Jane Austen

novelista británica

Jane Austen, nada en Steventon o 16 de decembro de 1775 e finada en Winchester o 18 de xullo de 1817, foi unha novelista inglesa. Foi autora de obras de ficción romántica localizada entre a clase acomodada rural, que a converteron nunha das escritoras máis lidas da literatura inglesa. O seu realismo, a súa penetrante análise da sociedade da época, unida ao seu uso da narración indirecta libre e a ironía, fan dela un dos máis estimados e influentes novelistas do século XIX segundo os críticos e estudosos[1].

Jane Austen
CassandraAusten-JaneAusten(c.1810) hires.jpg
Nacemento16 de decembro de 1775
 Steventon
Falecemento18 de xullo de 1817 e 24 de xullo de 1877
 Winchester
Causadoença de Addison
SoterradaCatedral de Winchester
NacionalidadeReino de Gran Bretaña
EtniaPobo inglés
RelixiónIgrexa Anglicana
Alma máterReading Abbey Girls' School e The Abbey School
Ocupaciónescritora, escritora de contos e novelista
PaiGeorge Austen
NaiCassandra Austen
IrmánsEdward Austen Knight, Francis Austen, Cassandra Austen, Charles Austen, George Austen, Henry Thomas Austen e James Austen
Coñecida porOrgullo e prexuízo, Emma, Persuasión, Sense and Sensibility, Mansfield Park e Northanger Abbey
Jane Austen signature from her will.svg
editar datos en Wikidata ]
Gravado de 1870 realizado sobre un debuxo feito pola súa irmá.

TraxectoriaEditar

Primeiros anosEditar

Jane Austen naceu o 16 de decembro de 1775 en Steventon, Hampshire, Inglaterra, sendo a sétima filla do reverendo George Austen, o pastor anglicano local, e da súa esposa Cassandra (de solteira Leigh). Austen viviu toda a súa vida como parte dunha familia situada no chanzo máis baixo da burguesía rural.[2] O reverendo Austen era unha especie de titor e complementaba os ingresos da súa familia dando clases particulares a estudantes que residían na súa casa. A familia estaba composta por oito irmáns, con Jane e a súa irmá maior, Cassandra, as únicas mulleres. Cassandra e Jane eran confidentes e hoxe coñécense unha serie de cartas da súa correspondencia. O apoio da súa familia foi esencial para a súa evolución como escritora profesional.[3]

En 1783, Jane e Cassandra foron á casa da señora Cawley en Southampton para estudar baixo a súa tutela; con todo, tiveron que regresar a casa debido a unha enfermidade infecciosa en Southampton. Entre 1785 e 1786, ambas foron estudantes dun internado en Reading, un lugar que puido inspirar a Jane para describir o internado da señora Goddard que aparece na novela Emma. A educación que Austen recibiu alí foi a única que tivo fóra da familia. Por outra banda, o reverendo Austen tiña unha gran biblioteca e, segundo o seu propio relato nas súas cartas, tanto ela como a súa familia eran "lectores ávidos de novela e non se avergoñaban diso". Así como leu novelas de Fielding e Richardson, tamén leu a Frances Burney. O título de Orgullo e prexuízo, por exemplo, foi extraído dunha frase deste autor, na novela Cecilia.

Entre 1782 e 1784, os Austen fixeron representacións teatrais na casa reitoral de Steventon, que entre 1787-1788 foron elaboradas grazas á colaboración da súa curmá, Eliza de Feuillide, á que dedicou Love and Friendship. Nos anos posteriores a 1787, Jane Austen escribiu, para diversión da súa familia, Juvenilia, que inclúe varias parodias da literatura da época. Entre 1795 e 1799 comezou a escribir as primeiras versións das novelas que se publicaron baixo os títulos de Sense and Sensibility, Orgullo e prexuízo e Northanger Abbey (antes Elinor and Marianne, First Impressions e Susan, respectivamente). Probablemente tamén escribiu nese momento Lady Susan. En 1797, o seu pai quería publicar Orgullo e prexuízo, mais o editor negouse.

Non hai probas de que Jane fose cortexada por ninguén malia un breve amor xuvenil con Thomas Lefroy (parente irlandés dun amigo de Austen), aos 20 anos. En xaneiro do ano seguinte, 1796, escribiu á súa irmá dicindo que todo rematara, xa que non podía casar por motivos económicos. Pouco despois, a tía de Lefroy intentou achegar a Jane ao reverendo Samuel Blackall, pero non lle interesou.

En 1800, o seu pai decidiu mudarse a Bath, unha cidade que Jane non apreciaba moito. Naquela época, a familia adoitaba ir á costa todos os veráns e foi nunha destas viaxes cando Jane coñeceu un home que se namorou dela. Cando marchou, decidiron volver a verse, mais morreu. Este feito non aparece en ningunha das súas cartas, aínda que foi escrito moitos anos despois e non se sabe canto puido afectar a Austen a relación. Hai quen a considera unha inspiración para Persuasión.

