza, sobre a incomodidade dos aloxamentos (estiguérem també malament, entre porcs, vaques etc.: pasámolo mal, entre porcos, vacas etc.).[Cómpre referencia] Apenas paran en Lugo, onde chegan o 27 de abril e marchan o 28. No camiño do Cebreiro anota que hai neve nas montañas e que durante o inverno non se pode pasar por causa desa neve. O 29 de abril pasaron xa ao reino de León, aínda que o 30, Salvador indica de Vilafranca do Bierzo: "és l'última vila de Galicia, encara que ells no es tenen per gallegos" (é a última vila de Galiza, aínda que non se teñen por galegos"). En total apenas botaran unha decena de días en Galiza, dos cales un terzo os pasaran en Santiago.
Obra
editar- Botanomasticon Catalonicum sive Catalogus plantarum quae in Cataloniae Montibus, Sylvis, Pratis, Campis et Maritimis sponte nascuntur... (obra perdida).
- Relació del viatge d'Espanya i Portugal fet per ordre de sa Majestat Cristianissima Lluis XV i de monsenyor lo Duc dÓreleans, regent de França, des lo mes d'octubre de 1716 fins lo mes de maig 1717 (...). Editado modernamente por Ramon Folch i Guillén: Barcelona. Edicions 62. 1972