Ivan Goncharov

escritor ruso
(Redirección desde «Iván Goncharov»)

Ivan Aleksandrovich Goncharov (en ruso: Иван Александрович Гончаров), nado en Simbirsk (actualmente Ulianovsk) o 6 de xullo de 1812 e finado en San Petersburgo o 15 de setembro de 1891, foi un escritor ruso coñecido sobre todo pola súa novela Oblómov, que relata a historia dun home que decide voluntariamente non erguerse da cama, e que foi tomada como símbolo da decadencia dunha parte da sociedade rusa.

Ivan Goncharov
Ivan Goncharov.jpg
Nome completoIvan Aleksandrovich Goncharov
Nome de nacementoИван Александрович Гончаров
Nacemento6 de xuño de 1812, 6 de xuño de 1812, 18 de xuño de 1812 e 1812
Lugar de nacementoUlianovsk
Falecemento15 de setembro de 1891 (79 anos)
Lugar de falecementoSan Petersburgo
Causapneumonía
SoterradoLiteratorskie mostki
NacionalidadeImperio Ruso
EtniaPobo ruso
Alma máterFaculty of History and Philology of Moscow University
Ocupaciónlingüista, escritor, novelista, tradutor, ensaísta, crítico literario, prosista, xornalista de opinión e crítico de teatro
Coñecido pornovela Oblómov
Na rede
IMDB: nm0327199 Musicbrainz: bd7cf98f-bf4e-468e-9f2e-333db2d18917 Find a Grave: 10178736 Editar o valor em Wikidata
Ivan Goncharov - signature.jpg
editar datos en Wikidata ]
Ivan Goncharov.

TraxectoriaEditar

Iván Goncharov era fillo dun rico comerciante de cereais, que tivo responsabilidades políticas na cidade e morreu cando Goncharov tiña só sete anos. Foi Avdotia Matveevna, súa mai, quen se ocupou da educación primaria do fillo. Estudou francés e alemán e, xa de neno, era un lector apaixonado, que lía a Mikhail Lomonosov, Vasili Zhukovski, Voltaire e Rousseau. En 1822 entrou na escola de comercio en Moscova, e en 1831, ingresou na facultade de filoloxía da Universidade de Moscova na que foi testemuña dunha conferencia de Alexander Pushkin, que o encheu de admiración. Na universidade estaban naquel tempo tamén Vissarion Belinski e Mikhail Lérmontov, cos que non tivo ningunha relación. Durante os anos de universitario publícanse as súas primeiras experiencias literarias: algunhas traducións do francés.

O funcionarioEditar

Acabada a universidade, marcha a Simbirsk para servir na chancelería do gobernador entre os anos 1834 e 1835. No verán de 1835 viaxa a San Petersburgo, onde traballou dez anos como pequeno funcionario no ministerio de finanzas. Estes anos servíronlle para coñecer de cerca o mundo da burocracia e dos comerciantes, experiencia que lle ía servir como material literario. Confesaba dedicar tódalas horas mortas do traballo á literatura.

Nos anos 1838 e 1839 aparecen publicados algúns poemas seus de ton romántico e os seus primeiros relatos humorísticos como Счастливая ошибка (Schastlivaia oshibka. Un erro feliz). Traballar de profesor particular nunha familia peterburguesa permitiulle entrar en contacto con xente do mundo literario. Coñece a Vissarion Belinski, que ía influír moito no seu desenvolvemento persoal. A súa primeira novela Обыкновенная история (Obyknobennaia istoria. Unha historia corrente), de 1847, foi moi ben recibida pola crítica, valeulle o recoñecemento público e permitiulle deixar atrás as dúbidas sobre a súa capacidade para ser escritor. A obra trata do conflito entre a nobreza e a emerxente clase dos comerciantes, e foi valorada como un intelixente ataque ó romanticismo e o sentimentalismo. A seguinte novela que publicou foi Ivan Savitch Podzhabrin (1848, un estudo filosófico-naturalista).

A fragata PaladaEditar

Goncharov, amante desde a infancia da literatura de viaxes, manifestara sempre o seu desexo de viaxar ó estranxeiro, mais a decisión de envialo en 1852 ó Xapón en barco co cargo de secretario do almirante da expedición, provocoulle certa inquedanza. Durante os dous anos seguintes estivo en Inglaterra, Suráfrica, Singapur, China e finalmente en Nagasaki, o único porto xaponés aberto ós estranxeiros. Esta viaxe e o accidentado retorno a Petersburgo por terra (a guerra con Inglaterra fixo imposible a vía marítima) atravesando Siberia foron a base para o libro de impresións da viaxe editado co titulo de Фрегат Паллада (Fregat Pallada) en 1858.

O censorEditar

En 1856 concedéronlle o cargo de censor literario, o que se engadía á tarefa de ensinar literatura rusa ó príncipe herdeiro, o que provocou o desprezo dos seus antigos coñecidos de ideas liberais. Permitiu a edición das daquela prohibidas Zapiski oxhotnika (Notas dun cazador) de Ivan Turguenev, dun libro de poemas de Nikolai Nekrasov e da novela de Aleksei Pisemski Tysacha dush (Mil almas), pero foi moi estrito coas publicacións de ton radical, polo que as relacións cos seus colegas literarios empeoraron. Goncharov rexeitaba que o considerasen un liberal e era totalmente contrario ós socialistas democráticos. Aborrecido co endurecemento das normas de censura, deixa ó ano seguinte o seu cargo de censor, se ben posteriormente foi de novo chamado a un posto de moita responsabilidade no departamento de censura, que non deixou definitivamente ata 1867.

Novela OblomovEditar

A súa obra máis importante e coñecida Oblómov apareceu o ano 1859 e tivo un éxito enorme, proporcionándolle ó autor uns ingresos de 10.000 rublos. A sona da novela espallouse polos círculos cultivados rusos e a obra provocou un intenso debate. As interpretacións da obra son múltiples. A inacción e indolencia do protagonista foron vistas por algúns como símbolo da situación de estancamento da sociedade rusa da época e foi con este sentido que a palabra “oblomovismo” se incorporou á lingua rusa. Oblomov transformouse axiña nun dos mitos da literatura rusa.

A súa derradeira novela Обрыв (Obryv. O precipicio) que escribira durante case vinte anos, apareceu en 1868. Nela opóñense a ideoloxía nihilista revolucionaria dun personaxe cínico e os valores tradicionais e relixiosos dunha bondadosa anciá, polos que ao final se acaba decantando Vera, a moza protagonista. Antes da publicación lera xa fragmentos dela a Ivan Turguenev, a quen despois acusou de plaxialo na súa novela Отцы и дѣти (Otsy i Dieti. Pais e fillos). As continuas sospeitas de ser plaxiado de Goncharov (que acusou mesmo a Gustave Flaubert de aproveitar informacións sobre a súa obra que tería recollidas de Turgenev) son se cadra unha proba dos problemas psicolóxicos de Goncharov nos seus últimos anos, que pasou enfermo e en total retiro. Morreu ós 79 anos de idade en San Petersburgo, onde está enterrado.