En decembro de 1802, estando Jane e Cassandra coa familia Bigg preto de Steventon, Harris Bigg-Wither propúxolle matrimonio a Jane e ela aceptou. Probablemente rompeu o compromiso o día seguinte[4] e marchou con Cassandra a Bath. Cassandra comprometeuse con Thomas Fowle, que morreu de febre amarela no Caribe en 1797. Thomas Fowle non podía permitirse o luxo de casar e o compromiso pospúñase dende 1794; fora ao Caribe como militar, só para gañar cartos. Nin Jane nin Cassandra Austen casaron.

En 1803, Jane Austen conseguiu vender a súa novela Northanger Abbey (daquela titulada Susan) por 10 libras esterlinas, aínda que o libro só se publicou catorce anos despois. É posible que nesa ocasión comezase a escribir The Watsons, abandonando pronto a idea.

En xaneiro de 1805, o seu pai morreu, deixando a súa muller e as súas fillas nunha situación economicamente precaria, e pasaron a depender dos seus irmáns e da pequena cantidade que herdara Cassandra do seu prometido.

En 1806, os Austen mudáronse a Southampton, preto do porto deportivo de Portsmouth, o que lles permitiu visitar frecuentemente os seus irmáns Frank e Charles, que servían na mariña, chegando a ser almirantes.

En 1809 mudáronse a Chawton, preto de Alton e Winchester, onde o seu irmán Edward podía aloxalos nunha pequena casa nunha das súas propiedades. Esta casa tiña a vantaxe de estar en Hampshire, o mesmo condado da súa infancia. Unha vez instalada, Jane retomou as súas actividades literarias revisando Sense and Sensibility, que foi aceptada por un editor en 1810 ou 1811, aínda que o autor asumiu os riscos da publicación. Publicouse de xeito anónimo en outubro como pseudónimo: "By a Lady". Segundo o diario de Fanny Knight, sobriña de Austen, recibiu unha "carta da tía Cass pedindo que non se mencionase que a tía Jane era a autora de Sense and Sensibility".[5] Houbo algúns comentarios favorables e sábese que os beneficios de Austen foron de 140 libras.

Carreira literariaEditar

Animada polo éxito de Sense and Sensibility (1811), o seu primeiro traballo, a autora tamén intentou publicar Orgullo e prexuízo, que foi vendida en novembro de 1812 e publicada en xaneiro de 1813. Ao mesmo tempo, comezou a traballar en Mansfield Park. En 1813, a identidade da autora de Orgullo e prexuízo comezou a estenderse, grazas á popularidade da obra e á indiscreción da familia. Ese mesmo ano publicouse a segunda edición dos seus traballos e en maio de 1814 apareceu Mansfield Park, obra da que se venderon todos os exemplares en seis meses e Austen comezou a traballar en Emma.

Foi o seu irmán Henry, que vivía en Londres, o encargado de negociar coas editoriais e, cando Jane foi a Londres, quedou na súa casa. En 1813, Henry Austen foi tratado polo señor Clarke, doutor do príncipe rexente, quen, ao descubrir que Austen era a autora de Orgullo e prexuízo e Sense and Sensibility, obras de que gozou moito, pediulle que solicitase a Henry que lle dedicase a seguinte novela da autora. É posible que tal solicitude tardase en chegar a ela, xa que nas súas cartas non tiña boa opinión sobre os príncipes, debido ás súas coñecidas infidelidades.[6]

En Chawton, Austen non tiña a mesma intimidade que en Steventon e a anécdota narrada por James Austen-Leigh, sobre a porta "chiadora" que Austen solicitou para ocultar o manuscrito que escribía.

En decembro de 1815 publicouse Emma, ​​dedicada ao príncipe rexente e, no ano seguinte, unha nova edición de Mansfield Park. O segundo non tivo o éxito dos traballos anteriores e as perdas desequilibraron as ganancias da primeira edición.

MorteEditar

Austen comezou Persuasión en agosto de 1815, mais un ano despois comezou a sentirse mal. A principios de 1817 comezou Sanditon, aínda que tivo que abandonar o traballo debido á súa saúde. Para recibir tratamento médico, levárona a Winchester, onde morreu o 18 de xullo de 1817 con 41 anos. As súas últimas palabras foron: "Non quero máis que a morte".[7]

No seu testamento, legou todo o que tiña á súa irmá Cassandra. Nese momento non se coñecía a causa da súa morte; hoxe en día, considérase que foi por mor da enfermidade de Addison. Está enterrado na catedral de Winchester.[8]

O epitafio, na catedral de Winchester, non mencionaba que foi autora de coñecidas novelas. En 1872, despois de que James Edward Austen-Leigh publicase as súas memorias, colocouse unha nova placa explicando a súa condición de escritora e subliñando: {{cita|"She opened her mouth with wisdom and in her tongue is the law of kindness"[9]

