Jet d'Eau de Xenebra

fonte en Xenebra, Suíza

Coordenadas: 46°12′27″N 6°09′21″L / 46.207388, 6.155904

O Jet d'eau de Xenebra é un chafariz de auga vertical de 140 metros de altura[1] situado en Xenebra (Suíza). É un dos principais atractivos turísticos da cidade dende 1891.

O primeiro chafariz de auga en La Coulouvrenière arredor de 1886
Vista dende o espigón de Les Eaux-Vives

Historia

editar

Durante o século XIX Xenebra medrou de xeito significativo. Pasou de 64 000 habitantes en 1850 a máis de 100 000 en 1890. A auga era un ben imprescindíbel, tanto para o desenvolvemento da industria como para a poboación.

Ante iso decidiuse construír na cidade unha central hidroeléctrica en La Coulouvrenière, que entrou en servizo o 17 de maio de 1886. A súa misión era distribuír a forza do Ródano aos artesáns de Xenebra. Pola noite, cando os artesáns paraban as máquinas, producíase un exceso de presión. Os operarios de La Coulouvrenière tiveron que bulir e parar as bombas, pois non podían prever cando se produciría dita sobrepresión. Entón xurdiu a idea de crear un caudal adicional mediante unha válvula de seguridade. Esta permitiría controlar a presión liberando cara ao ceo a auga da sobrepresión.[2] Acaba de nacer o primeiro chafariz, de 30 metros de altura. Porén, a partir de 1889 a función da válvula de seguridade volveu ao depósito de Bessinge, preto de Cologny.

O primeiro chafariz

editar

En xullo de 1891, con motivo do 600º aniversario da Confederación Suíza, o goberno municipal de Xenebra, consciente do interese estético e turístico, decidiu recrealo no espigón de Les Eaux-Vives, no corazón da enseada. O novo chafariz, que entón acadaba os 90 metros, foi inaugurado durante o festival federal de ximnasia e alumeado ese 2 de agosto. Estaba composto por un potente chafariz central e outros catro máis pequenos dispostos en forma de abano, que foron retirados posteriormente. Este novo chafariz só funcionaba os domingos.

O chafariz alumeouse co amarelo, o verde, o violeta, o vermello e o branco. Finalmente escolleuse esta última cor de xeito definitivo, considerada a máis espectacular. A iluminación interrompeuse en 1931, xa que os espigóns volvéranse demasiado brillantes e o efecto dos focos sobre o chafariz volvérase menos notábel. En 1906 instaláronse dous equipos de motobombas, o que permitiu que o chafariz funcionase durante toda a semana.

Localización actual

editar

Na década de 1930 propúxose a idea de construír un punto de bombeo independente e se conectase o chafariz á rede de auga potábel. Os planos en detalle do chafariz actual elaboráronse en 1947 e foron aprobados o ano seguinte. Os custos foron asumidos por SIG (a empresa pública das subministracións de auga, gas e electricidade) e o goberno municipal. As obras comezaron en 1950 e a primeira proba rematou o 28 de abril de 1951. Inaugurouse ese 3 de maio. Un punto de bombeo autónomo parcialmente mergullado permite que funcione durante todo o ano coa auga do propio Lago Lemán.

Ata 2003 o chafariz parábase todos os anos por mantemento o segundo domingo de outubro e reiniciábase o marzo seguinte, coa apertura do Salón Internacional do Automóbil. Só se poñía en funcionamento en ocasións destacadas, como a primeira reunión entre o presidente estadounidense Ronald Reagan e o seu homólogo soviético Mikhail Gorbachev durante o cumio de 1985, no contexto da guerra fría.

O 15 de novembro de 2015 o chafariz foi alumeado coas cores da bandeira de Francia para conmemorar os atentados de París de novembro de 2015.[3] Interrompeuse entre o 20 de marzo e o 11 de xuño de 2020 para sinalar o confinamento debido á pandemia de COVID-19.[4]

Características

editar
 
Vista aérea dende a marxe dereita
 
Vista do Lago Léman e o chafariz dende a cidade
  • Altura media do chafariz: 140 metros
  • Velocidade de saída da auga: 200 km/h
  • Caudal: 500 litros por segundo
  • Dous equipos de motobombas cunha potencia total de 1.000 kW de 2.400 V. Levan o nome de montañas próximas a Xenebra: Salève (bomba 1) e Jura (bomba 2)
  • Caudal de cada equipo: 250 litros por segundo
  • Potencia de iluminación: 9 000 W
  • Número de proxectores: 12, con lámpadas de haluros metálicos
  • Coordenadas: 46° 12′ 26″ N, 6° 09′ 22″ E

O brillo branco do chafariz débese a unha embocadura de 16 cm de diámetro que enche de burbullas de aire a auga proxectada.

A auga suspendida no aire ten unha masa dunhas 8 toneladas. Unha pinga de auga tarda 16 segundos desde a súa saída até volver caer ao lago.

editar

O Jet d'Eau de Xenebra aparece na secuencia de cabeceira da serie británica The Champions.[5] Esta produción da década de 1960 narra as aventuras de tres axentes secretos membros dunha organización chamada Némesis, con sede en Xenebra.

  1. "Jet d'eau". Ville de Genève (en francés). Consultado o 23 de xullo de 2023. 
  2. "Sites et patrimoine: le Jet d’eau de Genève". SIG (en francés). Consultado o 23 de xullo de 2023. 
  3. "Attaques à Paris: le jet d’eau aux couleurs de la France". Le Dauphiné Libéré (en francés). 16 de novembro de 2015. Consultado o 24 de xullo de 2023. 
  4. Cattaneo, Roxane (10 de xuño de 2020). "Le Jet d'eau reprend du service!". Radio Lac (en francés). Consultado o 24 de xullo de 2023. 
  5. The Champions- Opening Scene (YouTube) (en inglés). 21 de agosto de 2006. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Mayor, Jean-Claude (1991). Le jet d'eau de Genève: un centenaire qui a du panache (en francés). Xenebra: Services industriels - Tribune Éditions. OCLC 715541275. 
  • Williamson, Elizabeth (1990). Le Jet d'Eau de Genève: De Cendrillon à la Princesse des contes de fées (en francés). Xenebra: Slatkine. ISBN 9782051011068. LCCN 91177732. 

Ligazóns externas

editar