EstiloEditar

As obras de Austen critican as novelas sentimentais da segunda metade do século XVIII e son parte da transición ao realismo do século XIX.[10]. Os argumentos, cheos de ironía como base da súa comicidade, reflicten a dependencia que a muller tiña do matrimonio para asegurar a súa posición social e económica.[11]. No seu tempo as súas obras non lle deron moita fama persoal e só recibiu unha poucas críticas positivas, pero a publicación por un seu sobriño en 1869 de A Memoir of Jane Austen deuna a coñecer entre un público máis amplo e cara a 1940 era amplamente aceptada como unha das grandes escritoras de lingua inglesa e as súas obras consideradas clásicos da literatura universal. Na segunda metade de século XX viu unha proliferación de estudos sobre a súa obra e a súa adaptación ao cine e á televisión.

ObrasEditar

Novelas
Ficción inacabada
Outras obras
  • Sir Charles Grandison (adaptación ao teatro) (1793, 1800)[a]
  • Plan of a Novel (1815)
  • Poems (1796–1817)
  • Prayers (1796–1817)
  • Letters (1796–1817)
Juvenilia—Volume primeiro (1787–1793)[b]
  • Frederic & Elfrida
  • Jack & Alice
  • Edgar & Emma
  • Henry and Eliza
  • The Adventures of Mr. Harley
  • Sir William Mountague
  • Memoirs of Mr. Clifford
  • The Beautifull Cassandra
  • Amelia Webster
  • The Visit
  • The Mystery
  • The Three Sisters
  • A beautiful description
  • The generous Curate
  • Ode to Pity
Juvenilia—Volume segundo (1787–1793)
Juvenilia—Volume terceiro (1787–1793)

NotasEditar

  1. O título completo desta obra é Sir Charles Grandison or The happy Man, a Comedy in 6 acts. Para máis información, Southam (1986), 187–189.
  2. Esta listaxe de Juvenilia está tomada de The Works of Jane Austen. Vol VI. 1954. Ed. R.W. Chapman e B.C. Southam. Oxford: Oxford University Press, 1988, ampliada con información adicional reflectida en Margaret Anne Doody e Douglas Murray, eds. Catharine and Other Writings. Oxford: Oxford University Press, 1993.
Referencias
  1. Southam, B. C., The Critical Heritage, 1870–1940. Vol. 2; Grey, J. David, ed. The Jane Austen Companion. Nova York: Macmillan, 1986, 102.
  2. Lascelles, Mary. Jane Austen and Her Art 1939, 2
  3. Lascelles, 4–5; MacDonagh, 110–28; Honan, 79, 183–85; Tomalin, 66–68.
  4. Le Faye (2014), xxi; Fergus (2005), 7–8; Tomalin (1997), 178–181; Honan (1987), 189–198.
  5. "Cartas de Jane Austen, edição de Brabourne". 
  6. Opiniões de Jane Austen sobre as infidelidades do príncipe e sua esposa
  7. Biography of Jane Austen (1818), escrita polo seu irmán Henry Austen. John Murray. Londres. Reimpresa en 1833.
  8. Jane Austen en Find a Grave (en inglés)
  9. En galego: Abriu a boca con sabedoría e na súa lingua está a lei da bondade.
  10. Litz, A. Walton. Jane Austen: A Study of Her Development. , 3–14; Grundy, "Jane Austen and Literary Traditions", The Cambridge Companion to Jane Austen, 192–93; Waldron, "Critical Responses, Early", Jane Austen in Context, p. 83, 89–90; Duffy, "Criticism, 1814–1870", The Jane Austen Companion, 93–94.
  11. MacDonagh, 66–75; Collins, 160–161.
  12. Traducida ao galego por Celia Recarey e publicada por Irmás Cartoné en 2017.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Collins, Irene. Jane Austen and the Clergy. Londres: The Hambledon Press, 1994. ISBN 1-85285-114-7.
  • Fergus, Jan. "Biography". Jane Austen in Context. Ed. Janet Todd. Cambridge: Cambridge University Press, 2005. ISBN 0-521-82644-6. 3–11
  • Honan, Park. Jane Austen: A Life. Nova York: St. Martin's Press, 1987. ISBN 0-312-01451-1.
  • Le Faye, Deirdre. "Chronology of Jane Austen's Life". The Cambridge Companion to Jane Austen. Eds. Edward Copeland and Juliet McMaster. Cambridge: Cambridge University Press, 2014. ISBN 978-0-521-74650-2. xv–xxvi
  • MacDonagh, Oliver. Jane Austen: Real and Imagined Worlds. New Haven: Yale University Press, 1991. ISBN 0-300-05084-4.
  • Tomalin, Claire. Jane Austen: A Life. Nova York: Alfred A. Knopf, 1997. ISBN 0-679-44628-1.

Ligazóns externasEditar